Oportunismo fascista na cidade de Ourense: cando ser mala xente se vende barato

Cartel dunha das 'patrullas vecinais' creadas en Ourense © Frente Obrero

A nova estación intermodal conta cun elemento de contraste que non queda moi alá nas fotos dos turistas. Ao carón das entradas dos edificios para acceder ao bus ou ao tren, quedou o túnel que conecta co barrio do Vinteún, coñecido por algúns como “túnel dos ionkis”

Finais de maio - principios de xuño do ano 2025. Ourense, cidade habitada por un número aproximado de 104.800 persoas, no interior do recuncho noroeste da Península Ibérica, nas fronteiras do Estado Español e moi preto da “raia” interior con Portugal, en Galicia. Dende hai séculos, Ourense actúa como punto de conexión do noroeste español co resto da Península, tanto a nivel de movemento de mercadorías como de persoas. Esta posición estratéxica viuse reforzada durante as últimas décadas, entre outros factores, polo desenvolvemento da rede ferroviaria e outras infraestruturas de transporte, acompañado dun crecemento acelerado do turismo de masas.

As que si vivimos e nos criamos en Ourense, sabemos que fai non moito aquí a estación de autobuses estaba no barrio do Pino. A súa demolición completouse a principios do ano 2021, cun custo aproximado de medio millón de euros e actualmente o solar está adxudicado á construción dunha residencia de maiores impulsada pola Fundación Amancio Ortega. Agora, a estación de buses está pegada á estación de tren, na Ponte, e chámase “estación intermodal”. A remodelación foi adxudicada á UTE formada por Copasa, Constructora San José e Synox Rail. Máis incómodo para o tráfico de vehículos particulares pero máis cómodo, supoño, para as persoas usuarias do transporte público, traballadoras ou estudantes, que durante todo o ano deben dirixirse a recunchos da costa atlántica ou do interior galego mediante autocares, dada a ausencia dunha vía ferroviaria que interconecte o noso territorio. Máis cómodo tamén para os centos de milleiros de turistas que fan escala na nosa cidade e que fican a visitar os seus arredores, cuxa cifra non deixa de bater récords ano tras ano, converténdose nun dos principais motores económicos da zona.

Durante os últimos anos, moitos residentes e visitantes comentan un certo aumento de persoas sen fogar e persoas con problemas de consumo en moitas zonas da cidade, especialmente do lado do río no que se sitúa a estación

Pero a nova estación intermodal conta cun elemento de contraste que non queda moi alá nas fotos dos turistas. Ao carón das entradas dos edificios para acceder ao bus ou ao tren, quedou o túnel que conecta co barrio do Vinteún, coñecido por algúns como “túnel dos ionkis”, onde adoitan pernoctar persoas sen fogar e en situación de rúa, algunhas delas con graves problemas de saúde mental asociados ao consumo e a outras experiencias persoais. É frecuente que persoas drogodependentes fagan parada no túnel da estación, xa que entra dentro do camiño aos principais puntos de venta de droga, onde todo o mundo sabe que se comercia en cantidades considerables que son distribuídas a diferentes zonas da cidade ou movidas directamente por menudeo. O estigma sobre Covadonga, o barrio con menor renda da cidade, forma parte da cultura popular ourensana a pesar de non ser o único, nin posiblemente o máis importante, punto de venta da provincia.

Durante os últimos anos, moitos residentes e visitantes comentan un certo aumento de persoas sen fogar e persoas con problemas de consumo en moitas zonas da cidade, especialmente do lado do río no que se sitúa a estación. Os datos reais e as causas, deberían determinarse cos instrumentos axeitados, mais parece que o enfado das veciñas e veciños ante altercados nos que se ven involucradas persoas que se atopan nesta situación, foi a salsa perfecta para aqueles e aquelas que, ante problemas comúns, a única solución que nos ofrecen é culpar sempre a quen está peor ca nós. E así, mentres miramos para abaixo, non miramos para arriba.

O enfado das veciñas e veciños ante altercados nos que se ven involucradas persoas que se atopan nesta situación, foi a salsa perfecta para aqueles e aquelas que, ante problemas comúns, a única solución que nos ofrecen é culpar sempre a quen está peor ca nós. E así, mentres miramos para abaixo, non miramos para arriba

Na última semana, veñen proliferando contas de redes sociais onde se difunden vídeos de persoas sen o seu consentimento, ás veces protagonizando unha actitude agresiva descontextualizada e outras moitas simplemente durmindo no chan ou ocupando o espazo público. As imaxes intercálanse con mensaxes anónimas de denuncias ou avisos sobre a localización de determinados individuos, pero se entre todas as publicacións hai unha mensaxe común, é que non queren “ese tipo de xente” nas rúas dos seus barrios, e que é preciso delatalos, sinalalos e intimidalos para garantir a volta dunha suposta seguridade perdida.

Poderíamos falar sobre que significa iso de “seguridade”, se ten máis que ver con poder pagar un aluguer ou con non ter un “ionqui” durmindo no teu portal cando saes a traballar, pero o certo é que ninguén debería saír ou volver á súa casa con medo a que o violenten polo camiño, e quenes denunciamos as violencias machistas que sufrimos a cotián as mulleres, sabémolo ben. Cal é a solución entón? Unha lei máis dura? Máis vixilancia policial nos barrios? “Patrullas ciudadanas” que “limpen” os barrios de toda esa xente indesexable? E entón, quen decide quen e como é esa xente que non queremos ver diante? Quen decide os límites sobre como deben ser tratados?

 Cal é a solución entón? Unha lei máis dura? Máis vixilancia policial nos barrios? “Patrullas ciudadanas” que “limpen” os barrios de toda esa xente indesexable? E entón, quen decide quen e como é esa xente que non queremos ver diante? Quen decide os límites sobre como deben ser tratados?

O diario local La Región, dá conta dunha “situación insostible para ás veciñas” e aumenta a actividade deste tipo de perfís en redes e a súa relación coa prensa. Na mañá do mércores 5 de xuño, despregábase un operativo policial casi teatral ata Covadonga, con máis viralidade en medios e redes, que solucións de tranquilidade específicas para as veciñas e veciños. O “influencer” Roberto Vaquero e a súa organización satélite, Frente Obrero, comezan a difundir publicamente nas súas contas contidos que animan a afondar nesta mensaxe de repulsión e caricaturización, e convócase unha reunión aberta ese mesmo mércores pola tarde nun dos barrios afectados, nun cartel cunha estética moi similar á deste grupúsculo abertamente racista e antifeminista.

Algunhas coñecidas, acudimos preocupadas a esta convocatoria e tratamos de expoñer, dende o máximo respecto e a calma, que cremos que o foco de exposición e humillación non debe poñerse sobre as persoas dependentes ou en situación de rúa, xa que a violencia xera maiores dinámicas de violencia e nin sequera é unha solución efectiva nin a curto nin a medio- longo prazo para un problema de saúde pública que é real. As causas quizais deberíamos buscalas na ausencia de políticas públicas e proxectos comunitarios enfocados a xestionar este conflito social dende o respecto á dignidade de todas as persoas e aos dereitos humanos, por exemplo. Ou incluso nun aumento dos índices de pobreza, a desigualdade ou a taxa de desafiuzamentos.

O rapaz de Madrid colleu o altofalante e reivindicou orgulloso facerse 500km para dicirlle a unhas señoras do Vinteún, cidade de Ourense, recuncho noroeste da Península Ibérica, Galicia, como se teñen que organizar para non ver máis persoas drogodependentes nas rúas do seu barrios

Ao expor estes argumentos, aínda que algunhas persoas amosaban o seu acordo, as interrupcións por parte dun pequeno grupo de mozos e señoras de mediana idade foron constantes. Pedíannos que marchásemos do espazo, negábannos a palabra e berránbannos cousas como “si tan buena eres con los yonkis mételos en tu casa” ou “a ver si vas a ser tú uno de ellos”. Nun momento, un compañeiro interviu para poñer en coñecemento da xente que aínda quedaba presente, que estaba ao lado dun coñecido militante do Frente Obrero de Alcorcón e que escoitaba como lle estaba a indicar a un dos rapaces que dinamizaba a asamblea o que debía dicir. Xerouse un barullo de acusacións cruzadas e o rapaz de Madrid colleu o altofalante e reivindicou orgulloso facerse 500km para dicirlle a unhas señoras do Vinteún, cidade de Ourense, recuncho noroeste da Península Ibérica, Galicia, como se teñen que organizar para non ver máis persoas drogodependentes nas rúas do seu barrios.

Aqueles vidos doutra cidade, en ningún momento trataron de poñer o foco sobre o narcotráfico, sobre a precariedade das condicións de vida das veciñas e veciños, sobre os recortes en recursos socio-sanitarios ou sobre a corrupción e inoperancia de xuíces e policías que finxen ignorar a situación. O seu único obxectivo era fortalecer “patrullas ciudadanas” como as xurdidas durante os días anteriores

Evidentemente, aqueles vidos doutra cidade, en ningún momento trataron de poñer o foco sobre o narcotráfico, sobre a precariedade das condicións de vida das veciñas e veciños, sobre os recortes en recursos socio-sanitarios ou sobre a corrupción e inoperancia de xuíces e policías que finxen ignorar a situación. O seu único obxectivo era fortalecer “patrullas ciudadanas” como as xurdidas durante os días anteriores, co fin de intimidar ás persoas problemáticas e axudar á xente a “chegar segura á casa”. O seu tono era de absoluta deshumanización cara quen colocaban como inimigos, as persoas drogodependentes sen fogar, e só o moderaban cando se lles reclamaba un mínimo de empatía cara estas situacións. “Nadie te pone una pistola en la cabeza para drogarte”, “son yonquis porque quieren” ou “si me lo encuentro lo dejo ciego”, son algúns dos berros que se escoitaban por parte deste núcleo de persoas. Envalentonados con quen durme a mona no chan dun portal, pero incómodos para sinalar a quen se enche os bolsillos a costa desa situación.

Non foi posible recuperar a palabra entre os berros e persoalmente abandonei o grupo despois de que un dos rapaces me interrumpise dicindo: “esto es una asamblea, no un debate”. Marchei pensando especialmente nunha das cousas que dixo un daqueles rapaces de Madrid, que nos acusou de ser “buenistas”. Coñezo o significado e o uso do termo, pero resístome a pensar que vivo nunha realidade na que está tan premiado ser agresivo cos demais, que intentar ser boa xente sexa algo do que teñamos que avergoñarnos ou asociar a unha análise inxenua da situación.

As ciencias sociais amosan que unha maior inversión en políticas públicas, un tecido comunitario forte e un decrecemento da desigualdade, teñen relación directa cun menor número de delitos e incluso de consumos porblemáticos a medio e longo prazo. Un maior nivel de vixilancia e represión, só constitúe un parche a moi curto prazo que pode acabar supoñendo un estigma e un clima de hipervixilancia e tensión constante en determinados territorios. Calquera que teña un mínimo interese no tema pode intentar comprobalo consultando recoñecidos estudos a un puñado de clics ou achegándose ás entidades sociais que traballan sobre o terreo. Pero sempre haberá canallas e persoas tristes dispostas a empregar o medo para xerar odio contra quen non ten capacidade de defenderse ao mesmo nivel. Non hai que ser moi machos nin montar grandes patrullas para enfrontarse a unha persoa enferma ou a unha persoa sen papeis que migra soa, pero para sinalar ao verdadeiros responsables e que todas e todos poidamos vivir en paz e co xusto, si fai falla moita valentía colectiva organizada.

Sei que no barrio do Vinteún hai moitas señoras intelixentes e capaces, que non precisan que ningún miñaxoia de Madrid veña explicarlles como organizarse para mellorar o seu barrio. Sei que vivo rodeada de xente boa, solidaria con quen se atopa nunha peor situación e orgullosa delo, porque ten a humildade suficiente para recoñecer que poderíamos ser nós ou os nosos

Sei que no barrio do Vinteún hai moitas señoras intelixentes e capaces, que non precisan que ningún miñaxoia de Madrid veña explicarlles como organizarse para mellorar o seu barrio. Sei que vivo rodeada de xente boa, solidaria con quen se atopa nunha peor situación e orgullosa delo, porque ten a humildade suficiente para recoñecer que poderíamos ser nós ou os nosos. Decidida a buscar solucións aos problemas sen perder nunca a humanidade, porque quizais todas as pasións tristes que as persoas levamos dentro, son hoxe moito máis fáciles de mobilizar que os afectos que nos levan a ser compasivas e coidar as nosas comunidades, pero o odio destrúe e por iso ten curto percorrido. O amor constrúe, e cada vez que actúa faise máis forte.

Fronte ao odio dos machos do Frente Obrero; organicemos a dignidade, a valentía e a tenrura das nais contra a droga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.