O pasado ano faleceron en Galicia algo máis de 32.000 persoas, unha amplísima maioría por enfermidade. Trátase dunha cifra relativamente estable dende hai máis dunha década, segundo os rexistros oficiais do INE.
Esas estatísticas, con datos comparables dende 1980, tamén reflicten unha media dunhas 1.400 mortes anuais por diversas causas externas. A radiografía deses falecementos variou moi notablemente ao longo destas máis de catro décadas. Onde antes eran protagonistas absolutos os accidentes de tráfico agora sono outras causas que chegan a triplicar as mortes na estrada: caídas accidentais, afogamentos e suicidios.
O INE vén de divulgar os datos provisionais de mortaldade correspondentes ao ano 2023. No que atinxe aos problemas de saúde, os que máis defuncións provocaron son as doenzas cardiovasculares, o cancro e as enfermidades ligadas a trastornos de senilidade ou demencia, unha preponderancia notablemente relacionada co envellecemento da poboación.
En tres décadas, as mortes en accidente de tráfico pasaron de máis de 600 anuais a menos de 150 mentres os falecementos por suicidio seguen arredor dos 300 por ano
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, dende inicios dos anos 90 do século pasado produciuse un descenso paulatino das mortes en accidente de tráfico, caída especialmente acusada dende a primeira década do XXI. Así, fronte ás máis de 600 mortes na estrada de hai uns trinta anos, cómpre remontarse ao ano 2011 para atopar un exercicio con máis de duascentas e a 2018, con máis de 150.
Os datos provisionais de 2023 quedan en 114. A diminución é especialmente relevante tendo en conta ademais que, ata 2016, esta estatística non recollía como mortes por accidente de tráfico as que se producían en sinistros de medios de transporte sen motor ou aquelas acontecidas cando a vítima estaba subindo ou baixando do vehículo.
Mentres se producía esa relevante variación á baixa das mortes por accidente de tráfico, os falecementos por suicidio ou autolesións mantéñense na contorna dos 300 anuais. Os datos máis recentes apuntan a unha lixeirísima tendencia á baixa, con 290 nas cifras provisionais de 2023. Estas reiteradas cifras e a súa especial incidencia levan dende hai anos a diversos colectivos a reclamar máis medios públicos na abordaxe do problema e, en particular, na súa prevención temperá.
As mortes derivadas de caídas accidentais tenden a incrementarse e son máis de 300 anuais. Teñen especial incidencia entre maiores de 75 anos
Nos últimos anos o total de falecementos por suicidio estase vendo superado polo número de defuncións a causa de caídas accidentais, un fenómeno especialmente ligado ao envellecemento da poboación. Así, os datos divulgados esta semana polo INE amosan unha especial incidencia dos falecementos a causa de caídas na poboación de 75 anos en diante, entre a que tamén teñen especial incidencia os afogamentos, categoría na que se engloban tanto as defuncións no medio acuático como asfixias accidentais por outros motivos -por exemplo, atragoamentos-.
Na banda contraria en canto a idade atópase a incidencia das mortes por suicidio. Como reflicte o cadro que acompaña esta información, as cifras máis avultadas rexístranse entre persoa menores de 70 anos e, máis particularmente, en grupos de idade como a poboación de 30 a 39 anos.