As intensas chuvias das últimas semanas provocaron amplos "embalsamentos" de auga procedentes dos montes que arrodean a estrada N-642, a estrada da costa, ao seu paso pola Mariña, provocando desprendementos e fendas na vía. Os efectos intensos rexistráronse no punto quilométrico 42,3, nun dos accesos a Burela dende Foz, provocando un esborralle que vén de obrigar ao "corte total", segundo informa o Ministerio de Transportes.
O treito derrubado, entre Cangas (Foz) e Burela, é clave no acceso ao Hospital da Costa
Dende a madrugada deste 20 ao 21 de xaneiro está prohibida a circulación entre os puntos quilométricos 41 e 47 desta estrada, isto é, dende Cangas (Foz) ata a ligazón do Hospital da Costa, en Burela. Técnicos, operarios e maquinaria do Ministerio traballan xa na zona tanto para tentar paliar os efectos da derruba como para analizar se hai risco de que se produzan máis. Mentres, o corte obriga a un desvío quilométrico na principal vía de comunicación terrestre da Mariña e tamén na súa alternativa ferroviaria, toda vez que Adif suspendeu polo mesmo motivo a circulación do tren de ancho métrico (a antiga Feve) entre Burela e Ribadeo "por perigo de desprendemento" e prevé "un plan alternativo por estrada entre Ribadeo e Cerdido".
Transportes recomenda que o tráfico se desvíe dende Cangas cara ao Valadouro pola LU-162 e de aí, pola LU-P-1502 cara a Burela. "Alternativamente, dende a LU-162 en Ferreira o itinerario poderá continuar pola LU-161 e a LU-540 cara a Viveiro" e de aí, á N-642 e ao corredor CG-2.3 en Xove". En calquera caso, trátase de desvíos que chegan a roldar os 30 quilómetros.
Transportes desprazou operarios e maquinaria á zona e afirma que traballa para que "as afeccións sexan as mínimas posibles" na principal vía de comunicación terrestre na comarca
Afirma o Ministerio que "xa se está traballando con medios materiais e humanos" e "analizando as distintas solucións ao problema" e para que "as afeccións sexan as mínimas posibles". En calquera caso, dende os concellos de Foz e Burela non se oculta a preocupación polos efectos que poida ter o corte e a súa duración. Así o trasladaron ambos alcaldes, o focego Francisco Cajoto e o burelao Alfredo Llano, nunha visita á zona xunto coa subdelegada do Goberno de España na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez.
En declaración que recolle o xornal El Progreso, dende ambos gobernos locais lémbrase a importancia desta vía non só por ser a principal estrada da comarca, senón tamén porque é clave no acceso ao hospital burelao. Por este motivo, a Axencia Galega de Emerxencias informa de que foi habilitada "a estrada que transcorre por debaixo da N-642, a LU-161", como "ruta alternativa para a circulación que permiten o acceso ao centro hospitalario". O transporte ligado ao porto de Burela ou ao sector madeireiro está tamén fortemente condicionado polo corte.
Este sinistro pon outra a volta o foco nas eivas da mobilidade nos concellos da Mariña e as súas conexións co resto do país. Mentres persisten os problemas co tren do norte, fundamentalmente por falta de servizos, a as sucesivas promesas da Xunta e do Estado tanto para o arranxo das estradas máis antigas como para completar as máis novas ou mesmo construír unha autovía sucédense dende hai anos sen acabar de materializarse.