A criminalidade convencional descendeu en Galicia durante o pasado ano e acumula xa tres anos consecutivos de descensos, dende o 2022. Aumentan, iso si, as estafas informáticas
A criminalidade convencional descendeu en Galicia durante o pasado ano e acumula xa tres anos consecutivos de descensos. O pasado xoves o Ministerio do Interior publicou as estatísticas de criminalidade correspondentes ao ano 2025. Os datos amosan un incremento do número total de delitos cometidos (de 95.405 a 96.066) pero que se debe principalmente ao aumento dos ciberdelitos, especialmente das estafas informáticas, que pasan de 20.236 a 22.091).
Se non se teñen en conta estas estafas informáticas, o resto de delitos descende (de 75.169 a 73.975), como leva facendo dende o ano 2022. En relación a ese ano 2022, o número de delitos convencionais descendeu en preto de 2.500, deixando as cifras en niveis do ano 2015.
O descenso no número de delitos convencionais denunciados en Galicia (dende roubos e furtos a delitos relacionados co tráfico de drogas) contrasta co crecemento dos discursos que advirten do contrario, de rúas máis inseguras. Cidades e vilas galegas xa viñan rexistrando, ademais, taxas de criminalidade por debaixo da media do Estado, onde a criminalidade convencional tamén diminúe.
O descenso no número de delitos convencionais denunciados en Galicia (dende roubos e furtos a delitos relacionados co tráfico de drogas) contrasta co crecemento dos discursos que advirten do contrario, de rúas máis inseguras
O descenso no número de delitos nos últimos tres anos coincide igualmente co aumento da chegada de inmigración procedente doutros países e da porcentaxe de poboación estranxeira en Galicia. E, en paralelo, dos discursos que buscan vencellar á nova poboación con orixe noutros países dunha suposta maior inseguridade. Como se adoita dicir (na xa manida frase feita) dato mata relato.
O incremento no número de ciberdelitos, especialmente das estafas informáticas, amosa así mesmo que a criminalidade non descende, senón que cambia de escenarios e métodos. Pero sobre todo revela que os perigos están cada vez menos nas rúas polas que camiñamos e nas que vivimos e cada vez máis nos nosos ordenadores e teléfonos móbiles, potencial porta de entrada a intentos de estafa.
O pasado ano diminuíron os roubos con forza en domicilios e locais (-9,9%), os roubos con violencia e intimidación (-5,5%), os furtos (-8,2%) e as substraccións de vehículos (-9,7%)
Os datos de 2025 debullados por tipo de delito corroboran esta análise e ademais manteñen tendencias semellantes ás de anos anteriores. Durante o pasado ano aumentou en Galicia a cibercriminalidade (+9,3%), especialmente as estafas informáticas (+10%). E, en cambio, descendeu a criminalidade convencional (-2%). Dentro desta, diminuíron os roubos con forza en domicilios e locais (-9,9%), os roubos con violencia e intimidación (-5,5%), os furtos (-8,2%) e as substraccións de vehículos (-9,7%).
Dentro da criminalidade convencional, os únicos delitos que aumentan son os delitos de lesións (+14,4%), ademais dos delitos contra a liberdade sexual (+5,7%), aínda que diminúen de forma importante as agresións sexuais con penetración (-8,9%). Aumentan tamén os intentos de homicidio e asasinato (de 45 a 65), pero descenden os homicidios e asasinatos finalmente consumados (de 18 a 10).
Dentro da criminalidade convencional, os únicos delitos que aumentan son os delitos de lesións (+14,4%), ademais dos delitos contra a liberdade sexual (+5,7%), aínda que diminúen de forma importante as agresións sexuais con penetración (-8,9%)
Xa no ano 2024 rexistrárase unha importante diminución dos roubos e furtos en Galicia (ao redor dun 5% menos), das agresións sexuais con penetración (-10,5%) e do roubo de vehículos (-7%) e, pola contra, un aumento dos delitos de lesións (+7,2%).
No conxunto do Estado os datos e tendencias son semellantes: no ano 2025 descendeu a criminalidade convencional (-0,2%), especialmente os roubos con forza en domicilios e locais (-9,5%) e os furtos (-2,3%) e aumentou a cibercriminalidade (+5,3%). Incrmenentouse, ao igual que en Galicia, o número de delitos de lesións (+7,2%).
A criminalidade convencional descende especialmente en Vigo (-9%), Pontevedra (-8%), Lugo (-7%) e A Coruña (-6%). Faino tamén en menor medida en Santiago (-1%) e aumenta lixeiramente en Ferrol (+0,4%). A única cidade cun incremento significativo é Ourense (+4,4%)
E que pasa nas cidades galegas? Mantéñense tamén nelas estas mesmas tendencias. O Ministerio do Interior ofrece información sobre os delitos denunciados en todas as localidades de máis de 20.000 habitantes. Entre as sete cidades galegas, a criminalidade convencional descende en cinco delas, especialmente en Vigo (-9%), Pontevedra (-8%), Lugo (-7%) e A Coruña (-6%). Faino tamén en menor medida en Santiago (-1%) e aumenta lixeiramente en Ferrol (+0,4%). A única cidade cun incremento significativo é Ourense (+4,4%).
A cidade das Burgas viviu o pasado ano momentos de tensión en relación á inseguridade nos barrio da Ponte e do Vinteún e á creación de patrullas cidadás para combatela. En Ourense durante o ano 2025 aumentaron especialmente os furtos (+5,4%) e os roubos de vehículos (de 13 a 17), pero descenderon os roubos con forza en domicilios e locais e os delitos relacionados co tráfico de drogas.
Nas cidades repítese o patrón de aumento das estafas informáticas e, en xeral, un descenso da maior parte dos delitos convencionais. Porén, as cifras varían moito dunha urbe a outra e dun ano a outro
No resto de cidades repítese o patrón de aumento das estafas informáticas e, en xeral, un descenso da maior parte dos delitos convencionais. Porén, as cifras varían moito dunha urbe a outra e dun ano a outro. Así, mentres na cidade da Coruña chama a atención a escalada no número de agresións sexuais con penetración (de 9 a 24 nun ano), o mesmo que en Lugo (de 1 a 4), no resto das cidades estas descenden, mesmo de forma importante, como en Vigo (de 47 a 23) ou Santiago (de 10 a 5).
O mesmo pasa cos roubos con forza e intimidación, con fortes aumentos en Santiago ou Lugo, e descensos igualmente importantes na Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense ou Ferrol. Ou cos roubos en domicilios e locais, que soben moito en Ferrol e descendeu de maneira significativa no resto.