Cae unha ponte da A-6 na entrada a Galicia que levaba en obras un ano

Viaduto caído na A-6 na entrada a Galicia © Ministerio de Transportes

O viaduto do Castro estaba pechado ao tráfico, que se desviaba por outro paralelo

Na mañá deste martes rexistrouse o derrubamento sen feridos duns 50 metros dun dos dous viadutos paralelos do Castro, na entrada da A-6 en Galicia pero aínda na provincia de León, a poucos metros de Pedrafita. A ponte levaba en obras case un ano tras detectarse deficiencias nas inspeccións periódicas que realiza o Ministerio de Transportes. Eses traballos facían que o tráfico xa non circulase sobre a plataforma que se viu abaixo por completo entre dous dos piares da estrutura senón que xa era desviado pola plataforma paralela.

Imaxe dos viadutos paralelos do Castro, un dos cales caeu este martes © Google

O treito da A-6 no que vén de caer o viaduto foi inaugurado en 2001 e nos últimos tempos o ministerio detectara deficiencias no formigón da ponte, situada no punto quilómetrico 431 da autovía. Hai un ano iniciou traballos de reparación que obrigaron a sucesivos desvíos de tráfico pola antiga nacional ou alternando a circulación por unha das dúas plataformas paralelas da autovía que mesmo condicionaron o transporte de grandes mercadorías como aeroxeradores. 

O derrubamento agora rexistrado no viaduto dereito en sentido A Coruña suporá engadir moitos máis meses de restricións na circulación por unha das dúas autovías de comunicación entre Galicia e a Meseta. De momento o ministerio só informa de que comezou "o estudo diagnóstico para determinar as causas do suceso".

Paso de compoñentes eólicos por un dos dous viadutos paralelos do Castro en decembro © Ministerio de Transportes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.