O derrubamento dun treito da estrada N-642 entre Foz e Burela por mor das bolsas de auga que causaron as intensas chuvias das últimas semanas creou un problema de primeira magnitude na mobilidade da Mariña. O tramo que esborrallou é curto, pero o corte de seis quilómetros que o Ministerio de Transportes viu preciso ditaminar para avaliar os efectos do acontecido, comprobar que as fendas non van derivar en novas derrubas e procurar arranxar o estrago obrigou a poboación da contorna a desviarse por máis de 30 quilómetros en desprazamentos cotiáns que adoitan durar uns poucos minutos.
A derruba dun pequeno treito da estrada condicionou fortemente as comunicacións nunha comarca que, só na beira litoral, suma case 57.000 habitantes. A apertura dun paso polo carril que non caeu alivia a situación
As consecuencias inmediatas do suceso foron múltiplas. Foi preciso, por exemplo, abrir un acceso alternativo a Burela por unha vía de servizo para que as ambulancias procedentes de Foz, Barreiros ou Ribadeo e outros puntos da contorna puidese chegar ao Hospital da Costa -Hospital da Mariña, segundo o seu nome oficial dende 2017- sen enfrontarse ao desvío quilométrico. Ademais, disparouse a incerteza sobre o que sucedería, alén dos vehículos particulares, con servizos coma os autobuses escolares ou os transportes que dan servizo aos portos e fábricas da zona, ata que no serán do domingo puido ser aberto un paso polo carril non afectado polo derrubamento, con tránsito alternativo nun e noutro sentido regulado por semáforos.
Pero, alén do conxuntural, o acontecido volve poñer o foco nas eivas da mobilidade nunha comarca cuxos concellos da beira litoral de Ribadeo ao Vicedo suman case 57.000 habitantes, unha poboación que se achega ás 70.000 persoas contando o resto de concellos mariñaos sen acceso directo á costa. Tamén nas múltiplas promesas pendentes por parte dos gobernos de Galicia e España para mellorala.
O suceso revela a enorme dependencia da N-642 para a mobilidade dos concellos entre Foz e O Vicedo que, ao contrario dos da banda oriental, quedaron sen acceso á autovía A-8
Unha desas eivas revélana os efectos inmediatos do derrubamento. A comunicación entre os concellos administrativamente encadrados nas comarcas da Mariña Central e Occidental depende case por completo da N-642. Na banda oriental, a coñecida como estrada da costa ten unha alternativa completa de alta capacidade, a autovía A-8, a Transcantábrica, procedente de Euskadi e que chega a Baamonde, no canto de continuar pola costa. Pero cara ao oeste, de Foz a Xove, un corte da estrada xeral coma o actual é sinónimo de caos circulatorio. Máis aínda se, como neste caso, a derruba afecta tamén ao tren de vía estreita -a antiga Feve-, cuxa liña transcorre paralela á costa e no que o servizo tamén tivo que ser interrompido precisamente a causa do desprendemento da estrada -este luns xa volve estar operativo-.
Promesas pendentes e eivas non só na estrada
Esas promesas pendentes atinxen tanto á Xunta como ao Estado e afectan á Mariña, pero tamén ao resto do norte do país, do Ortegal a Ferrolterra, administrativamente xa na provincia da Coruña. Pola banda do Executivo galego están ligadas, sobre todo, ao que o programa electoral co que o PP de Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta en 2009 prometeu como "Autovía do Norte Ferrol-San Cibrao", con data de "posta en servizo" no ano 2012, que viría remudar o corredor de Barreiros a Ferrol que ambos gobernos prometeran, co horizonte de 2007, cando a A-8 foi desviada cara á Terra Chá no canto de comunicar toda a costa.
Hai xa anos que a Xunta desbotou esa promesa, substituíndoa por arranxos da rede viaria actual e poñendo o foco nos tramos abertos dos corredores que a viñeron substituír e que no seu conxunto estarían chamados a constituír a denominada 'VAC Costa Norte'. Polo momento son só dous e sen conexión entre si: a variante de Ortigueira e o corredor entre Celeiro e San Cibrao, cuxa contratación fora lanzada polo Goberno de PSdeG e BNG e que Feijóo inaugurou en 2017 con tres anos de atraso sobre o previsto. En total, uns 16 quilómetros.
Hai anos que a Xunta desbotou a "autovía do norte Ferrol-San Cibrao" que Feijóo prometera para 2012 e pon o foco nos tramos do corredor que, no caso da Mariña, conta con apenas 8 quilómetros entre Celeiro e San Cibrao. Na banda estatal, o principal compromiso que non pasou do papel é unha autovía de San Cibrao a Barreiros
Unha das últimas versións oficiais ao respecto das previsións da Xunta para avanzar na conexión viaria do norte do país que é da súa competencia chegaba en 2021 a través dunha resposta parlamentaria ao PSdeG. No documento, o Goberno galego evitaba poñer prazo ningún e limitábase a explicar que planifica as infraestruturas "avanzando nas actuacións por fases, que faciliten a súa construción, e pagándoas con cargo aos orzamentos, a medida que isto sexa factible". Sobre as actuacións concretas nesta contorna -a da prometida autovía entre A Mariña e Ferrol-, indicaba que a súa previsión virara para converter un dos seus treitos, en San Sadurniño, na primeira estrada de Galicia con deseño 2+1, con carrís de adiantamento alternos en todo o seu trazado.
Naquela resposta a Consellería de Infraestruturas incluía, ademais, reproches cara ao Goberno de España. "tamén é moi relevante que o Goberno central avance na execución da Autovía da Mariña, a A-74", indicaba. Esta sería a continuación do corredor da Xunta dende San Cibrao -cuxo porto é de interese estatal e por iso conecta cunha estrada do Estado- ata Barreiros, onde ligaría coa A-8.
Esa eventual autovía A-74, duns 30 quilómetros -menos da metade da parte competencia da Xunta ata Ferrol- discorrería en paralelo á N-642, incluíndo a zona onde agora se produciu o derrubamento. Como en anos anteriores, os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 consignan para ela partidas moi cativas -500.000 euros para cada un dos catro treitos que a constituirían- que a efectos prácticos supoñen que a súa construción continuará sen iniciarse.
Aos problemas e investimentos pendentes na rede viaria da Mariña e da súa contorna engádense as reiteradamente denunciadas eivas de funcionamento do tren do norte, a antiga Feve
Aos problemas e investimentos pendentes na rede viaria da Mariña e da súa contorna engádense os reiteradamente denunciados problemas de funcionamento do tren do norte, a liña ferroviaria de vía estreita Ferrol-Xixón que transcorre por toda a costa, a antiga Feve. A plataforma Pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo leva anos pulando pola mellora da parte galega desa liña rematada hai medio século e que adoece, sobre todo, de servizos deficientes.
Nos últimos anos son habituais as denuncias desta plataforma e tamén dos concellos da zona sobre atrasos, avarías e cancelacións que provocan un paulatino abandono do seu uso, parello a outros problemas na zona como a crise industrial. "A xente que vai traballar ou estudar non pode soportar un servizo que moitas veces non sabe cando vai chegar ou se vai pasar", explicaban o pasado outono. Os orzamentos estatais de 2023 inclúen unha partida de 25 millóns de euros para mellorar esta liña, o cal non implica necesariamente que cheguen a ser executados.
Con todo este pano de fondo, dende a Subdelegación do Goberno de España en Lugo afirmábase durante a pasada fin de semana que Transportes "traballa intensamente na zona" do desprendemento, "con medios materiais e humanos, analizando as distintas solucións para que as afeccións sexan as mínimas posibles". Os gobernos locais dos concellos máis afectados, Foz e Burela, asumen que as posibles solucións -como sucedeu coa apertura á circulación do carril que non caeu- dependen de criterios técnicos, pero todo nun contexto no que tamén pesa a proximidade das eleccións municipais nuns municipios onde predomina a esquerda e que nos que calquera alteración pode ser clave para a conformación de maiorías na Deputación de Lugo.