O programa electoral de Feijóo en 2009 fixaba para 2012 a "Autovía do Norte" que xa anunciara Cuiña
Cando a principios da pasada década, especialmente tras a catástrofe do Prestige, o Goberno central decidiu impulsar o remate da Autovía do Cantábrico (A-8) en Galicia pero que o seu trazado se internase cara Vilalba, a Xunta optou por acometer con fondos autonómicos unha vía rápida ou corredor da Costa Norte que percorrese o litoral restante até Ferrol. En 2009 o programa electoral co que Feijóo chegou á Xunta prometía que o que daquela elevaba á categoría de "Autovía do Norte", de algo máis de 80 quilómetros, estaría rematada en 2012. Porén, os orzamentos que a Xunta vén de remitir ao Parlamento de Galicia programan a principal partida para a súa construción para os anos “2021 e seguintes”, xa na próxima lexislatura.
O Goberno galego ten varias infraestruturas viarias de alta capacidade a medio construír, xa sexa na súa execución inicial como corredor cun carril por sentido, como no seu desdobramento posterior en autovía con dous carrís por sentido. Pero a vía da Costa Norte é a de maior relevancia que máis tempo leva prometida e máis tempo terá que agardar para estar rematada, segundo os orzamentos. Dos seus algo máis de 80 quilómetros, só ten en servizo dous treitos, entre San Cibrao e Celeiro e a circunvalación de Ortigueira, que suman pouco máis de 16 quilómetros. Para 2018 o seu orzamento será de 4,4 millóns e a programación plurianual que fai a Xunta é de 10 millóns para 2019, 19 millóns para 2020 e 25 millóns para “2021 e seguintes”.
A Xunta avanza co desdobramento en autovía do corredor Lugo-Monforte, aberto entre 2008 e 2015 e cun tráfico que é inferior ao de moitas outras estradas convencionais de toda Galicia
Mentres, a Xunta avanzará o ano próximo coa redacción dos proxectos para o desdobramento en autovía do corredor Lugo-Monforte, aberto por treitos nos anos 2008, 2012 e 2015 e cuxo tráfico non supera no seu punto máis empregado os 6.500 vehículos de intensidade media diaria (IMD), unha cantidade que é superada por moitas outras estradas convencionais autonómicas para as que non hai plans de desdobramento. Como comparación, o Goberno galego non inicio o desdobramento do corredor do Morrazo, que aínda seguirá en obras, ata que superou unha IMD de 10.000 vehículos.
O Goberno galego tamén consigna fondos para seguir avanzando con obras de final incerto en varias desas zonas onde as estradas convencionais rexistran gran volume de tráfico, como na Vía Ártabra para a súa conexión coa AP-9 (4 millóns para o próximo ano pero aínda 10 millóns para 2021 e seguintes) ou na conexión de cinco quilómetros entre a A-52 e o polígono de San Cibrao das Viñas en Ourense (20 millóns ata 2020). Outras moitas vías prometidas non pasarán aínda da fase de redacción de proxecto.
En 2018 o Goberno galego pagará 62 millóns por estradas xa construídas por colaboración público-privada, modalidade que xa ten comprometidos preto de 1.600 millóns de euros para as próximas décadas
Xunto con estes investimentos, os orzamentos autonómicos tamén reflicten o que haberá que pagar o ano próximo por obras realizadas en anos anteriores a través da colaboración público-privada. As contas públicas reflicten un gasto de 62 millóns de euros tanto na modalidade de canon de demanda como na de canon de dispoñibilidade. A suma do que xa está comprometido para anos posteriores por infraestruturas xa en servizo como as autovías do Barbanza, Salnés, Costa da Morte, Celanova ou Santiago-Brión ascende a preto de 1.600 millóns de euros. Na súa orixe, as infraestruturas supuxeron un investimento para as concesionarias, que deben facerse cargo tamén do seu mantemento, duns 530 millóns de euros.