A estratexia de mobilidade da Xunta aposta pola comunicación metropolitana pero relega o tren de proximidade

Tren entre Vigo e A Coruña CC-BY-SA Jon T2008

Dende este martes o Goberno galego ten en exposición pública (abrindo un período de dous meses para presentara alegacións) a súa Estratexia Galega de Mobilidade, un conxunto de documentos que "sentan as bases para redeseñar o novo mapa da mobilidade" para o país, a partir da análise da situación actual de infraestruturas e usos, das necesidades e riscos e oportunidades presentes e da súa evolución futura máis probable. Esta ferramenta debería servir, polo tanto, para o deseño das políticas de mobilidade e transporte en Galicia para as vindeiras décadas, nas que o Goberno galego aposta por "diminuír a contaminación atmosférica e mellorar a calidade do aire nas cidades" mediante a adopción de "novos hábitos de mobilidade".

O Goberno galego aposta por "diminuír a contaminación atmosférica e mellorar a calidade do aire nas cidades" mediante a adopción de "novos hábitos de mobilidade"

A Estratexia Galega de Mobilidade define 13 obxectivos con accións estruturadas en 12 programas transversais, 30 subprogramas e 98 actuacións no ámbito da mobilidade sostible, un conxunto de boas intencións baseadas "nun coñecemento moi detallado dos patróns de mobilidade" actuais da cidadanía galega, tanto das zonas urbanas coma das comarcas rurais, espazos moi distintos entre si que determinan adopción de dous modelos de mobilidade: a urbana e a rural.

A Estratexia de Mobilidade fai fincapé nos desprazamentos de proximidade, de concellos co seu centro comarcal ou de tipo metropolitano entre as cidades e as localidades da súa contorna. Os documentos detallan que só entre o 2,6 e o 4,2% dos desprazamentos se realizan entre Galicia e lugares de fóra da comunidade autónoma e entre o 5,6% e o 7,8% son movementos entre distintas provincias galegas. En xeral, o 55% dos desprazamentos totais en Galicia son de distancia inferior a 20 quilómetros. As viaxes entre as sete cidades apenas representan un 3% do total, de xeito que as relacións máis importantes das principais cidades son cos municipios da súa área metropolitana, "que practicamente son unha extensión delas mesmas" sinala o documento.

Principais relacións de comunicación das 7 grandes cidades galegas nun día laborable de inverno © EGM

Para a redución dos desprazamentos apóstase por fomentar "actuacións que garantan a existencia de produtos e servizos básicos de proximidade na contorna". E o Goberno galego pon como exemplos "a dotación de oficinas bancarias en todos os municipios de Galicia" ou "o reforzo do número de centros de Atención Primaria",

As prioridades do novo sistema de mobilidade proposto son "reducir a necesidade de desprazamentos, reducir distancias, reducir emisións e, de forma transversal, contribuír á redución da sinistralidade". Para a redución dos desprazamentos apóstase, por exemplo, por fomentar "actuacións que garantan a existencia de produtos e servizos básicos de proximidade na contorna". E o Goberno galego pon como exemplos "a dotación de oficinas bancarias en todos os municipios de Galicia" ou "o reforzo do número de centros de Atención Primaria", obxectivos que contrastan coa actual realidade de peche de sucirsais bancarias ou coa falta de persoal sanitario suficiente en moitos centros de saúde do país.

O novo modelo de mobilidade proposto pretende reducir o uso do vehículo privado en favor do uso de modos de transporte máis sustentables, "para o que é necesario xerar un cambio no comportamento da poboación galega", sinala o documento da Xunta. "Para lograr este cambio promoveranse actuacións que contribúan a diminuír a demanda de mobilidade da poboación galega, con medidas como o fomento do teletraballo, teleformación, ordenación do territorio, e implantar a mobilidade compartida como unha nova forma de moverse e seguir potenciando e favorecendo a intermodalidade cara a un maior uso do transporte público", engádese nos documentos.

Escasa concreción nas propostas de acción para o transporte público

De cara ao fomento do uso do tren de proximidade para as comunicacións entre as cidades e as localidades da súa contorna, proponse a realización dun "estudo de viabilidade que permita a implantación de servizos de proximidade nas principais áreas metropolitanas, centrando a análise nas da Coruña, Vigo e Lugo-Monforte"

A Estratexia fixa unha serie de indicadores para cada un dos obxectivos globais e estratéxicos, e establécese o ano 2050 como horizonte. Ademais, proponse unha primeira revisión en 2030 e tres revisións máis cada 5 anos. Porén, fronte a un gran nivel de detalle no diagnóstico e ante uns obxectivos igualmente claros, as accións propostas na Estratexia son moito menos concretas, ficando moitas veces en propostas de estudo ou recomendacións xenéricas de actuación.

Por exemplo, de cara ao fomento do uso do tren de proximidade para as comunicacións entre as cidades e as localidades da súa contorna, proponse a realización dun "estudo de viabilidade que permita a implantación de servizos de proximidade nas principais áreas metropolitanas, centrando a análise nas da Coruña, Vigo e Lugo - Monforte".

Autobús urbano da Coruña na parada do CHUAC © Concello da Coruña

Na actualidade "o transporte ferroviario caracterízase por ser ríxido en trazado e con pouca capilaridade, circunstancia que, nun territorio como o galego, con gran dispersión poboacional, non resulta funcional, xa que xera uns tempos de viaxe elevados e, en ocasións, ademais, pouco competitivo en prezo", sinala a Estratexia

Tamén se sitúa como obxectivo "mellorar a frecuencia e velocidade dos servizos rexionais existentes en Galicia convertendo o transporte ferroviario nun modo máis competitivo respecto do vehículo privado", sinalando que se "prestará especial atención á falta de conexión directa por ferrocarril entre (...) Lugo e Ourense con Vigo e Pontevedra, respectivamente". Porén, de novo se bota en falta unha maior concreción. Nalgúns casos, "liñas nas que o nivel de saturación permita o aumento dos servizos coa infraestrutura existente", proponse incrementar as frecuencias. Noutros, nos que sexa "necesaria unha mellora previa da infraestrutura, a mellora dos servizos e, no seu caso, da velocidade de circulación", as actuacións "virán marcadas pola adecuación previa".

De feito, nos seus documentos a Estratexia sinala que na actualidade "o transporte ferroviario caracterízase por ser ríxido en trazado e con pouca capilaridade, circunstancia que, nun territorio como o galego, con gran dispersión poboacional, non resulta funcional, xa que xera uns tempos de viaxe elevados e, en ocasións, ademais, pouco competitivo en prezo". A Xunta conclúe que "na actualidade, o ferrocarril é competitivo en relacións que teñen pouca demanda e non resulta funcional nin competitivo nas relacións de maior demanda (áreas metropolitanas)".

A Estratexia é máis concreta e ambiciosa no que atinxe ao coche eléctrico, propoñendo incentivos económicos para a adquisición de vehículos eléctricos, reducións de impostos e bonificacións en peaxes e aparcadoiros e no custo da recarga eléctrica

A Estratexia tampouco é máis concreta nin ambiciosa no transporte marítimo, que na actualidade funciona con éxito na Ría de Vigo. O documento de accións limítase "propoñer" a elaboración dun estudo "que analice a viabilidade de implantación deste modelo noutras rías de Galicia". "O estudo partirá da análise do xa existente na ría de Vigo para, a continuación, analizar e definir posibles localizacións susceptibles de replicar este modelo e as condicións nas que habería que levalo a cabo", sinala.

 

Máis accións centradas no fomento dos coches eléctricos e no fomento da bicicleta e os VMP

En cambio, é moito maior o número e concreción das propostas que a Estratexia realiza para os vehículos privados, centradas na substitución dos actuais, máis contaminantes, por outros que xeren menos emisións. Neste caso, apóstase por incentivos económicos para a adquisición de vehículos eléctricos e por reducións no imposto sobre o valor engadido (IVE) ou no imposto de matriculación e circulación para estes novos coches. Tamén se recomenda implantar bonificacións en peaxes e aparcadoiros, no custo do combustible ou a recarga eléctrica, reserva de prazas de estacionamento ou o acceso a zonas restrinxidas ou de baixas emisións (ZBE).

Punto de recarga de vehículos eléctricos CC-BY-SA Praza Pública

Apóstase pola creación de sendas peonís e ciclistas e pola posta en marcha e potenciación de Camiños Escolares Seguros

Tamén hai varias accións centradas no fomento do uso da bicicleta e dos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), comezando pola proposta de axudas económicas para a adquisición de bicicletas ou VMP. Igualmente figura a promoción da intermodalidade bicicleta-autobús e bicicleta-ferrocarril, para o que se propón "un programa específico de dotación de aparcadoiros seguros para bicicletas e vehículos de mobilidade persoal nas principais estacións de transporte público de Galicia".

Igualmente, apóstase pola creación de sendas peonís e ciclistas, garantindo "a continuidade do trazado, sen obstáculos nin descontinuidades" e fomentando as conexións entre concellos distintos. Recoméndase tamén a posta en marcha e potenciación de Camiños Escolares Seguros para que nenos e nenas vaian andando aos seus centros de ensino, unha proposta que inclúe "medidas que garantan a seguridade viaria no acceso a garderías, colexios, institutos, academias, mediante esquemas de Prioridade Peonil ou Zonas 30 nas rúas da súa contorna" ou a mellora das beirarrúas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.