O Tribunal de Cuentas desvela que Adif paralizou obras do AVE galego en 2016 e 2017 de xeito irregular

Fragmentos do informe do Tribunal de Cuentas sobre unha imaxe das obras do AVE na provincia de Ourense en decembro de 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Un informe do ente fiscalizador sinala que entre 2014 e 2017, co PP á fronte, a empresa pública só executou o 49% do previsto, con decisións que cualifica como contrarias á lei, incoherentes ou froito de “inadecuada planificación”

En 2016 e 2017 Adif suspendeu totalmente os traballos en diversos treitos da liña de AVE entre Galicia e a Meseta con procedementos que o Tribunal de Cuentas considera irregulares e, nalgún caso, contrarios á lei. Así o certifica o ente fiscalizador nun informe que vén de facer público no que se analizaron expedientes de suspensión de contratos en liñas de alta velocidade de todo o Estado entre 2014 e 2017. No caso do AVE galego a fiscalización sinala que as suspensións foron realizadas nalgún caso de xeito “contrario ao disposto na lei” e di de varias desas decisións que foron tomadas de xeito “incoherente”, por “inadecuada planificación”, por “falta de coordinación entre administracións” e mesmo pagando posteriormente “actuacións executadas sen cobertura contractual”.

Feijóo e De la Serna, na reunión na que adiaron os prazos do AVE CC-BY-SA Praza Pública

O bloqueo das obras levou ao daquela ministro Íñigo de la Serna a aprazar de 2018 a 2020 o prazo para a entrada en servizo do groso da liña, pero agora se coñecen os motivos reais e as irregularidades daquelas suspensións dos traballos

Sabíase, porque así o admitiu o daquela ministro de Fomento, o popular Íñigo de la Serna, que cando chegou ao cargo en novembro de 2016 substituíndo á súa antecesora Ana Pastor, nomeada presidenta do Congreso, atopou diversas obras do AVE bloqueadas por diversos problemas técnicos ou administrativos. Aquela situación levouno a ampliar de 2018 a 2020 o prazo para a entrada en servizo do groso da liña, data que posteriormente asumiu o actual ministro socialista, José Luis Ábalos e que agora está no aire pola imposibilidade de concretar a duración das probas de seguridade. O que agora revela o informe do Tribunal de Cuentas son os motivos reais que estiveron detrás daquelas paralizacións, como se tramitaron administrativamente de xeito irregular e como se resolveron con importantes sobrecustos.

O informe comeza indicando que na liña Olmedo-Lubián-Ourense “nos exercicios 2014 a 2017 o importe executado ascendeu a 1.556 millóns de euros, o que representou un 49,2% do importe estimado recollido nos programas de execución plurianual por importe de 3.161 millóns”. A porcentaxe de execución, no ano 2016, caeu ata o 28,5% do previsto no Programa de Actuación Plurianual (PAP).

Adif suspendeu as obras de forma parcial neses treitos en varias ocasións, pero chegou a facelo tamén de forma total por períodos que oscilaron entre os cinco e os oito meses entre decembro de 2015 e agosto de 2017

No seu momento o ministro cuantificara en 17 os contratos paralizados e agora o Tribunal de Cuentas fala de 18 dun total de 127 vixentes no AVE galego durante o período fiscalizado. Porén, entre eles hai un contrato que malia estar incluído na liña galega se refire a unha obra de conexión da mesma coa liña que en Miranda del Campo se desvía cara a Salamanca. Ademais, outros varios contratos eran para actuacións posteriores á construción da plataforma da liña, a obra clave naquel momento, como pantallas de protección acústica ou o instalación das vías. Deses 18 contratos suspendidos, por importe de 1.075 millóns, o Tribunal de Contas decidiu fiscalizar 11, dos que a principal causa de paralización debeuse, en seis casos, á “modificación do proxecto inicial”. Adif suspendeu as obras de forma parcial neses treitos en varias ocasións, pero chegou a facelo tamén de forma total por períodos que oscilaron entre os cinco e os oito meses entre decembro de 2015 e agosto de 2017.

Adif argumenta desde imprevistos na calidade xeolóxica do terreo ata o impacto das choivas, pero o Tribunal de Cuentas desmonta boa parte das súas explicacións

Entre os motivos argumentados por Adif para xustificar esas modificacións e as suspensións que supuxeron mentres se redactaban eses cambios hai desde imprevistos na calidade xeolóxica do terreo que obrigaron a redeseñar túneles ata o impacto das choivas ou para acompasar traballos dalgúns túneles cos paralelos executados por outros adxudicatarios e que debían coordinarse por cuestións de seguridade. Porén, o Tribunal de Cuentas atopa numerosas irregularidades na maioría desas modificacións.

No treito Cerdedelo-Prado o ente fiscalizador di que “algunhas das actuacións en que consistiu o modificado afectaron ás características e procedemento construtivo das estruturas do túnel, o que resulta contrario ao disposto no artigo 92 [da lei de contratos] xa que a modificación do contrato debe limitarse a introducir as variacións estritamente indispensables”. Na construción da vía dereita do treito Vilariño-Campobecerros Cuentas sinala que co modificado por parte de Adif “recoñecéronse actuacións executadas sen cobertura contractual”

Na vía esquerda do treito Vilariño-Campobecerros a suspensión total das obras para tramitar un modificado do proxecto acordouse en decembro de 2016, “cando se executara o 100% do importe de adxudicación”. “Non resulta coherente que se acorde a suspensión das obras para tramitar unha modificación do contrato se se executara xa a totalidade do mesmo”, censura Cuentas.

O Tribunal de Cuentas ve "falta de previsión" no treito Prado-Porto, un dos máis polémicos da liña, cun traballador falecido, unha condena laboral contra unha construtora e dano ambiental aos ríos da zona

Na vía esquerda do túnel de Prado modificouse o deseño do subterráneo e Cuentas sinala que “tales actuacións puideran parecer que se deben a erros no proxecto, pero realmente poñen de manifesto que son consecuencia dunha inadecuada planificación na redacción do mesmo e que non obedecen a necesidades ou causas imprevistas”. Similar “falta de previsión” atribúe o Tribunal de Cuentas ao treito Prado-Porto, un dos máis polémicos da liña, cun traballador falecido, unha condena laboral contra unha construtora e dano ambiental aos ríos da zona. O treito foi adxudicado no seu momento por 104 millóns de euros (máis IVE) pero tras anos de demora e modificacións “o contratista interpuxo varias reclamacións por danos e prexuízos ocasionados polas suspensións por importe de 25 millóns de euros”.

Rajoy e a daquela ministra de Fomento Ana Pastor nunha visita ao treito Prado-Porto, un dos máis polémicos do AVE galego Dominio Público La Moncloa

Ademais deses seis treitos analizados por Cuentas nos que a suspensión das obras é atribuída a modificacións dos proxectos iniciais, as paralizacións rexistradas noutros cinco expedientes analizados polo ente fiscalizador, xa non de construción de plataforma senón de actuacións posteriores, son atribuídas a “incumprimento do prazo legal para a aprobación do proxecto de modificación”, “atraso parcial no comezo dos traballos”, “suspensión debida á paralización doutros contratos directamente vinculados co contrato fiscalizado” ou “falta de coordinación entre administracións”.

Cuentas tamén analizou tres suspensións de obras no Eixo Atlántico, pero estas eran traballos de remate cando a liña xa estaba a piques de poñerse en servizo e apenas sumaban 36 millóns

O informe do Tribunal de Cuentas analiza todas as liñas de alta velocidade do Estado, tamén a do Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, pero no período de fiscalización o groso desa actuación xa estaba a piques de rematar. O ente sinala que nesas obras e nese período “foron obxecto de suspensión tres do 69 expedientes que se atopaban en curso” por un total de 36 millóns de euros, traballos de remate e por unha contía mínima comparada cos máis de 2.000 millóns de euros que custou a súa execución desde 2001.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.