A entidade demanda que a Xunta e as restantes administracións "desenvolvan as actuacións necesarias para progresar na dignificación da morte na nosa sociedade"
Dende hai catro anos a asociación Dereito a Morrer Dignamente Galicia conmemora o Día da Morte Digna o 12 de xaneiro, coincidindo coa data do pasamento de Ramón Sampedro, símbolo do dereito a decidir sobre a propia vida e da loita pola despenalización da eutanasia. Este ano, ademais, conmemórase o 25 aniversario do seu falecemento. A entidade levou a cabo unha concentración esta mañá na Praza do Obradoiro en Compostela, un acto no que se lembrou a Sampedro e se reivindicou a institucionalización desta xornada como Día da Morte Digna en Galicia.
Hai xa máis dun ano que está vixente a Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia, cumprindo así gran parte das demandas que Sampedro realizou en vida, en reivindicación dunha "humanización da morte" e do respecto á dignidade e liberdade das persoas.
A asociación propón o recoñecemento institucional da xornada como 'Día da Morte Digna' en Galicia
O pasado xaneiro do 2022 Dereito a Morrer Dignamente levou a cabo por última vez o acto que nesta data viña facendo en anos anteriores na praia das Furnas, en homenaxe a Ramón Sampedro, e acordou "avanzar" cara ao recoñecemento institucional da xornada "coa finalidade de que ao redor desa data a sociedade civil e as súas institucións desenvolvan as actuacións necesarias para progresar na dignificación da morte na nosa sociedade: respectando os dereitos das persoas e sinaladamente as súas decisións, atendendo as súas necesidades e a dor e o sufrimento, facilitando o acompañamento por quen queiran".
Nos últimos meses a asociación denunciou distintos atrancos e inaccións por parte do Goberno galego, que estaban a limitar a aplicación deste dereito
Nos últimos meses DMD-Galicia veu desenvolvendo unha campaña de mobilización e recollida de apoios a unha declaración a prol do recoñecemento institucional do 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia. Ata o presente, a acollida recibida e o apoio expresado a esta iniciativa de DMDG polas entidades asociativas e institucionais ás que lle foi presentada, foi unanimemente favorable (sindicatos, organizacións sanitarias, organizacións culturais, asociacións defensoras dos dereitos humanos, asociacións veciñais, colexios profesionais, asociacións feministas, institucións municipais). Este traballo continuará ao longo deste ano 2023.
A entidade fai tamén un chamamento a "defender os dereitos conquistados" e a "lograr que o morrer das persoas sexa unha cuestión de interés xeral e de compromiso de acción das Institucións Públicas". Nos últimos meses a asociación denunciou distintos atrancos e inaccións por parte do Goberno galego, que estaban a limitar a aplicación deste dereito.
O colectivo denunciou no pasado, por exemplo, a falta de formación do persoal do Sergas
En decembro do ano 2020 o Congreso aprobou definitivamente a lei de eutanasia por unha ampla maioría absoluta, abrindo a posibilidade de acceder ao novo dereito a persoas con enfermidades "graves e incurables" ou "padecimentos graves, crónicos e imposibilitantes, pasou á Xunta. A partir de aí a responsabilidade da aplicación da norma pasou á Xunta, un proceso que entidades como Dereito a Morrer Dignamente (DMD) criticaron polos atrancos. O colectivo denunciou, por exemplo, a falta de formación do persoal do Sergas, que impediu o acceso á eutanasia a un home de 90 anos que o reclamara expresamente.