Os 'Diarios' de Syra Alonso, un relato de resistencia persoal ante o terror do franquismo

Un exemplar do libro, fronte á 'Casa da Felicidade' de Syra Alonso, en Liáns (Oleiros) © Alvarellos Editora

Alvarellos vén de reeditar, de maneira ampliada os Diarios escritos por Syra Alonso en 1938 e 1945 e nos que relata o sufrimento vivido no verán de 1936, cando o seu home, o pintor Francisco Miguel foi asasinado polos franquistas 

“Seis días non son nada. Pero para min, atormentada pola incerteza, foron días interminables. Nin nos cuarteis da Falanxe nin nos da Garda Civil me daban razón do que fixeran con Francisco Miguel. Sentía noxo e temor polo Gobernador, pero non había máis solución que ir ata a súa casa. Como non sentir espanto diante de Florentino González Vallés, comandante da Garda Civil e daquela Gobernador da Coruña? Como non sentir noxo por quen mandou asasinar centos de homes?”.

Os Diarios de Syra Alonso (A Coruña, 1899 - México, 1970) son, sobre todo, o relato da angustia vivida pola autora nos días en que o seu home, o pintor Francisco Miguel, foi detido polos franquistas o 3 de agosto e ata a súa execución o 28 de setembro. Son, polo tanto, un testemuño íntimo, de resistencia persoal, pero tamén un testemuño colectivo, o de tantas persoas que sufriron a represión nese verán de 1936 e nos anos e décadas seguintes. O de tantas mulleres, cuxas voces foron silenciadas.

Alvarellos vén de reeditar, de maneira ampliada e co apoio da Deputación da Coruña, uns Diarios publicados inicialmente por A Nosa Terra no ano 2000 e traducidos por Anxos Sumai. A obra, presentada hai uns días na Feira do Libro da Coruña, inclúe como na edición orixinal unha introdución a cargo de Carme Vidal e incorpora un epílogo do profesor mexicano Conrado J. Arranz, que está a realizar unha investigación sobre os diarios que dará lugar a unha completa edición en castelán dos mesmos. Ademais, podemos ler un dos varios relatos de ficción escritos pola propia Syra Alonso, Tres homiños, que amosa unha nova dimensión da autora.

Presentación dos 'Diarios' de Syra Alonso na Feira do Libro da Coruña, o 3 de agosto © Alvarellos Editora

Os seus restos, exhumados hai dous anos en Bértoa (Carballo) serán entregados á familia o vindeiro 29 de setembro como colofón a unha xeira de actos de recoñecemento á parella

O acto que tivo lugar o pasado domingo na Feira do Libro da Coruña anticipouse á presentación oficial da obra, que terá lugar o vindeiro 3 de outubro, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Será un don eventos que neste outono celebrarán as figuras de Syra Alonso e de Francisco Miguel, o pintor vangardista cuxos restos foron exhumados hai dous anos en Bértoa (Carballo), xunto cos de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete. 

Os restos dos outros tres homes foron entregados ás súas familias o pasado mes de abril nun acto solemne celebrado no salón de plenos da Coruña, para despois ser soterrados. No caso de Francisco Miguel, a entrega dos restos terá lugar o vindeiro 29 de setembro, nun acto semellante que será completado coa súa sepultura no Cemiterio de San Amaro.

O texto detalla as súas visitas ao cárcere para ver a Francisco Miguel, o ambiente de medo e represión e, finalmente, a súa desesperación ao non ter noticias no paradoiro do pintor, procurándoo na comisaría da Garda Civil, no local da Falanxe, na prisión

Syra Alonso escribiu os seus diarios entre 1938, nunha casa en Tordoia, e en 1945, xa no seu exilio mexicano. O texto detalla as súas visitas ao cárcere para ver a Francisco Miguel, o ambiente de medo e represión e, finalmente, a súa desesperación ao non ter noticias no paradoiro do pintor, procurándoo na comisaría da Garda Civil, no local da Falanxe, na prisión... Polo medio, amigos son paseados, outros desaparecen, son fusilados o alcalde, o gobernador civil, militantes de partidos, sindicalistas... A cidade é cuberta polo terror. Foron “as horas máis tristes da miña vida”, como ela mesmo subtitulou os Diarios nunha das súas reescrituras. 

Pero nos diarios, que son no fondo unha narración sobre a felicidade perdida, tamén hai beleza, hai amor por Francisco Miguel e pola humanidade. Como destacou na presentación Avia Veira, concelleira do BNG na Coruña e voceira nacionalista na Deputación, "é terrible a dor que expresan os diarios pero tamén fermoso o amor que eles dous vivían. O texto móvese neses dous extremos". Avia Veira destacou que os Diarios "non son só un libro, senón que son un documento vital, un berro calado que atravesa o tempo para falarnos directamente a nós, lectoras e lectores do presente".

Presentación dos 'Diarios' de Syra Alonso na Feira do Libro da Coruña, o 3 de agosto © Alvarellos Editora

Os Diarios son "un testemuño íntimo, pero tamén un testemuño colectivo. Porque a historia de Syra é tamén a historia de tantas mulleres galegas do seu tempo", destaca Avia Veira

No texto "descubrimos unha muller que sufriu o exilio, a represión, o esquecemento e a dor, mais tamén unha muller viva, profundamente culta, coñecedora das vangardas que estaban a revolucionar as artes. Uns diarios que tamén dan conta dunha Coruña de comezos do século XX que foi tronzada polo golpe de Estado de 1936", sinalou a deputada provincial.

Como concluíu Avia Veira, os Diarios son "un testemuño íntimo, pero tamén un testemuño colectivo. Porque a historia de Syra é tamén a historia de tantas mulleres galegas do seu tempo, que quedan perfectamente retratadas nestes diarios. Valentes, silenciadas, torturadas e imprescindibles". "Hai unha pregunta que vén ao caso: cantas Syras están aínda pendentes de recuperar, cantas mulleres, e cantos diarios hai aínda nos caixóns, sen que saian á luz, textos escritos dende o silencio e a dor, escritos para que cousas coma esta nunca máis sucedesen", finalizou Veira.

Syra Alonso "escribe os seus diarios para que sexan lidos. Non é a confesión íntima dunha muller que recría a súa vida para botar fóra a dor, é a construción dun documento dunha inusual forza que ela gardou na espera de momentos para facelo público", di Miguel Anxo Fernán Vello

Na presentación que tivo lugar na Feira do Libro da Coruña participaron dúas persoas imprescindibles para entender o traballo de recuperación da memoria de Syra Alonso e de Francisco Miguel. Por unha banda Carmen García Rodeja, representante da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), que impulsou a exhumación de Francisco Miguel e dos outros tres asasinados en Bértoa. García Rodeja foi tamén quen suxeriu a Alvarellos a necesidade de reeditar os Diarios.

A outra figura imprescindible é a do poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, con quen "comezou todo", como destacou Carmen García Rodeja na presentación. Dende hai tres décadas pescuda nas figuras de Francisco Miguel e de Syra Alonso e segue a facelo, na procura por exemplo da casa de Tordoia na que se escribiron os Diarios.

O poeta e editor subliña que Syra Alonso "escribe os seus diarios para que sexan lidos. Non é a confesión íntima dunha muller que recría a súa vida para botar fóra a dor, é a construción dun documento dunha inusual forza que ela gardou na espera de momentos para facelo público".

Un dos moitos retratos que Francisco Miguel fixo de Syra Alonso, en 1927 Dominio Público

Os textos, ademais do seu incalculable valor como testemuño, foron tamén unha axuda imprescindible para a recuperación dos restos dos catro homes asasinados en Bértoa, como lembrou Carmen García Rodeja

Na recensión que dedicou no ano 2000 á primeira edición dos Diarios, o crítico Arturo Casas destacou que estes non son simplemente uns diarios, senón máis ben unhas memorias, pois teñen unha vontade de estilo e de composición textual que as converte nun obxecto literario memorialístico. As palabras que Syra Alonso escribiu hai máis de 80 anos "doerán na gorxa de quen lean estes diarios; O seu realismo conmove, crea unha conexión especial coa autora", destaca Fernán Vello.

Os textos, ademais do seu incalculable valor como testemuño, foron tamén unha axuda imprescindible para a recuperación dos restos dos catro homes asasinados en Bértoa, como lembrou Carmen García Rodeja. Os textos xudiciais desapareceran, pero grazas aos diarios de Syra tiñamos os informes do xulgado e da autopsia transcritos por ela. Grazas a eles e mais aos testemuños da veciñanza a ARMH puido atopar os restos de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete e Francisco Miguel Fernández e exhumalos en 2023. 

Francisco Miguel foi detido inicialmente o 3 de agosto e, tras ser liberado, de novo o 19 de setembro. Dez días despois foi asasinado, aparecendo o seu corpo coa cara fendida e as mans amputadas

En 1943 finalmente Syra Alonso consegue marchar cos seus fillos a México, de onde xa nunca regresaría. En 1970 falecería aqueixada dun cancro de ósos. A súa figura foi progresivamente esquecida en Galicia, o mesmo que a do seu home Francisco Miguel, cuxos restos permaneceron nun lugar descoñecido ata hai dous anos. Neste outono ambos os dous recibirán a merecida homenaxe, escribindo o capítulo final deste relato de resistencia persoal, de dor e de amor.

 

Unha vida de arte

Francisco Miguel Fernández Díaz naceu en 1897 na Coruña. Tivo ao seu cargo a Librería de Arte, no número 8 da rúa Real da Coruña, e colaborou activamente con revista Alfar, da que foi director artístico. Neses anos coñeceu a Syra Alonso, coa que casou en 1920, e nos anos seguintes viaxaron por París, Cuba ou México, onde naceron dous dos seus fillos. Nesas estadías tiveron relación con destacados intelectuais e artistas, dende os muralistas David Alfaro Siqueiros e Diego Rivera ao cineasta Sergėi Eisenstein. En 1933 volveron a España. Tras un ano en Madrid regresaron a Galicia, instalándose na que denominaron Casa da Felicidade, en Liáns (Oleiros), un lugar que actúa como contrapunto da dor vivida a partir do verán de 1936. 

Francisco Miguel Fernández Díaz © ARMH

Francisco Miguel é unha figura clave na arte galega do século XX, malia ser enormemente descoñecido. Así o destaca Miguel Anxo Fernán Vello e así o salientaba tamén Luís Seoane, como deixou constancia en dúas cartas dirixidas a Isaac Díaz Pardo

Porén, o 3 de agosto de 1936 Francisco Miguel foi detido pola Garda Civil, acusado de actuar contra o réxime de Franco. Posteriormente liberado grazas á mediación da propia Syra, pero foi de novo secuestrado o 19 de setembro, capturado por cinco axentes da Brigada Social nunha pensión da rúa Mariño na Coruña. Foi levado á comisaría, á comandancia militar e despois ao cárcere, aparecendo o seu corpo dez días despois en Bértoa (Carballo) coa cara fendida e as mans amputadas. O crego do lugar determinou soterralo nunha foxa no cemiterio parroquial.

O pintor é unha figura clave na arte galega do século XX, malia ser enormemente descoñecido. Así o destaca Miguel Anxo Fernán Vello e así o salientaba tamén o propio Luís Seoane, como deixou constancia en dúas cartas dirixidas a Isaac Díaz Pardo, nas que instaba a que no futuro Museo Carlos Maside, Francisco Miguel tivese un espazo destacado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.