Nun Multiusos do Sar máis cheo que cos populares, o socialista sobe ao escenario a Ramona Maneiro, coidadora de Ramón Sampedro, e pide "impedir que se derrogue" a lei da eutanasia: "Que difícil é conquistar estes dereitos e que fácil é arrebatalos"
20 de novembro, 51 aniversario da morte de Franco, foi a data elixida para o mitin central do PSdeG de cara ás eleccións xerais do día 29, o único de Pedro Sánchez en Galicia. E o 20N foi unha referencia constante nas intervencións dos socialistas para apelar a que o 29N non se produza un retroceso de dereitos, porque segundo salientou o candidato "a última vez que a ultradereita gobernou este país non había democracia". Foi así un 20N que permitiu a Sánchez recuperar forzas horas despois do debate televisivo do 19N que deixou descontenta a boa parte da súa parroquia. Fíxoo grazas a unha afluencia masiva ao Multiusos Fontes do Sar, en Santiago, que superou amplamente a lograda cinco días antes no mesmo sitio por Feijóo.
O domingo pasado, nun mitin ás 12 do mediodía e sen chuvia, Feijóo encheu o Multiusos do Sar agás as dúas gradas laterais superiores e o PP ofreceu como cifra de asistentes "8.000 persoas". "Aquí lle queda este pavillón a ver se é quen de enchelo", dixo alí o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, en referencia a Sánchez.
Este venres laborable pola tarde, con chuvia intensa, os socialistas foron quen de mover aínda máis autobuses que os populares e acabaron abrindo tamén as dúas gradas superiores. "10.000 persoas" foi a cifra oficial facilitada.
Unha afluencia para a que hai que remontarse para achegarse, por exemplo, a algún mitin hai un lustro no pavillón de Navia de Vigo, con Abel Caballero de anfitrión-mobilizador, ou ao 2004 con Zapatero no pavillón de Riazor. E unha capacidade de congregar aos seus que pareceu dar forza a un Sánchez que talvez no debate da noite do xoves non se dirixiu a eles senón a outros posibles votantes máis á dereita.
Sánchez pediu un 75% de participación para acadar 176 escanos e "gañar á internacional ultradereitista", e Besteiro dixo que "o mellor que fixo Feijóo por Galicia foi marcharse, e o peor que pode facer por España é quedarse"
Non foi o caso deste venres, 20N, no que Sánchez comezou lembrando que "a última vez que a ultradereita gobernou este país non había democracia". "Cando se pregunta a Abascal sobre Franco di que non ten posición, e chámame a min ditador!" dixo. E apelou a "votar en nome dos netos" da emigración e da represión para "gañar estas eleccións en memoria deses avós e avoas".
Tras esa introdución, Sánchez deu paso ao momento emotivo da noite, cando subiu ao escenario para regalarlle un libro a Ramona Maneiro, coidadora de Ramón Sampedro, símbolo da loita pola legalización da eutanasia. Ante o cuestionamento de Feijóo desa lei, Sánchez asegurou que os socialistas van "impedir que se derrogue". "Que difícil é conquistar estes dereitos e que fácil é arrebatalos", dixo.
Sobre o debate do día anterior, Sánchez dixo que foi un exemplo de que hai que elixir "ou boa política ou mala educación". E puxo tarefas aos seus con dúas cifras, "75 e 176": un 75% de participación para logra unha maioría de 176 escanos que permita un goberno de esquerdas. É o obxectivo para o que apelou aos seus a mobilizarse para, tras Brasil e Estados Unidos, "gañar á internacional ultradereitista".
Antes de Sánchez interveu o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen comezou salientando a afluencia ao mitin. "Onde eles encheron, ti desbordaches", constatou, e augurou que o mesmo farán os socialistas o 29N "cunha lección histórica á extrema dereita e á dereita extrema".
Besteiro quixo desmontar a imaxe do "Feijóo xestor" lembrando o incremento da débeda da Xunta durante os seus anos de presidente, o fracaso dalgúns dos seus proxectos industriais como os barcos prometidos de Pemex ou a paralización da enerxía eólica, e a renuncia a construír vivendas públicas. O líder dos socialistas galegos concluíu proclamando que "o mellor que fixo Feijóo por Galicia foi marcharse, e o peor que pode facer por España é quedarse" e apelando a unha mobilización masiva para "catro anos máis con Pedro Sánchez como presidente do Goberno".
O mitin iniciouno o candidato socialista á alcaldía de Santiago e delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, que se presentou como "un zurdo sindicalista" e eloxiou a defensa dos idiomas cooficiais por parte de Sánchez. "De Pedro a Perro, os que ladran son eles, porque esta España de xustiza e igualdade cabalga", sentenciou.
Continuou sobre o escenario Carmela Silva, candidata ao Senado por Pontevedra, que cargou contra un Feijóo "que só defende aos privilexiados". El e Abascal, dixo, son "mala xente que camiña e vai apestando a terra", citando a Antonio Machado. Silva centrou a súa intervención en salientar a loita contra a violencia de xénero dos socialistas, "e fronte a nós, eles, que a negan".
Tras ela, Obdulia Taboadela, deputada que aspira á reelección pola Coruña. "Imos poñernos en marcha para levarte a La Moncloa de novo, porque temos un arma moi poderosa que non depende do apelido nin do diñeiro, temos o voto", dixo. Taboadela lembrou que a dereita non quere que voten "os netos" da emigración e da represión e presentouse a si mesma como unha neta: "Aquí estamos os netos da pobreza, os netos do analfabetismo, os netos da represión, os netos dos fusilamentos, por iso dicimos á dereita que estamos aquí, para votar e para quedarnos, para que nunca máis teñamos que vivir nunha ditadura".
Coa presenza de Touriño, Laxe, Blanco... e ata Gelo, a parroquia socialista, tras o baixón da noite do xoves, saíu enchufada, coas baterías cargadas para a última semana de campaña
Foi un mitin o deste venres que mobilizou tanto a militantes de a pé como a históricos socialistas: os ex-presidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, o ex-ministro José Blanco, alcaldes e alcaldesas, mesmo o de Oleiros, Ángel Gelo García Seoane, independente e que se define a si mesmo como marxista. Tamén mobilizou a varias persoas que protestaron desde a grada superior con bandeiras saharauís contra a política socialista favorable ao plan de autonomía de Marrocos para ese territorio en lugar da súa independencia.
Con música en directo (People have the power), o mitin pareceu por veces unha discoteca da que a parroquia socialista, tras o baixón da noite do xoves, saíu enchufada, coas baterías cargadas para a última semana de campaña.