"Cada un pode crer o que queira sobre a eutanasia, pero non teñen dereito a impoñelo ao conxunto da cidadanía"

Ascensión Cambrón © Universidade de Vigo

A pasada semana Ángel Hernández revelou que axudara á súa dona, María José, a morrer. A muller, de 61 anos de idade, sufría dende había 30 unha esclerose múltiple que xa se atopaba nunha fase terminal. Ela quería morrer e el axudouna a cumprir o seu desexo ("empresteille as miñas mans", dixo), autoinculpándose posteriormente co obxectivo de que o caso fose coñecido: "Había que distribuílo aos medios. Hai que divulgalo porque hai centos de persoas na situación de María José. Se eu ocúltome, fágoo e non se sabe nada, ela tería sido unha falecida máis”, afirmou en El Intermedio.

"Desde a asociación parécenos positivo que estes últimos días se reabrira o debate"

A decisión de Ángel e María José axudou a que nos últimos días se reabrise o debate sobre a eutanasia, que nesta lexislatura estivo a piques de ser aprobada, cun anteproxecto de lei que finalmente non puido ser debatido no Congreso. A asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) traballa dende hai anos para que este dereito, que segundo as enquisas conta cun apoio maioritario na sociedade, sexa regulado, permitindo cumprir así as vontades dos doentes e evitando que as persoas que as axudan a facelos non sexan perseguindo pola lei, en cumprimento no artigo 143 do Código Penal. Falamos con Ascensión Cambrón, doutora en Filosofía do Dereito e presidenta de DMD-Galicia.

Nos últimos días, ao fío da decisión de Ángel Hernández e de María José Carrasco e das posteriores declaracións de Ramona Maneiro, semella que volveu reabrirse un debate sobre a eutanasia que moitas veces queda soterrado, invisibilizado. Como analizades a reapertura do debate e os termos nos que se está dando?

Sempre é importante que se fale deste tema. E por iso desde a asociación parécenos positivo que estes últimos días se reabrira o debate. O que non nos parece tamén é que ao fío desta cuestión se encheron os medios de comunicación das opinións e posicións de determinadas persoas que representan a sectores moi minoritarios e que continuamente buscan obstaculizar o dereito que ten un paciente a que se respecte a súa vontade.

"Hai que regular o dereito dunha persoa a non querer seguir vivindo nunha situación que para ela é indigna e desesperada"

Como valorades o caso concreto de Ángel e María José e o risco que agora ten de ser castigado?

O acto de Ángel Hernández de axudar a morrer á súa muller, á que coidou durante décadas, só pode entenderse como un acto de amor que non debería recibir castigo penal ningún. Cando aínda era dona das súas capacidades mentais, da súa vida e do seu corpo, ela pediulle que a axudase a morrer. O que fixo el foi un acto de amor. Nunha sociedade democrática, baseada no respecto á liberdade individual e a pluralidade, resulta inaceptable que axudar a unha persoa a dispor da súa vida libremente estea castigado no Código Penal.

Manifestación en Madrid a prol do dereito a morrer dignamente © DMD

Que reformas reclamades dende a asociación?

Desde a asociación promovemos o dereito de toda persoa a dispor con liberdade do seu corpo e da súa vida, e a elixir libre e legalmente o momento e os medios para finalizala. Hai que regular o dereito dunha persoa a non querer seguir vivindo nunha situación que para ela é indigna e desesperada. Defendemos, de xeito especial, o dereito dos enfermos terminais e irreversibles a morrer sen sufrimentos, se este é o seu desexo expreso. A boa morte tamén é un dereito.

"A composición da Mesa do Congreso, que debía aprobar o seu debate, estivo boicoteando o seu paso ao Pleno"

A sociedade española apoia o dereito á morrer dignamente?

A eutanasia é un dereito moral, está recoñecido na sociedade. Dende un punto de vista subxectivo, esa demanda conta co apoio dun 80% da poboación española, manifestada en diversas sondaxes ao longo destes anos. O último, realizado por Metroscopia en 2017, cifraba o apoio nun 84%. Moralmente é un dereito. Que é o que fai falla para convertelo nun dereito efectivo? Pois que sexa recoñecido na sede da soberanía popular, no Congreso. Aínda que haxa políticos que digan nos medios que este problema non existe, si que existe e debe ser resolto no Congreso. É un imperativo moral e democrático.

"Aínda que haxa políticos que digan que este problema non existe, si que existe e debe ser resolto no Congreso. É un imperativo moral e democrático"

Estivo moi preto de aprobarse xa nesta lexislatura. Como vivistes este proceso dende a asociación?

O anteproxecto de lei que presentou o PSOE foi depositado nas Cortes a finais do ano pasado e superou os trámites parlamentarios para a súa discusión. Pero a composición da Mesa do Congreso, que debía aprobar o seu debate, estivo boicoteando o seu paso ao Pleno. Nun comezo só se opoñía o PP, pero ao final tamén Ciudadanos contribuíu a paralizar a discusión do anteproxecto. De ter pasado ao Pleno, tería sido aprobado, porque os partidos que apoiaban a lei tiñan maioría suficiente na Cámara. Dende a asociación Dereito a unha Morte Digna pensamos que non era o mellor anteproxecto que se podía presentar, era bastante mellorable: o obxectivo era o correcto, pero o seu desenvolvemento no articulado era ambiguo, e a ambigüidade neste tipo de procedementos, como xa sabemos por experiencia, son perigosas. No debate no Congreso poderían terse mellorado algúns aspectos. Creo, de todos os xeitos, que na vindeira lexislatura se pode aprobar esta lei.

"A aceptación social que ten a eutanasia procede do feito de que case todo o mundo ten algún coñecido a quen se lle prolongou a vida de forma artificial"

Custa mesmo, que se fale do tema. A morte é un tema tabú?

O tema da morte na nosa cultura é un tema tabú, máis aínda nestes tempos. A morte é ocultada á xente nova e anos nenos, algo que non pasaba ata hai unhas décadas. Nos anos sesenta viamos como morrían os nosos familiares, despois era velados na casa, tiñas máis contacto con ese proceso. Porén, nos últimos tempos, con formas de vida máis individualistas e consumistas, que buscan permanentemente a felicidade, a morte converteuse nun tabú. Isto está sendo erosionado a través da morte medicalizada. Creo que a aceptación social que ten a eutanasia procede do feito de que case todo o mundo ten algún familiar ou algún veciño ou coñecido a quen se lle prolongou a vida de forma artificial, con sufrimento e sen posibilidade de curación.

Por que se dan aínda estas resistencias nalgúns sectores e partidos?

Hai unha aceptación social na poboación, pero a situación é moi distinta entre a clase política. Por razóns doutrinais ou ideolóxicas, hai moitos que seguen afirmando que a vida só a dá e a quita Deus. Cada un pode crer no que queira, pero nunha sociedade democrática non teñen dereito a impoñer as súas posicións ao conxunto da cidadanía. Parece que non entenden como funcionan os dereitos. A eutanasia é un dereito de liberdade, que por suposto non obriga a ninguén a acollerse a el. Temos dereito á vida, pero non temos a obriga de vivir. Creo, en todo caso, que o asunto da eutanasia é un tema transversal na nosa sociedade. Entre ese 84% que di estar a favor hai felizmente moitas persoas crentes, relixiosas, pero que teñen sentido do que é o sufrimento e a indignidade e que polo tanto apoian que se regule, aínda que elas persoalmente non pensen acollerse a ese dereito.

"Cada un pode crer no que queira, pero nunha sociedade democrática non teñen dereito a impoñer as súas posicións ao conxunto da cidadanía"

Pola vosa experiencia, cal é o papel que están a xogar os profesionais médicos? Apoian o dereito ou nalgún caso están a ser un freo?

Este tema varía dunhas comunidades a outras. Sabemos, porque no País Vasco fixeron enquisas entre os médicos, que a inmensa maioría está a favor da regulación. En Galicia non se fixeron sondaxes sobre este tema, pero si sabemos que os presidentes dos colexios médicos están en contra. En todo caso, nas comunidades que foron aprobando leis de morte digna, como Galicia no ano 2015, os médicos polo xeral están sendo respectuosos coas persoas que se acollen ao documento de instrucións previas e que así llo lembran no hospital. E, así, déixanse de aplicar recursos terapéuticos extraordinarios.

"As autoridades sanitarias galegas non moveron un dedo para difundir o documento de instrucións previas entre a poboación"

Esa Lei de Morte Digna leva case catro anos en vigor en Galicia. Tedes datos de cantas persoas se acolleron a ese documento de instrucións previas? A implantación é maior ou menor que noutros lugares?

Temos rexistrados uns 7.500 documentos de instrucións previas, que se recollen nun rexistro oficial. Pero hai que dicir que a información en Galicia é coñecida grazas ás persoas que traballamos nesta asociación, porque as autoridades sanitarias non moveron un dedo para difundir o contido deste novo dereito entre a poboación. De aí que a implantación deste documento en Galicia sexa deficitaria. A min paréceme moi importante que a poboación rexistre as súas vontades anticipada para que no caso de padecer un accidente ou unha enfermidade, o médico coñeza o que esa persoa quere facer. Iso facilita moito estas situacións. Agora as familias son máis complexas e é máis difícil que se poñan de acordo sobre se hai que prolongar artificialmente a vida do paciente que perdeu a súa saúde e que xa non ten posibilidade de mellora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.