Crises de ansiedade, adiccións, autolesións, acoso, depresión: medran as peticións para incorporar psicólogos aos institutos

Aula nun centro de ensino CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"Vemos unha sociedade enferma con adolescentes que están sufrindo", asegura Manuela del Palacio, que reivindica a necesidade de "pasar á acción" e incorporar especialistas en Psicoloxía educativa aos centros de secundaria

"O alumnado pídenos que o escoitemos porque hai un sufrimento emocional importante. Non temos datos estatísticos porque non se está a cuantificar, pero son moitos casos. Crises de ansiedade, diagnósticos de depresión, moitas adiccións sobre todo ás tecnoloxías, acoso escolar, autolesións, intentos de suicidio, trastornos de alimentación, violencia de xénero... A estes problemas, que estamos expoñendo constantemente diante da Administración, hai que darlles resposta xa. Non podemos agardar, temos que pasar á acción. Vemos unha sociedade enferma con adolescentes que están sufrindo". Manuela del Palacio, presidenta da Sección de Psicoloxía educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e orientadora nun instituto galego, analiza así a situación nos centros de ensino.

Desde o regreso ás aulas tras o parón inicial pola pandemia da COVID-19 diversas voces dentro da comunidade educativa veñen reclamando incluír nos cadros de persoal dos institutos a figura do psicólogo ou psicóloga educativa. A decana do COPG, Rosa Álvarez, fíxoo de novo nunha xuntanza co conselleiro de Educación o pasado mes de abril ante as "continuas demandas" que o Colexio recibe de centros escolares para abordar estes complexos problemas que condicionan o benestar emocional da rapazada. Manuela del Palacio vén de coordinar a xornada Psicoloxía na escola xa! para que a sociedade coñeza o que pasa nas aulas [a xornada completa pode verse aquí].

Campaña do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia no Día internacional contra o acoso escolar CC-BY-SA COPG

Son moitos os factores dos que depende o sufrimento emocional que manifestan os adolescentes, pero destacan a situación de crise económica polos efectos da inflación que se vive nas casas e as dificultades dos adultos para conciliar a vida laboral coa persoal, que deixan a moitos rapaces e rapazas soas moitas horas ao día. "O primeiro que habería que cumprir é a normativa europea, que dita que nos centros haxa un orientador por cada 250 alumnos", defende Manuela del Palacio, que é a única orientadora nun instituto con 785 alumnos. "Vou apagando lumes", lamenta, pois á parte dos problemas de benestar emocional o departamento de orientación encárgase das dificultades de aprendizaxe e da orientación cara ao futuro laboral do alumnado.

"O grao de autoesixencia que ten hoxe o adolescente é moi alto", sinala Manuela del Palacio, que observa que a mocidade "ten un índice de frustración moi baixo" polo efecto do que aprende nas redes sociais

"Non se dá feito e a Administración sábeo", critica Del Palacio para incidir na necesidade de introducir nos centros persoal coa formación axeitada para enfrontar a situación actual e levar a cabo un labor de prevención nas aulas. Existe un posto novo, o coordinador ou coordinadora de benestar, que pode ser un profesor voluntario ao que non se lle require formación psicolóxica nin psicopedagóxica. "Un orientador precisa unha formación para estar aí. Isto é un parche, na Consellería saben que precisamos unha persoa que saiba como tratar a este alumnado e que poida implementar programas de prevención", agrega. 

O 17,8% dos adolescentes galegos presenta síntomas de depresión e un 12,7% ten ideas suicidas recorrentes, son datos recentes do estudo Adolescencia, Tecnología, Salud y Convivencia, levado a cabo na Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección científica do psicólogo social Antonio Rial Boubeta. "Polo menos un de cada catro adolescentes galegos (26,1%) presenta un uso problemático da internet", conclúe este traballo. Para Manuela del Palacio as redes sociais son parte fundamental do problema porque aportan uns modelos de referencia "inexistentes". 

Dúas rapazas cos seus teléfonos móbiles no campus da Universidade de Santiago © Santi Alvite/USC

"Nas redes véndese fume, non se pode estar todo o tempo feliz. Na vida hai momentos nos que o vas pasar mal, pero iso non aparece nas redes. Ninguén é perfecto e aí saen todos perfectos... O grao de autoesixencia que ten hoxe o adolescente é moi alto", explica a psicóloga, quen critica que debido a este aprendizaxe a mocidade "ten un índice de frustración moi baixo". "Aquí está a clave, ao mínimo problema caen. Comentámolo entre o profesorado, como tamén vemos falta de normas nas casas, hai que dicilo. Pais e nais necesitarían saber o que ven os seus fillos e fillas en internet e non deixalos sós cos móbiles a certas horas. Pero moitos teñen medo a quitarlles os móbiles, eu xa recomendo que non é algo que se poida facer de pronto, hai que facelo paulatinamente", debulla Del Palacio.

"O alumnado vén a nós e pide axuda, aínda que ás veces non nos decatemos. Estamos capacitados para detectar os sinais do que sucede e temos as estratexias para actuar cando detectamos algo? A orientadora no noso centro non dá e no equipo directivo botamos unha man, tamén se temos sorte axudan os titores e titoras. Pero é necesario que os departamentos de orientación conten cunha persoa especializada na faceta emocional", asegura o director do IES A Pontepedriña de Santiago, Javier Dapena.

"É necesario que os departamentos de orientación conten cunha persoa especializada na faceta emocional", salienta Javier Dapena, director do IES A Pontepedriña

Para Dapena os centros de ensino son un reflexo da sociedade e están a manifestar problemas de saúde mental, con maior intensidade tras a pandemia. Neste instituto compostelán hai alumnado en risco suicidio, alumnado que xa se intentou suicidar e sobre o que manteñen un seguimento, crises de ansiedade ou problemáticas relacionadas coa identidade de xénero.

Todo isto, unido ás necesidades educativas especiais ou de apoio educativo, corresponde ao departamento de orientación, no que só hai unha orientadora para 510 matriculados en secundaria e 440 en ciclos formativos. "Hai tres persoas máis nese departamento que son de apoio para cuestións técnicas ou de tipo académico ou cognitivo, pero non poden actuar na detección destas problemáticas das que falamos, nin establecer protocolos", aclara o director. Pola súa banda, Manuela del Palacio aposta por formar tamén ao profesorado e considera que xa no máster de preparación para profesorado deberan ter clases de Psicoloxía. 

Manuela del Palacio e Antonio Rial Boubeta na xornada organizada polo COPG 'Psicoloxía na escola xa!' CC-BY-SA cedida/Praza.gal

"Gañaríamos moito coa figura do psicólogo ou psicóloga educativa", asevera Javier Dapena, quen ademais considera que debe ser un posto integrado en cada instituto. Máis crítico se mostra o xefe de estudos dun instituto da comarca do Salnés, que pon o foco na capacidade de actuación que teñen desde os centros: "Precisamos mecanismos que nos permitan, desde a autoridade educativa, derivar o alumnado a un psicólogo ou psiquiatra se detectamos algún problema. O ideal sería ter un protocolo de derivación directa co Sergas, sen que os pais e nais o poidan impedir. Que autoridade tería ese psicólogo educativo? Habería que contar co permiso paterno para que trate a un alumno ou alumna?". 

"Precisamos mecanismos que nos permitan, desde a autoridade educativa, derivar o alumnado a un psicólogo ou psiquiatra", di un xefe de estudos do Salnés

Este docente do Salnés argumenta que nos centros de ensino precisan ter moitas ferramentas para ver cal precisan en cada caso, pois hai que tratar aos rapaces un a un. "Agora mesmo xa temos mecanismos como derivar o alumnado aos Equipos de orientación específicos (EOE), previo informe psicopedagóxico do departamento de orientación do instituto, pero para iso precisamos autorización dos pais", explica, para apuntar que existen moitos protocolos –e moi garantistas– pero "faltan persoal e medios para aplicalos". "Non calquera resposta e non por calquera, por un especialista. Acompañalos podemos facelo todos, precisan apoios sociais, pero necesítase un especialista", precisa a presidenta da Sección de Psicoloxía educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. 

"Cada vez é máis complexo o trato con menores, son máis complexos os problemas mentais e resulta máis complexo o trato coas familias. Ademais, aumentan os casos nos que temos que abrir –en todos os centros, non só neste– protocolos de suicidio ou de acoso. O profesorado pode detectar estes problemas ou non, a orientadora se está desbordada de traballo tampouco ten que velos. De ser algo excepcional, estes problemas vanse convertendo en algo máis habitual e por iso creo que é necesario contar con psicólogos nos centros", destaca Javier Dapena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.