O pasado 7 de xuño caeu ao baleiro unha parte dun dos viadutos que, dende hai algo máis de vinte anos, serven de acceso a Galicia dende a Meseta por Pedrafita, na autovía A-6. Foi nunha das dúas plataformas do viaduto Castro Lamas - Noceda, entre os últimos metros do Bierzo e os primeiros do territorio que administrativamente xa é Galicia, no treito que inclúe tamén o túnel por baixo da vila de Pedrafita.
A ponte levaba máis dun ano en obras para atallar problemas estruturais e as primeiras pescudas apuntaron a que a causa da derruba non foron eses problemas, senón outros que estarían ocultos, que non foran detectados. Apenas dez días despois caeu outro van, outro anaco dese mesmo viaduto. A segunda caída ratificou que esa conexión de Galicia coa Meseta a través de Pedrafita pola A-6 vai estar pechada por un tempo prolongado. Tamén alimentou múltiples interrogantes, dende os aspectos puramente técnicos ata cuestións políticas que nos remiten a hai máis de vinte anos
Neste episodio do Fálase poñemos contexto á derruba no viaduto da A-6 ás portas de Pedrafita para tentar entendelo mellor e tirar fíos sobre o que pode acontecer
Neste vixésimo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos responder a algunhas desas preguntas ou cando menos, buscamos fíos que nos conduzan algunhas respostas. Todo, mentres o persoal técnico do Ministerio de Transportes se dispón a estudar cales puideron ser as causas do acontecido.
Con David Reinero, xornalista de Praza.gal que nos informa habitualmente sobre temas de infraestruturas, poñemos contexto para encadrar cando e como se construíu ese treito da autovía A-6 nun tempo no que autovías coma esta eran a gran demanda en materia de infraestruturas en Galicia, mesmo por diante do tren de alta velocidade. Lembramos, tamén, un dos asuntos máis comentados das últimas semanas, cales foron as empresas que levaron o contrato para a construción do treito, adxudicado en 1997 por 15.000 millóns de pesetas (uns 90 millóns de euros) a unha unión temporal de empresas formada por Fomento de Construcciones y Contratas, FCC Construcción e OCPConstrucciones, esta última do grupo ACS.
Ademais de poñer contexto, repasamos as primeiras hipóteses técnicas sobre o que puido acontecer e escoitamos as palabras da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, durante a súa visita á zona tras a segunda derruba. A Sánchez preguntáronlle tamén por prazos para a apertura do viaduto e respondeu que todo dependerá,do que determine o persoal técnico que está analizando o acontecido.
Co enxeñeiro e profesor Manuel Herrador coñecemos máis sobre este tipo de viaduto, os seus problemas máis habituais e a importancia da transparencia nas pescudas como as que agora se inician na A-6
Semella, ao cabo, que as posibilidades de reabrir ou non, construír un novo viaduto ou non estarán condicionadas ao que diga o persoal técnico, as voces expertas. E precisamente unha voz experta é o que buscamos tamén neste episodio cunha entrevista a Manuel Herrador, enxeñeiro e profesor de Formigón Estrutural na Universidade da Coruña. Con el coñecemos máis sobre este tipo de viaduto, construído entre pezas unidas entre si mediante cables, preguntámoslle polos problemas estruturais máis habituais en construcións coma estas e sabemos da importancia que ten a transparencia en investigacións como as que agora están en marcha cando chegue a súa conclusión.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.