O Goberno galego admite "ausencia de recursos humanos e materiais propios na Dirección Xeral de Mobilidade" e busca unha empresa que lle facilite tres enxeñeiros por uns 115.000 euros ao ano
Durante anos os gobernos galegos do PP criticaron actuacións ferroviarias desenvolvidas por gobernos estatais socialistas ou eloxiaron as de executivos centrais populares malia carecer a Xunta de persoal especializado nesa materia. Desde hai algo máis dun ano, moi lentamente, a actual Xunta de Alfonso Rueda vén movéndose lixeiramente para mudar esa eiva coa creación nominal dun Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias, o nomeamento dunha funcionaria con coñecementos ferroviarios e agora coa convocatoria dun concurso público para contratar unha empresa que leve unha "oficina técnica do ferrocarril" con tres enxeñeiros por uns 115.000 euros ao ano.
Na xustificación de motivos do concurso agora convocado a Consellería de Presidencia argumenta que a contratación "xustifícase ante a ausencia de recursos humanos e materiais propios na Dirección Xeral de Mobilidade para asumir directamente estas tarefas de carácter especializado e técnico". "Resulta de vital importancia neste contexto dispoñer dun apoio técnico cunha capacidade analítica flexible e inmediata que permita dar resposta á constante evolución das infraestruturas ferroviarias", engade.
O que fará esa nova oficina técnica será dar "apoio especializado en ferrocarril" a Mobilidade, servir de "punto de información para a dinamización da loxística ferroviaria", facer "seguimento das infraestruturas ferroviarias para o impulso do Corredor Atlántico do Noroeste e a súa rede complementaria, así como a conexión da alta velocidade Galicia-Norte de Potugal", e traballos un "visor de seguimento do estado de obras e investimentos" ou "medición do impacto do Corredor Atlántico".
A oficina técnica do ferrocarril que agora quere contratar a Xunta poderá se prorrogada ata os novos prazos que a UE estableza para o Corredor Atlántico
Esta nova oficina técnica do ferrocarril deberá contar con tres enxeñeiros, un como director e dous como técnicos. O importe total da licitación, incluídos os soldos e os gastos de oficina, é de 211.000 euros por un período estimado de 22 meses, isto é, uns 115.000 euros ao ano. Pero os pregos de condicións aclaran que ese prazo poderá ser prorrogado ata os novos prazos que a Unión Europea estableza para o Corredor Atlántico.
Esa oficina técnica do ferrocarril chega despois de que en agosto do pasado ano a Xunta mudase a súa estrutura para crear un Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias dentro da Dirección Xeral de Mobilidade. Unha mudanza na que a propia Xunta rebaixou a importancia do ferroviario poñendo o foco en que o novo departamento se creaba fundamentalmente para asumir as competencias en materia de aeródromos e heliportos que veñen de ser traspasadas hai uns días polo Estado.
O departamento de Mobilidade, por outra banda, malia non contar con prazas específicas de funcionariado con atribucións ferroviarias, xa conta cunha funcionaria con coñecementos sobre a materia. Comeza así a paliarse unha eiva que quedou de manifesto no xuízo polo accidente de Angrois, cando a Xunta impuxo a dedo como peritos xudiciais a dous funcionarios propios sen experiencia previa en materia ferroviaria.
Os novos pasos chegan logo de que a Xunta renunciase ao prometido Ente Ferroviario Galego e a un comité para "aproveitar" o AVE anunciado por Feijóo en 2022
Estas mudanzas chegan, en todo caso, logo de que a Xunta renunciase a crear un Ente Ferroviario Galego, prometido por Feijóo en 2009. O Goberno galego tamén se acabou desentendendo do anuncio realizado por Feijóo en 2022 de que se crearía un "comité multidisciplinar" de "expertos" que achegaría "propostas" para "aproveitar" mellor a chegada do AVE a Galicia.