A xestión de Adif e Fomento cos populares Ana Pastor e Íñigo de la Serna como ministros foi censurada polo Tribunal de Cuentas hai catro anos e agora unha nova condena obriga a máis indemnizacións a unha construtora pola paralización
En 2016 e 2017, cos populares Ana Pastor e Íñigo de la Serna como ministros de Fomento, Adif suspendeu totalmente as obras de varios treitos da liña de AVE entre Galicia e a Meseta. Fíxoo con decisións que se tomaron, segundo certificou en 2020 o Tribunal de Cuentas, de xeito "contrario ao disposto na lei", "incoherente" e cunha "inadecuada planificación". Aquelas paralizacións custaron cartos e seguen a custalos, segundo revela unha sentenza da Audiencia Nacional do pasado 22 de setembro que condena o Estado a indemnizar a unha construtora con 325.000 euros polos custos que lle supuxo a paralización das obras.
Cando en novembro de 2016 o popular Íñigo de la Serna chegou ao Ministerio de Fomento atopou diversas obras paralizadas por motivos técnicos ou administrativos desde meses antes, da etapa da súa antecesora Ana Pastor. Aquela situación levouno a ampliar de 2018 a 2020 o prazo para a entrada en servizo do groso da liña, data que posteriormente asumiu o socialista José Luis Ábalos pero que sería novamente demorada ata decembro de 2021, cando finalmente foi inaugurada.
As paralizacións de 2016 e 2017 decidíronse de xeito "contrario ao disposto na lei", "incoherente" e cunha "inadecuada planificación", segundo o Tribunal de Cuentas
O Tribunal de Cuentas analizou os motivos daquelas paralizacións e a comezos de 2020 fixo público un crítico informe, avanzado por Praza.gal, que detectou todo tipo de irregularidades e falta de planificación. Posteriormente a presidenta do ente fiscalizador, María José de la Fuente, ratificou no Senado que aquelas demoras tiveron un custo non só económico senón tamén social, pola "falta de posta a disposición dos cidadáns dun servizo público para o que se estableceu unha data".
As empresas construtoras afectadas polas paralizacións reclamaron diversos importes polos danos e prexuízos sufridos, unhas demandas que aínda están a ter recorrido xudicial. Así, o pasado 22 de setembro a Audiencia Nacional emitiu unha sentenza que condena o Estado a pagar 325.000 euros á construtora Vías y Construcciones SA, filial do grupo ACS, de Florentino Pérez, por distintos gastos derivados da paralización do treito Ponte Ambía-Taboadela entre o 7 de marzo de 2016 e o 15 de febreiro de 2017.
A empresa xa obtivera unha sentenza previa parcialmente favorable ás súas reclamacións por parte do xulgado central do Contencioso-Administrativo, que lle recoñecera o dereito a unha indemnización duns 70.000 euros polos gastos de reinicio da actividade. Pero recorreu e agora a Audiencia Nacional considera que a indemnización debe abarcar tamén outros custos. Así, suma ao xa recoñecido outros 236.000 euros por gastos como os salarios do persoal que tivo que seguir mantendo como imprescindible mentres estivo parada a obra ou o custo do alugueiro de oficinas e consumos destas.
A sentenza tamén recoñece o dereito da empresa a recibir outros 19.000 euros polo custo que lle supuxo prorrogar seguros e garantías contratuais. A sentenza, pola contra, non recoñece outros gastos xerais que a empresa argumentaba como propios de toda construtora pero que a Audiencia Nacional considera que non xustificou adecuadamente.
A sentenza constata que "despois dun período tan longo de paralización da obra había unha serie de actividades que deberon levarse a cabo" e que deben ser pagadas á construtora
A sentenza di, entre outras cousas, e en relación aos gastos de reinicio dos traballos admitidos pola propia Adif, que entre as partes implicadas no proceso "non se debateu que despois dun período tan longo de paralización da obra había unha serie de actividades que deberon levarse a cabo" como limpeza da vexetación, renovación da sinalización de seguridade, acondicionamento da depuradora ou selado e compactado da obra.
A construtora á que agora a Audiencia Nacional recoñece o dereito a ser indemnizada foi no seu momento condenada por usar nese mesmo treito e outros da mesma liña de alta velocidade a traballadores aos que recorría para unha ou outra obra como se fosen persoal indefinido pero aos que despois despediu por fin de obra argumentando que eran temporais.