Fomento admite que a chuvia deteriora os piares dun viaduto da A-8 por outro erro de deseño

Viaduto de Vedros na A-8 ao seu paso por Mondoñedo no que a choiva está a socavar os seus piares Dominio Público Google Street View

Cinco anos despois da inauguración, e aínda á espera de solucións contra a néboa, o ministerio gastará 113.000 euros nunha canalización non prevista para os “episodios de chuvia”

A chuvia súmase agora á néboa como elemento meteorolóxico non previsto no deseño da Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso por Mondoñedo. Case cinco anos despois da inauguración dese último treito galego da infraestrutura, que custou uns 200 millóns de euros, o Ministerio de Fomento vén de anunciar que vai realizar nel unha obra de 113.000 euros non prevista orixinalmente “para evitar que a auga de escorrentía socave os piares” dun viaduto “con ocasión dos episodios de chuvia”. A actuación chega mentres o ministerio ten pendente de resolver o longo proceso administrativo para atopar unha solución á baixa visibilidade pola néboa habitual na zona que obriga a cortar a vía un mes ao ano.

Segundo o anuncio realizado por Fomento, o viaduto de Vedros, de 330 metros de lonxitude, álzase “sobre un val que non alberga ningunha corrente permanente de auga, pero que debido á configuración do relevo, canaliza a auga de escorrentía baixo o viaduto, con ocasión dos episodios de chuvia”. “Para evitar que a auga de escorrentía socave os piares”, di o ministerio, agora executarase alí unha “baixante escalonada de formigón armado que canalice a auga” ata máis abaixo do viaduto “impedindo o contacto do curso de auga co terreo natural e, en consecuencia, a súa acción erosiva”.

Imaxe difundida por Fomento sobre como a escorrentía das choivas está a erosionar a base dos piares do viaduto de Vedros, na A-8, onde non se deseñara ningunha estrutura para canalizar a auga Dominio Público Ministerio de Fomento

Malia as melloras de sinalización implantadas nos últimos tempos, os cortes de tráfico por baixa visibilidade suman arredor dun mes ao ano

O treito entre Mondoñedo e Abadín da A-8, duns 20 quilómetros e no que se sitúa o viaduto de Vedros, foi o último desa infraestrutura inaugurado en Galicia, en febreiro de 2014, tras un investimento duns 200 millóns e un cambio do proxecto orixinal porque durante as obras se viña abaixo a ladeira dunha montaña pola que discorría. Cinco meses despois a néboa habitual nesa zona nos meses de verán provocou un accidente múltiple cunha falecida, o que supuxo o inicio de sistemáticos cortes do tráfico cada vez que a visibilidade baixa por debaixo dos parámetros que a Dirección General de Tráfico (DGT) considera seguros. Malia diversas melloras da sinalización e iluminación da vía instaladas nos últimos anos, iso ocorre entre 600 e 700 horas ao ano, equivalentes a pechar a estrada durante un mes cada ano.

Luces contra a néboa activadas no alto do Fiouco da Autovía do Cantábrico (A-8) CC-BY-SA Praza Pública

Fomento aínda ten pendente de adxudicar as probas dos inventos contra a nubosidade que lle ofreceron empresas e particulares, polo que a solución elixida non estará dispoñible como mínimo ata 2020, seis anos despois de inaugurarse a A-8

Os problemas de circulación na A-8 levaron a Fomento a impulsar un innovador sistema de consulta ao mercado e compra de inventos que eviten ou palien os efectos da néboa. Porén, ese longo proceso, no que se preseleccionaron 26 inventos, aínda está na fase previa á adxudicación dos prototipos dos mesmos (o contrato foi licitado a comezos de ano e aínda non foi resolto) para poder testalos en terreos de probas xunto á autovía e decidir cal ou cales combinados son os máis efectivos. Ao ter que analizarse o seu funcionamento nos meses centrais do ano, os de máis néboa, o que xa é imposible antes da primavera de 2019, o invento ou os inventos que finalmente resulten elixidos, que despois aínda deberán ser contratados e despregados de xeito xeral no treito, non poderán estar dispoñibles ata, polo menos, o período de máxima intensidade de néboas de 2020, máis de seis anos despois de inaugurarse a autovía.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.