Eutanasia e liberdade

Un dos aspectos do dereito que temos a que a nosa vida privada sexa respectada é o noso dereito a decidirmos de que maneira e en que momento debe finalizar a nosa vida, sempre que esteamos en condicións de formarmos libremente a nosa vontade e de actuarmos en consecuencia. Isto é o que determina o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos no seu veredicto do 20 de xaneiro de 2011, que resolve o asunto Haas contra Suíza. Por iso resulta irritante e por completo inadmisíbel que o Estado actúe como unha sorte de titor do cidadán cando este pretende pórlle fin á súa vida sen sufrimento e con apoio e acompañamento médico porque padece unha doenza incurábel que lle causa unha dor insoportábel e irremediábel.

E por iso é unha boa nova o anuncio que fixo o PSOE en xuño de que vai presentar con Unidos Podemos unha proposta para despenalizar e regular a eutanasia. É unha boa nova que, porén, debe ser acollida con prudencia. En efecto, a traxectoria ideolóxica e programática do PSOE en materia de eutanasia non podería ser máis errática. Entre 2004 e 2017, o partido amosou interese, distanciouse, volveu interesarse e distanciouse outra vez. Agora, co acordo con Unidos Podemos, acaba de coller impulso para un novo movemento pendular. Poucos días antes, no mesmo mes de xuño, o relatorio do seu 39º congreso xa amosara a súa disposición a “legislar para el fin de la vida [,] porque hay que garantizar siempre la voluntad de la persona a la vez que el mejor modo de tránsito”.

Non é inimaxinábel que, no medio prazo, tamén a eutanasia pase a formar parte do noso catálogo de logros colectivos. Con todo, a temíbel capacidade de mobilización do bloque católico augura tempos difíciles para quen se atreva

A necesidade de sometermos a unha análise crítica o relato canónico da transición política española lévanos a miúdo a esquecermos o moito que deu de si a breve historia da nosa democracia. Os cónxuxes xa poden divorciarse, o matrimonio xa non lles está reservado en exclusiva ás parellas heterosexuais, as cidadás xa non se ven forzadas a iren abortar a Londres (pero lembremos unha vez máis que o recurso do PP contra a lei de prazos perante o Tribunal Constitucional non foi retirado e o correspondente procedemento está concluso e unicamente pendente de votación e sentenza). Así que non é inimaxinábel que, no medio prazo, tamén a eutanasia pase a formar parte do noso catálogo de logros colectivos. Con todo, a temíbel capacidade de mobilización do bloque católico, que quedou patente nos casos do divorcio, do matrimonio entre persoas do mesmo sexo e do dereito ao aborto, augura tempos difíciles para quen se atreva a abordar por fin o suicidio asistido.

Neses tempos difíciles deberemos lembrar que a cidadanía non rexeita a eutanasia, como confirman todos os datos sociolóxicos. De feito, hai moitos cidadáns que asumen o envellecemento e a enfermidade e procuran afrontar a morte con madurez, e que non están dispostos a seren tratados como persoas incapaces –sometidas a principios relixiosos e protocolos médicos que descartan a eutanasia–, xusto cando máis necesitan responsabilizarse do seu destino. Hai moitos cidadáns que só queren unha cousa: prepararse para unha morte digna cando xa non son quen de dotar a súa vida de sentido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.