0 Gardados para despois

Outro falecido eleva a 9 os mortos nas obras do AVE galego, baixo investigación xudicial

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Un xulgado de Verín investiga desde xaneiro un posible delito contra os dereitos dos traballadores

O falecemento este mércores do condutor dun camión das obras do AVE que envorcou en Laza, nas proximidades da estación de Prado, vén de elevar a nove as persoas mortas na construción das liñas da alta velocidade galega desde o seu comezo a principios da pasada década, seis deles nos últimos anos na conexión coa Meseta e os outros tres en anos previos no Eixo Atlántico e na liña Ourense-Santiago. O pasado xaneiro, cando a cifra ía aínda polos catro falecidos na conexión coa Meseta, un xulgado de Verín abriu unha investigación penal por esa sinistralidade laboral tras unha denuncia da CIG.

Ata a deste mércores, a última morte rexistrada nas obras do AVE entre Galicia e Meseta producírase o pasado 28 de xuño, cando morreu un obreiro portugués ao que no seu primeiro día de traballo lle caeron enriba uns ferros. O accidente rexistrouse na localidade de Lobeznos, no municipio zamorano de Pedralba, moi próximo xa a Galicia.

A última morte en Galicia, en Laza como a deste mércores, producírase hai tres anos, pero o pasado xuño faleceu outro obreiro en Zamora, nas proximidades da fronteira con Ourense

A sinistralidade laboral nas obras do AVE na liña entre Ourense e Zamora, onde se está a concentrar nos últimos anos o groso dos traballos, levou á CIG a presentar o pasado decembro unha denuncia nun xulgado de Verín contra a Xunta e o Estado por prevaricación e delitos contra os traballadores. O sindicato pedía que se investigasen non só os accidentes con mortos senón un total de nove de carácter grave nos que tamén houbo feridos. A finais de xaneiro o xulgado decidiu abrir unha investigación penal por un posible delito contra os dereitos dos traballadores e reclamar documentación sobre os sinistros á inspección laboral.

Os accidentes mortais tanto no Eixo Atlántico como na liña á Meseta coinciden cos periodos de maior intensidade das obras en ambas as dúas actuacións

A primeira pedra do AVE galego, do que daquela non ía ser máis que unha reforma da vella vía entre A Coruña e Vigo, púxose o 21 de xullo de 2001. E a primeira redución considerable dos tempos non chegaría ata a inauguración en 2007 do AVE Madrid-Valladolid, co que o galego, na súa conexión coa Meseta, comparte os primeiros quilómetros entre Madrid e Olmedo. Foi ese mesmo ano, o 7 de setembro de 2007, cando se produciu a primeira morte nas obras en Galicia cando se derrubou un viaduto en construción no Carballiño e morreu un capataz vigués de 45 anos da empresa Comsa e resultaron feridos outros catro traballadores. Aquel primeiro accidente mortal saldouse no xulgado dez anos despois sen culpables penais. Dúas semanas máis tarde un obreiro de Ferrovial de 23 anos de Mazaricos morreu ao envorcar a súa escavadora en Cerceda. E en xullo de 2009 un topógrafo de 27 anos de Salvaterra do Miño foi aplastado por un camión nun túnel en Arcade.

Eses anos coincidiron coa maior intensidade dos traballos nas liñas do Eixo Atlántico e Ourense-Santiago, que se puxeron en servizo a partir de 2011. Non volveu rexistrarse outro accidente mortal ata que volveu haber outro incremento notable da actividade, desta volta na liña á Meseta. Foi alí, en Vilar de Barrio, onde o 2 de abril de 2013 morreu un enxeñeiro madrileño de 37 anos de Vías y Construcciones atropelado nun túnel. Un ano máis tarde, o 15 de abril de 2014, un mecánico asturiano de 53 anos de Copisa faleceu golpeado por unha pa no túnel da Canda, no fronteirizo municipio zamorano de Lubián, sen que a súa morte transcendese en Galicia. E dous meses despois, o 17 de xuño de 2014, un traballador de 42 anos de Sevial Proyectos y Obras morreu ao caer a escavadora que conducía por un noiro entre A Gudiña e Vilariño de Conso. O último morto rexistrado nas obras en territorio galego data do 15 de setembro de 2015, en Laza, cando cedeu a cesta dunha grúa na que traballaba un operario asturiano de 31 anos que resultou falecido e quedou ferido grave outro traballador. Durante os tres anos seguintes non se produciu ningún accidente mortal máis ata o falecemento en xuño do traballador portugués de 41 anos en Pedralba, feito repetido agora novamente en Laza cun hombre de 60 anos natural de Vilardevós.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.