Un home que traballaba nas obras de ampliación da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande morreu a primeira hora desta tarde ao caer desde un noiro situado baixo o viaduto nas proximidades da rotonda na que conflúen os tráficos da autoestrada, do Corredor do Morrazo e da estrada de Vilaboa. O accidente produciuse nunha zona de difícil acceso e motivou o desprazamento non só dos servizos sanitarios, que só puideron certificar o falecemento, senón tamén dos bombeiros.
Hai dúas semanas o sindicato protestou no mesmo lugar polas "xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora" a que están sometidos os operarios
Hai dúas semanas a CIG realizou nesa mesma zona, no extremo norte da ponte, o máis próximo ao Morrazo, unha protesta polas condicións laborais dos traballadores. O sindicato denunciou “xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora, incluíndo todos os conceptos salariais”, algo que consideraba “un perigo para a integridade” dos operarios. Unha semana despois, o sindicato informou de que a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Dragados e Grupo Puentes, contratada para a obra pola concesionaria, Audasa, baixo autorización do Ministerio de Fomento, se comprometera a que “as subcontratas que se encargan dos traballos cumpran o convenio en materia de xornada e de salario”.
Para o secretario nacional da CIG-Construción, Xoán Xosé Melón, o sucedido en Rande é a "crónica dun accidente anunciado". "Dábanse todas as condicións para que se producise un sinistro tan grave, víase vir", lamenta, toda vez que o persoal "leva tempo observando problemas de seguridade como a caída de material e de ferramentas dende grandes alturas con xeite debaixo traballando". "O propio falecido -asegura- comentara días atrás que non estaba contento soa súa situación".
