Os psicólogos falan do suicidio sen tabús en Vigo: “A maior parte dos mozos pensan nalgún momento en quitarse do medio”

Durante 2022 suicidáronse 4.097 persoas en España, máis do dobre que os falecidos en accidentes de tráfico. CC-BY-SA Fotorech

O curso ‘O sentido da vida’, celebrado esta semana nas instalacións da UNED en Vigo, abordou un tema que cada vez preocupa máis na sociedade: o suicidio xuvenil e adolescente

Cal é o o sentido da vida? Cara a onde queres ir? Non é doado atopar unha resposta a estas preguntas e mais cando tes 17 anos e estás perdido na sociedade. A adolescencia é unha etapa moi complexa na busca da propia identidade persoal á que hai que prestar unha especial atención para detectar estados de ansiedade ou depresión que poidan derivar en intentos de suicidio por non saber como facer fronte aos problemas.

O curso ‘O sentido da vida’, celebrado esta semana nas instalacións da UNED en Vigo, abordou un tema que cada vez preocupa máis na sociedade: o suicidio xuvenil e adolescente. Con máis de 1.100 persoas inscritas (entre a modalidade online e presencial) de diferentes países, durante tres días os psicólogos e psicólogas participantes reflexionaron sobre as “alarmantes” cifras de suicidio en España e a perigosa dinámica de crecemento no sector máis mozo da poboación. Acabar cos mitos sobre estas mortes e como poder detectar un problema de conduta suicida foron algúns dos asuntos abordados entre o pasado mércores e venres.

Acto do Movemento Galego da Saúde Mental en demanda de medidas para previr os suicidios. © MGSM

“Cando unha persoa decide suicidarse non é por gusto nin por chamar a atención. Adoita haber un estado con moito malestar e moita sensación de desamparo", asegura o psicólogo David Carreño

“Nas xeracións anteriores, desde os baby boomer para atrás, falábase máis do que facer coa túa vida, que queres ser e con que valores, fosen os que fosen. Incluso na Posguerra, o sentido da vida dábase por suposto na propia supervivencia”. O psicólogo e docente David Carreño foi un dos intervenientes no curso e puxo o foco na falta de alicientes e de propósitos vitais que lastran a mocidade en moitos casos na actualidade. 

“A abundancia, o exceso de recursos, as sobreestimulación das pantallas e que non se fale dos propósitos de vida, que se busque só o éxito persoal e non un labor como parte do grupo desorienta”, asegura. Nesta situación, cando veñen problemas que non saben afrontar e por riba, están sós,  porque ben non aprenderon a relacionarse, ou ben carecen dun círculo de relacións de calidade real, é cando pode xurdir a idea do suicidio. “Do pensamento de suicidio ao suicidio hai un paso moi grande. Hai estudos que demostran que a maior parte de mozos de ata vinte e pico anos, nos últimos tres anos, pensaron en quitarse do medio nalgún momento. E moi poucos o consuman”, asegura o psicoterapeuta e investigador.

As cifras de mortes por suicidio en España e en Galicia son alarmantes. “É algo cada vez máis común e xa non se pode tapar”, indica Carreño, que defende a importancia de acabar cos mitos do suicidio. “Cando unha persoa decide suicidarse non é por gusto nin por chamar a atención. Adoita haber un estado con moito malestar e moita sensación de desamparo, soidade e por suposto ten ver coa saúde mental”, explica. 

 

Máis do dobre dos falecidos ca en accidentes de tráfico

O número de suicidios entre os adolescentes de entre 12 e 17 anos incrementouse un 32,35 % entre 2019 e 2021

O suicido segue a ser a primeira causa de morte externa España, por diante de afogamentos, ou caídas accidentais. Segundo os últimos datos do INE, durante 2022 suicidáronse 4.097 persoas en España, máis do dobre que os falecidos en accidentes de tráfico (1.145 segundo a DXT).

Segundo relata Jesús Pozo, co director do curso e responsable da revista 'Adiós cultural', España está a rexistrar o maior número de suicidios da súa historia, e as cifras entre adolescentes, aumentan rapidamente. Por iso, destaca, con este curso pretenden “reflexionar e visibilizar o que está a ocorrer”. O número de suicidios entre os adolescentes de entre 12 e 17 anos incrementouse un 32,35 % entre 2019 e 2021, segundo as conclusións extraídas polo Informe sobre a Evolución do suicidio en España en poboación infantoxuvenil (2000-2021) elaborado polo Grupo de Investigación en Epidemioloxía Psiquiátrica e Saúde Mental da Universidade Complutense de Madrid. Os datos do INE reflexan un significativo aumento no último ano analizado nos suicidios en menores de 20 anos, ao pasar das 75 mortes en 2021 a 84 en 2022.

Galicia presenta en 2020 unha taxa de 12,5 suicidios por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal

Galicia é un dos territorios do Estado, xunto con Asturias, cunhas taxas de suicidio máis elevadas, moi por riba da media española. Galicia presenta en 2020 unha taxa de 12,5 suicidios por cada 100.000 habitantes (excluídos os menores de 5 anos), case o dobre da media estatal. En termos relativos, a taxa de incidencia amosa que o suicidio tamén é máis relevante en Lugo (por riba de 16 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguida de A Coruña, Ourense e Pontevedra.

No ano 2022 foron 340 as persoas que quitaron a vida no país, segundo os datos publicados polo Imelga na súa memoria anual. A cifra mantén a tendencia ascendente iniciada no 2018 cando se rexistrara o número máis reducido de suicidios dende os anos 80 do pasado século. Porén, dende entón durante catro exercicios volveu superarse o nivel dos 300, case un por día. En xeral, o confinamento reducira o número de suicidios no ano 2020, pero a volta á normalidade no 2021 e 2022 tivo un efecto rebote cun incremento do número de suicidios. O número rexistrado o pasado ano supón o máximo dende o 2016.

Cambio de cultura xeracional

 O cambio da cultura nas diferentes xeracións cara a unha vida máis hedonista e de estimulación ao instante é un factor que, ao seu parecer, inflúe no benestar psíquico dos máis mozos, moitos dos cales pasan pola súa consulta

David Carreño relata que hai moitos factores para explicar o aumento dos casos de intentos nos adolescentes. O cambio da cultura nas diferentes xeracións cara a unha vida máis hedonista e de estimulación ao instante é un factor que, ao seu parecer, inflúe no benestar psíquico dos máis mozos, moitos dos cales pasan pola súa consulta. “Falar do sentido da vida na mocidade resulta cada vez máis difícil. Isto hai que explicalo. Se veñen problemas complicados e non un hai unha columna vertebral para sosterse a nivel vital, é máis fácil que un pense que a súa vida non ten valor, un sentido, e pensar en quitarse do medio”, explica.

Outro factor é o propio momento vital, xa que a adolescencia é unha etapa de transición moi complicada a nivel psicolóxico. É a etapa da vida na que normalmente se desenvolve unha identidade social: quen es? Que rol vas ter na sociedade? E cando iso non se desenvolve ben, pois podes sentirte solo e desvinculado, segundo di o experto.

Carreño tamén refire o feito de que como cada vez se fala máis do suicidio, poden aparecer comportamentos de imitación, o que se denomina iatroxenia social. “Somos dos países máis colectivistas de Europa, de pensamento en grupo, e estas cousas inflúen moito”, asegura.

Hai moita xente moza, sinala o psicoterapeuta, que chega á consulta coa idea de quitarse do medio como solución a algún problema pero “cando se sitúa na vida proxectando un valor e cunha funcionalidade, unha columna vertebral, desde aí cambia todo e deixan de pensar niso para pensar en aproveitar a vida”, defende .

A sociedade vai empezando a estar máis preparada para tratar cuestións incómodas como a morte e o suicidio, defende a psicóloga Patricia Gutiérrez

A psicóloga Patricia Gutiérrez, pola súa banda, pon a énfase na importancia de acabar co tabú do suicidio e da necesidade de falar, e moito, do asunto. Aos poucos, asegura, a sociedade vai empezando a estar máis preparada para tratar cuestións incómodas como a morte e o suicidio. “Tradicionalmente entendeuse que falar sobre estas cuestións podía xerar malestar, dano ou dor e mesmo no caso do suicidio que se podía fomentar esta conduta ou ideación se se falaba abertamente diso, pero a realidade é ben diferente”. Poder trasladarlle á nosa contorna próxima como nos sentimos con respecto a estas cuestións facilita o procesamento da información e das emocións, dos feitos que estamos a vivir; permite unha sa elaboración do dó e xera unha estrutura para aceptar aquilo que nos doe”, subliña a tamén docente na Universidade Autónoma de Madrid. 

Mitos sobre o suicidio

Gutiérrez refire varios dos mitos asociados á conduta suicida. O primeiro deles sería seguir crendo que falar do suicidio fomenta na poboación o desexo de levar a cabo esta conduta. “Falar diso non xera unha invitación á conduta suicida, ao revés, damos a oportunidade a moitas persoas que están a pensar niso que poidan expresar, compartir e aliviar a súa dor"

Gutiérrez refire varios dos mitos asociados á conduta suicida. O primeiro deles sería seguir crendo que falar do suicidio fomenta na poboación o desexo de levar a cabo esta conduta. “Falar diso non xera unha invitación á conduta suicida, ao revés, damos a oportunidade a moitas persoas que están a pensar niso que poidan expresar, compartir e aliviar a súa dor".

Outro dos mitos máis comúns é pensar que as persoas que falan sobre a ideación suicida unicamente buscan chamar a atención e que precisamente por comunicalo non o farán. “Debemos afastarnos desta idea”, destaca a psicóloga. Gutiérrez defende que non é real que unha persoa que exprese o seu desexo de morte non o fará e que é por chamar a atención. “Está a pedir axuda á contorna moi probablemente porque teña a sensación de non ter plena sensación de control. Nestas situacións debemos falar coa persoa (aínda que nos resulte incómodo) sobre o seu malestar, ofrecerlle fontes de protección como rutinas en compañía, xa que sabemos que acompañar a persoas que están con alto malestar reduce este malestar e pode impedir o acto impulsivo”, explica a psicoterapeuta. 

Tampouco sería acertado pensar que cando unha persoa que xa constatou a súa vontade suicida presenta un estado de maior calma é que está mellor e xa non quere morrer, porque, segundo indica, non sempre é así

Tampouco sería acertado pensar que cando unha persoa que xa constatou a súa vontade suicida presenta un estado de maior calma é que está mellor e xa non quere morrer, porque, segundo indica, non sempre é así. “En ocasións cando a persoa planificou a conduta mellora levemente porque se sente aliviada pola decisión tomada. Tras saír dunha crise aguda debemos reforzar a escoita, a compañía, o agarimo, a atención ou os plans”, detalla. 

Por último, a psicóloga quere desmentir tamén outro dos mitos máis comúns: pensar que a ideación suicida está asociada a unha parte da poboación exclusivamente. “A realidade é máis complexa, o fenómeno do suicidio é multifactorial, non todas as persoas que viven con problemas de saúde mental son suicidas, e non todas as persoas que morren por suicidio teñen problemas de saúde mental”, di.

Posibles trazos da conduta suicida

Ao illamento social, afectivo ou lúdico debemos pórlle foco, coñecer por que está a pasar e acompañar a persoa 

A psicóloga Patricia Gutiérrez alerta, en primeiro lugar, de que os factores sempre son múltiples, así que ao ler a listaxe de posibles indicadores non debemos chequear á nosa contorna sen máis, porque ter un comportamento puntual dos que nomea non quere dicir que unha persoa teña intención de suicidarse. 

Porén, é interesante saber que cando unha persoa (adulta ou moza) se illa cada vez máis da contorna é que está moi posiblemente tendo un pico de sufrimento. Con este afastamento quere impedir que a súa contorna tamén sufra non querendo “molestar” e mesmo poida que necesite ordenar o seu mundo emocional desde o silencio porque non é capaz de detectar que lle está sucedendo ou que necesita. Así que “ao illamento social, afectivo ou lúdico debemos pórlle foco, coñecer por que está a pasar e acompañar a persoa a que transite por estes momentos de dificultade sabendo que non está soa”, indica Gutiérrez. 

As respostas impulsivas, agresivas, os estalidos emocionais tamén son un síntoma de alto malestar, así que “debemos estar preto para axudar as persoas a que xeren cambios na súa regulación emocional”, explica. 

Por último, detalla que cando identificamos que a persoa deixa de falar do futuro, non se proxecta en plans, accións, desexos ou motivacións, pode ser un sinal do seu baixo estado de ánimo.

Plan nacional de prevención

“Sendo capaces de acompañar os nosos mozos na súa xestión emocional estaremos a xerar poboacións máis estables e máis sás no futuro", indica a psicóloga Patricia Gutiérrez

Para Patricia Gutiérrez sería fundamental a aprobación dun Plan nacional de prevención de suicidio con capacidade para acoller e acompañar as persoas que sofren. “Necesitamos profesionais formados, necesitamos espazos amables para acoller esta dor e sufrimento e necesitamos traballar desde a prevención coa poboación máis nova”, asegura, para dotala de estratexias que lles permitan afrontar as emocións, gañar resiliencia, así como traballar nos seus valores e xerar capacidade de afrontar as adversidades”

A psicóloga alerta da necesidade dunha maior dotación de recursos públicos que permita facer fronte ás demandas poboacionais en saúde mental e programas de prevención de suicidio en centros educativos. “Sendo capaces de acompañar os nosos mozos na súa xestión emocional estaremos a xerar poboacións máis estables e máis sás no futuro. O suicidio é unha conduta que vén acompañada do sufrimento e da desesperación. Se somos capaces de ensinar a xestionar estas emocións tan devastadoras estaremos a acompañar a poboación, as familias e os mozos”, conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.