Tras renunciar á súa promesa de crear un Ente Ferroviario Galego, a Xunta crea na Dirección de Mobilidade un Servizo de Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias co foco nas primeiras e unha xenérica referencia aos trens
Tras lograr a transferencia de competencias en materia de Costas, o Goberno galego está a poñer o seguinte foco en demandar do Estado a xestión dos aeródromos e heliportos non comerciais de Galicia. Nesa liña, e sen lograr aínda do Goberno de Pedro Sánchez esa cesión, a Xunta vén de crear na Dirección Xeral de Mobilidade un Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias. As súas funcións estarán centradas no eido aeronáutico e os trens só contan cunha referencia xenérica. Un paso que se dá máis dunha década despois de que o Goberno galego renunciase á promesa do PPdeG de crear un Ente Ferroviario Galego e veña desentendéndose de impulsar iniciativas propias nese eido máis alá de criticar ao Goberno de España.

É o Diario Oficial de Galicia deste mércores o que reflicte o paso administrativo que dá agora o Goberno galego na súa nova batalla co central para obter as competencias en materia de aeródromos. A través dun Decreto modifícase a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, na que está actualmente a Dirección Xeral de Mobilidade, para dotar a esta, na súa Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte, dun novo Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias.
Faise, segundo a exposición de motivos do DOG, para posibilitar o traspaso a Galicia das competencias en materia de aeródromos, hidroaeródromos e heliportos, "distintas dos aeródromos de uso público en que se realizan operacións de transporte comercial de pasaxeiros, mercadorías ou correo".
Segundo o DOG, estas serán as funcións do novo Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias:
- a) A tramitación de autorizacións de establecemento e apertura ao tráfico das instalacións aeronáuticas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
- b) As actuacións inspectoras nas instalacións aeronáuticas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
- c) A tramitación de expedientes sancionadores derivados das actuacións anteriores.
- d) A xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.
- e) A programación de investimentos, obras e instalacións de transporte por ferrocarril, aéreo e por cable no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.
- f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral

A Xunta renunciou ao Ente Ferroviario Galego e malia non contar con prazas de funcionariado experto na materia, como constatou o xuízo de Angrois, vén criticando todo tipo de decisións técnicas do Ministerio de Transportes
A referencia nestas funcións ao tren, máis alá do nome do servizo, é xenérica e chega tras anos nos que a Xunta vén centrando as súas políticas ferroviarias en criticar todo tipo de decisións técnicas ao Ministerio de Transportes. Faino malia non contar entre o seu cadro de persoal con prazas para expertos nesa materia, como constatou o xuízo polo accidente de Angrois, no que o Goberno galego impuxo dous funcionarios propios sen experiencia que foron obviados na sentenza do caso.
Lonxe queda a promesa de Feijóo en 2009, plasmada no seu programa electoral, de "crear un Ente Ferroviario Galego que xestione as cercanías e que dirixa a construción e explotación dos metros lixeiros das áreas metropolitanas da Coruña e Vigo". O Goberno galego chegou a sacar a concurso unha asistencia técnica para redactar o proxecto de lei dese ente, pero non pasou dese punto e a Xunta renunciou tamén aos metros lixeiros.
O Goberno galego obviou os servizos ferroviarios no deseño da súa estratexia de mobilidade e aparcou a promesa de Feijóo de crear un "comité de expertos" para rendibilizar o AVE coa Meseta
Nos últimos anos a Xunta tamén obviou os servizos ferroviarios no deseño da súa estratexia de mobilidade. E mesmo aparcou a promesa de Feijóo, lanzada en 2022 ao tempo que se inauguraba a liña de AVE coa Meseta, de crear un "comité multidisciplinar" de "expertos" para rendibilizar esa nova infraestrutura.
A Xunta vén renunciando así a desenvolver o punto 8 do artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que di que "corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva" de "vías férreas e estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma, e, nos mesmos termos, o transporte efectuado por estes medios ou por medio de cables". Pola contra, agora aposta por desenvolver o punto 9 do mesmo artigo que fala dos "portos, aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado, e os portos refuxio e portos e aeroportos deportivos".
