As 'patrullas veciñais' e a inseguridade na Ponte e no Vinteún elevan a tensión en Ourense

Imaxe aérea do barrio da Ponte, en Ourense © Concello de Ourense

Dende hai tempo a veciñanza dos barrios ourensáns da Ponte e O Vinteún, en Ourense, veñen denunciando un incremento da inseguridade nas súas rúas, ligada ao consumo e o tráfico de drogas

Dende hai tempo a veciñanza dos barrios ourensáns da Ponte e O Vinteún, en Ourense, veñen denunciando un incremento da inseguridade nas súas rúas, ligada ao consumo e o tráfico de drogas. O problema traduciuse nun aumento de robos e furtos, entre outros incidentes, mentres as entidades veciñais reclamaban maior presenza policial e medidas contra o narcotráfico. 

Nos últimos días puxéronse en marcha patrullas veciñais, formadas inicialmente por veciños e veciñas que durante varias noites saíron para vixilar as rúas, co obxectivo de evitar a comisión de roubos. Tamén se crearon grupos de whatsapp que moi rapidamente acadaron unha gran participación e foron elevando o seu ton, con todo tipo de mensaxes, dende as que alertaban da situación de inseguridade dos barrios ata as que, directamente, facían chamamentos a "queimar yonkis" ou a perseguir e "matar" inmigrantes.

Integrante do Frente Obrero coloca un cartel relativo ás 'patrullas veciñais' © Frente Obrero

Nos últimos días puxéronse en marcha patrullas veciñais e creáronse grupos de whatsapp que sufriron a infiltracións de persoas de ideoloxía ultradereitista e de partidos como Frente Obrero 

En paralelo, este martes o partido Frente Obrero, de ideoloxía nacionalista española, pendurou unha faixa na Ponte do Milenio cos lemas "no a la inseguridad” e “defendamos Ourense" no que foi o inicio dun incremento da actividade deste grupo nos barrios da Ponte e O Vinteún, con participación en asembleas veciñais, colocación de carteis e un gran número de mensaxes en redes sociais.

O martes representantes de sete asociacións veciñais dos barrios da Ponte, O Vinteún e O Pino mantiveron unha xuntanza co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, nun encontro no que participaron varios mandos policiais. As entidades veciñais denciaron a crecente inseguridade que sofren os seus barrios e reclamaron máis medidas de control da delincuencia. 

Representantes de sete asociacións veciñais dos barrios da Ponte, O Vinteún e O Pino mantiveron unha xuntanza co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que se comprometeu  a facer da seguridade nestas zonas unha "prioridade absoluta"

Santos destacou que a situación en absoluto está "descontrolada" e que Ourense continúa a ser unha das cidades máis seguras do Estado, pero comprometeuse a facer da seguridade nestas zonas unha "prioridade absoluta". Eladio Santos tamén reclamou a intervención doutras administración no reforzo dos servizos sociais nestes barrios.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno desaconsellou á veciñanza destas zonas a organización de patrullas veciñais, que poden levar a enfrentamentos e violencia. Tamén alertou sobre a infiltracións, ben nas patrullas, ben nos grupos de mensaxería instantánea, de elementos que só buscar publicidade ou introducir bulos sobre a situación. Tamén o sindicato SUP da Policía Nacional instou á veciñanza a non "adoptar medidas ou accións que suplanten as funcións que xuridicamente le corresponden ás forzas de seguridade e que puidesen poñer en risco a súa propia integridade física e/ou xurídica"

Estación de tren de Ourense, no barrio da Ponte, nunha imaxe de arquivo © Turgalicia

Ao día seguinte da reunión a Policía Nacional levou a cabo unha operación contra o tráfico de drogas na cidade, centrado no barrio de Covandonga

Ao día seguinte da reunión a Policía Nacional levou a cabo unha operación contra o tráfico de drogas na cidade, centrado no barrio de Covandonga. Alí, un cento de axentes realizaron unha decena de rexistros en domicilio, practicaron quince detencións e incautáronse de máis de catro quilos de heroína e cocaína. 

Na política local, PSdeG, BNG e Podemos, pronunciáronse en contra da creación destas patrullas veciñais e fixeron fincapé na necesidade de reforzar as políticas sociais e a atención ás persoas sen fogar e drogodependentes. 

PSdeG, BNG e Podemos, pronunciáronse en contra da creación destas patrullas veciñais e fixeron fincapé na necesidade de reforzar as políticas sociais e a atención ás persoas sen fogar e drogodependentes

Polo PSdeG, Natalia González reclamou do Goberno municipal "unha estratexia" para tratar "a situación de senfogarismo na cidade", ademais de programas e servizos municiais de prevención de adiccións. Polo BNG o seu voceiro, Luís Seara, chamou ás distintas administracións a "dar resposta" ás "peticións de solucións que reclama a veciñanza" e rexeitou por completo a actividade das patrullas veciñais. 

Finalmente, Podemos Ourense presentou dous escritos, un ante a Fiscalía e outro ante o Concello de Ourense, para denunciar a difusión de vídeos e fotos de persoas sen fogar a través dos grupos de whatsapp creados nos últimos días, criticando "a actuación de patrullas veciñais non autorizadas que están a contribuír a un clima de odio e sinalamento social". 

"Entendemos o malestar dunha parte da veciñanza ante a deixadez institucional, pero a violencia e a criminalización da pobreza non son o camiño. Estamos coas veciñas e veciños, e reclamamos respostas reais por parte das administracións", sinala a formación a través do seu voceiro Francisco Diéguez.

Os datos de criminalidade que trimestralmente publica o Ministerio do Interior revelan un certo aumento do número de delitos na cidade de Ourense, pero en todo caso a estatística amosa oscilacións anuais, á alza ou á baixa, e determinados delitos nos que a tendencia é a contraria. Así, nos últimos anos si se detecta unha suba do número de roubos con forza en domicilios e establecementos e das agresións sexuais con penetración. En cambio, os furtos e as substraccións de vehículos amosan unha tendencia á baixa. O que si aumenta, por riba de calquera outra categoría, é o número de ciberdelitos.

Os datos máis recentes, correspondentes ao primeiro trimestre deste ano 2025, amosan en cambio un aumento dos furtos, dos roubos de coches e dos roubos con violencia e intimidación, fronte a un descenso dos delitos relacionados co tráfico de drogas ou dos roubos en domicilios. En todo caso, trátase de datos moi parciais, que haberá que comprobar como evolucionan ao longo de todo o ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.