Xunta e Fomento admiten que a chegada do AVE en 2018 era imposible e adíana agora a 2020

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

Sexta data fetiche para as conexións ferroviarias galegas de alta velocidade con Madrid. Tras 2009, data sinalada no inicio dos traballos do que se presentaba como xermolo do AVE galego, chegaron 2010, 2012, 2015 e 2018. E dende este martes, 2019. O ano no que se celebrarán as vindeiras eleccións municipais e europeas é o anunciado polo ministro de Fomento e o presidente da Xunta como novo horizonte. Concretamente, o "terceiro trimestre" dese exercicio, isto é, despois deses comicios, pero só para a chegada en probas, polo que o prazo efectivo será 2020.

Íñigo de la Serna recibiu este martes na sede do seu Ministerio a Alberto Núñez Feijóo, á conselleira de Infraestruturas e mais ao xefe do gabinete do presidente para lles referendar a demora. Tras unhas dúas horas de xuntanza o titular da Xunta anunciou ante a prensa que, segundo De la Serna, ese é o novo prazo para que as obras "estean concluídas" e transiten polas vías os "trens de comprobación".

Feijóo e De la Serna fixan para o "terceiro trimestre" de 2019 a "conclusión" das obras, tras as que cómpren uns catro meses de probas de seguridade

Non é a data, daquela, para a entrada en servizo, para que sexa posible viaxar en tren de alta velocidade entre Galicia e a Meseta, tal e como se fixara ata agora e tal e como esixira o PP galego ao ministro socialista José Blanco. Deste xeito a nova demora roldará cando menos os dous anos, se ben Feijóo reduce o "deslizamento da finalización" a "oito ou nove meses".

O propio ministro De la Serna admite que tras o remate das obras a posta en servizo da liña non é, nin de lonxe, inmediata. Cómpren uns tres ou catro meses de probas, explica polo que no escenario máis optimista estes traballos estarán concluídos antes de 2020.

O novo prazo non implica a variante de Taboadela, que a Xunta defendeu como esencial para o remate mentres gobernou o PSOE en España

O trazado que ambos dirixentes presentan como o da chegada definitiva do AVE a Galicia non é, así e todo, o que o propio goberno da Xunta vía esencial no ano 2011, cando o PSOE aínda gobernaba en España e Feijóo consideraba que o trazado non se podía dar por finalizado ata a súa conclusión. A variante de Taboadela, en Ourense, non estará operativa nin de lonxe nesa data e os primeiros trens circularán cunha solución provisional. "Estamos en disposición -sinala o ministro- de realizar un investimento que non será menor, que será importante, para conseguir reducir sensiblemente os tempos de viaxe entre Toaboadela e Ourense". El mesmo, mantén, visitará as obras cada tres meses para "comprobar o seu estado".

Situación das obras entre Zamora e Ourense

O PP incluíu o prazo de 2018 no programa das eleccións do pasado setembro malia ser xa inviable

A ultima data politicamente vixente ata agora durou algo máis de catro anos nos discursos oficiais, aínda que tecnicamente tornara en imposible moito antes. Fora lanzada a finais do verán de 2012, mes e medio antes das eleccións galegas dese outono, e o encargado de poñela en escena fora Mariano Rajoy nun acto de partido compartido con Feijóo. Ese horizonte incluíuse nos sucesivos programas electorais do PP tanto para os comicios xerais como para os autonómicos, tamén nos do pasado setembro, cando na súa proposta programática os populares galegos fixaban 2018 como horizonte "irrenunciable" para o remate da liña malia ser xa inviable.

Malia a esas promesas o presidente da Xunta defende agora que a nova demora vén provocada polo feito de que o Goberno de España estivese en funcións durante un ano. Mentres o Executivo de Rajoy tiña as súas competencias limitadas ambos mandatarios teimaron en anunciar o 2018.

A imposibilidade de cumprir o prazo mantido polos dous primeiros ministros de Fomento do goberno Rajoy, Ana Pastor e -interinamente- Rafael Catalá non foi admitida publicamente ata o pasado decembro, cando De la Serna chegou ao Ministerio e mantivo o seu primeiro encontro institucional con Feijóo. "Quero ser realista e trasladarlles o que realmente hai", dixera daquela o ex-alcalde de Santander, recoñecendo que as "dificultades de execución" e os "problemas administrativos" provocaban que non estivese "en condicións de trasladar un prazo concreto".

Feijóo e De la Serna, na reunión na que adiaron os prazos do AVE CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.