0 Gardados para despois

A CIG denuncia a Xunta e Estado por prevaricación e delitos contra os traballadores nas mortes de obreiros do AVE

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

O sindicato pide aos xulgados de Verín que investiguen nove accidentes graves producidos desde 2013 na construción da liña nos que morreron catro persoas

A CIG presentou este mércores no xulgado de instrución de Verín unha denuncia penal contra a Consellería de Economía, Emprego e Industria e contra o Ministerio de Emprego por prevaricación e varios delitos contra os dereitos dos traballadores polo que considera “desleixo absoluto” das dúas administracións á hora de evitar varios accidentes graves ocorridos desde 2013 nas obras do AVE nos que morreron catro traballadores. Desde o comezo dos traballos os mortos son xa sete e a investigación polo primeiro falecido, en 2007, vén de saldarse dez anos despois sen culpabeis penais.

A CIG salienta que a inspección laboral declárase incompetente para investigar os accidentes nos túneles, onde a competencia recae no departamento de Minas

Na súa denuncia penal, a CIG enumera nove sinistros desde 2013 nos treitos do AVE que discorren pola provincia de Ourense. O sindicato salienta que nas obras que se están a realizar na Gudiña e Vilar de Barrio “a concentración de accidentes de traballo, mesmo mortais, é de tal magnitude que revela non só un deficiente funcionamento dos servizos públicos senón un desleixo absoluto, tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral e dereitos dos traballadores/as por parte das empresas adxudicatarias das obras e das administracións públicas concedentes, como na responsabilidade 'in vigilando' da esixencia dese cumprimento”, da que fai responsable a Xunta e Goberno central.

A CIG salienta que vén realizando sucesivas denuncias desa situación pola vía administrativa “sen obter máis resultados que promesas de analizar a sinistralidade na zona e, mesmo, declaracións de incompetencia, por parte da Inspección de Trabajo y Seguridade Social, para poder acceder aos túneles do AVE”. Isto é así porque cando os sinistros se producen no interior dos túneles a súa investigación corre a cargo da inspección de Minas, e non da Seguridade Social ou do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. O sindicato di que, ante esta situación, “farta de acudir a organismos que se pasan a pelota duns a outros, vén de presentar denuncia penal” por delitos de prevaricación e contra os dereitos dos traballadores.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.