26 afogamentos nas praias e ríos galegos dende xaneiro elevan a 500 as mortes dende 2015

Socorristas nunha praia CC-BY-SA JonRo

Este mércores un home de 67 anos procedente de Madrid morreu na praia da Rapadoira, en Foz, mentres se bañaba. Aínda que a praia conta con servizo de socorrismo, este remata ás sete da tarde e o accidente se produciu máis tade, xa no serán dun día moi caloroso na Mariña, e os intentos para reanimalo foron inútiles. 

Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis falecementos por está causa, só por detrás de Andalucía e Canarias

Aínda non está confirmado se a morte se debeu a un afogamento produto dunha indisposición ou se esta se produciu cando xa saía da auga. En todo caso, sucesos coma este, con mortes en praias, pozas, encoros e ríos sucédense todos os meses en Galicia, que é dende hai anos un dos territorios con máis defuncións provocadas por afogamentos accidentais en todo o Estado.

Este ano, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño 26 persoas perderon así a vida en Galicia, segundo a estatística do Informe Nacional de Afogamentos, que elabora dende o 2015 a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo. Os datos, inferiores aos que se rexistraban o pasado ano a esta altura (36 mortes no primeiro semestre de 2024), sitúan en todo caso a Galicia como a terceira comunidade autónoma con máis mortes con afogamento, só por detrás de Andalucía (39) e Canarias (35), co 12,3% dos falecementos totais.

Dende o ano 2015 máis de 500 persoas morreron en Galicia por afogamento accidental. O ano 2016 (69 mortes) e o 2024 (64) foron os máis negativos

Dende o ano 2015 máis de 500 persoas (505) morreron en Galicia por afogamento accidental, dos 4.242 falecementos totais que se produciron en todo o Estado. O ano 2016 (69 mortes) e o 2024 (64) foron os máis negativos, mentres que o 2021, marcado pola pandemia de COVID e as obrigadas restricións á mobilidade, foi o ano no que menos defuncións se produciron (17).

O pasado ano a maior parte das mortes rexistradas este ano en Galicia e no conxunto do Estado producíronse en espazos sen vixilancia (é dicir, en praias ou piscinas sen servizo de socorrismo). De feito, unha proporción significativa dos falecementos galegos déronse en ríos e encoros, non tanto nas praias, a diferenza da tónica habitual no resto de España. A estatística inclúe tamén suicidios ou posibles suicidios, pois non resulta doado concluír na maior parte dos casos o carácter accidental ou intencionado do afogamento.

O pasado ano a maior parte das mortes rexistradas este ano en Galicia e no conxunto do Estado producíronse en espazos sen vixilancia, moitas en ríos e encoros

Nos últimos anos Galicia sufriu unha importante falta de socorristas nas súas praias, debido en parte ás elevadas esixencias da Xunta, que facía que moitos concellos tivesen moitas dificultades para atopar persoal axeitado para dar este servizo. Este verán o problema semella terse minimizado, pero segue a haber moitos lugares de Galicia que aínda non puideron realizar as necesarias contratacións.

Nos últimos anos Galicia sufriu unha importante falta de socorristas nas súas praias, xa que moitos concellos atopan moitas dificultades para atopar persoal axeitado para dar este servizo

En 2024, con datos para o conxunto de España, o informe apunta que a maior parte das persoas que morren afogadas de forma accidental en espazos acuáticos son homes (o 82%) e de máis de 55 anos. De feito, os maiores de 65 anos supoñen o 43% dos falecementos e as persoas entre 55 e 64 anos outro 15%.

O maior número de mortes prodúcense en praias (52%), seguidas de ríos (18%) e piscinas (12%). O 14% dos falecementos déronse en lugares con vixilancia, o 45% en espazos sen vixilancia e o 41% en puntos onde esta non era necesaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.