Unha das entidades que de forma máis crítica se ten posicionado en contra da solución seleccionada para a construción da Estación Intermodal de Ourense é o Colexio de Arquitectos. Dende hai tres anos o COAG vén alertando de que o proxecto non só non contribúe a mellorar o actual problema de conexión entre os barrios da Ponte e O Vinteún, mantendo separados estes dous espazos da cidade, senón que pode empeorar o estado da mobilidade na zona, saturando de tráfico a rúa Eulogio Gómez Franqueira e a contorna do Centro de Saúde da Ponte. Así o destacaba nesta entrevista o daquela presidente do COAG en Ourense.
"Unir dous barrios a través dunha pasarela que cando chega ao final tes que baixar ou subir trinta e tantas escaleiras ou usar un ascensor non parece unha solución"
O COAG vén reclamándolles ás administracións que escoiten aos moitos técnicos e expertos que dende distintos ámbitos veñen apostando por outras solucións para a situación da Intermodal, en liña coas reivindicacións da plataforma veciñal Tren Digno Ourense, á que apoian decididamente. Falamos con Rafael Castro, presidente da delegación ourensá do Colexio de Arquitectos de Galicia.
Unha das críticas que máis se lle fai ao proxecto é que non contribúe á conexión entre os barrios da Ponte e O Vinteún. Por que a solución escollida é tan negativa?
O problema de desconexión xa existe na actualidade. O problema é que eses dous barrios están separados por unha fenda provocada pola construción alí da estación de tren e este proxecto non dá solución a ese problema de permeabilidade entre os barrios, non o aborda en absoluto. O único que se fai é un vial que ademais non está ben planificado e presenta unhas pendentes do 12%, e polo tanto non é axeitado para o tráfico peonil nin respecta a lei de accesibilidade.
Unir dous barrios a través dunha pasarela que cando chega ao final tes que baixar ou subir trinta e tantas escaleiras ou usar un ascensor non parece unha solución para resolver unha permeabilidade entre barrios. Créase, así mesmo, un muro, un paredón que crea unha fronteira maior. O que hai que facer son espazos de transición que faciliten o desprazamento e os fluxos entre os dous barrios. Porque a solución proposta non anima á xente da Ponte a ir ao barrio do Vinteún e viceversa.
"No proxecto non se trata unha mellora da xestión do tráfico nesta vía nin ten en conta que o tráfico vai aumentar exponencialmente"
O outro gran motivo de crítica é a saturación de tráfico que se pode crear en Eulogio Gómez Franqueira e, nomeadamente, na contorna do centro de saúde do barrio da Ponte. Como afectaría se finalmente se leva a cabo a solución inicialmente escollida?
Con este tema pasa o mesmo. En realidade, o proxecto proposto non achega solucións para unir o barrios nin para xestionar o tráfico. Eulogio Gómez Franqueira é unha rúa que xa ten cuberta a súa capacidade de tráfico e no proxecto non se trata unha mellora da xestión do tráfico nesta vía nin ten en conta que o tráfico vai aumentar exponencialmente. Primeiro porque o tren vai incrementar notablemente os seus usuarios no futuro, xa o está a facer e aínda vai medrar moito máis, porque é un medio de transporte rápido, barato, sustentable, eficaz e que aforra os tempos de espera que si hai nos aeroportos. Vai aumentar tamén porque estamos incorporando unha nova estrutura de transporte, como é a estación de autobuses. Tamén se vai incrementar o tráfico co bus urbano e tamén vai aumentar o 'tráfico brando': a xente que vai a pé, en bicicleta, en patinete...
"Se trasladas as vías cara á rúa Río Arnoia, que é unha zona máis elevada, podes facer unha transición máis natural entre un e outro barrio"
O principal problema sería o continuo paso de autobuses?
O tráfico dos autobuses, uns 260 ao día, vai entrar pegado ao Centro de Saúde, co problema engadido de que xera inseguridade para os peóns. Acaba de presentarse o plan de mobilidade PNUS para Ourense, que é unha aposta destacada do Concello e que é moi importante, pero nel non se contempla en absoluto este asunto, a pesar de que o primeiro obxectivo do PMUS é acadar os 'falecidos cero' en atropelos.
En realidade, na actualidade a Estación de Autobuses está infinitamente mellor comunicada que como se pretende deixar agora, porque tiña un acceso directo á N-120 e á autoestrada. O que se fai agora é meter no tráfico urbano uns autobuses que circulaban unicamente polo extrarradio, e non se dá ningunha solución a este novo tráfico.
"Falamos dunha obra que debería funcionar como unha verdadeira porta de chegada, a que Ourense necesita e os ourensáns merecemos"
Dende o Colexio de Arquitectos vén apostándose por outras solucións, como achegar as vías e a estación o máis posible á rúa Río Arnoia, separándoa así do Centro de Saúde. Que beneficios achega esta solución?
A cuestión principal é a diferenza de cota entre os dous barrios, pois O Vinteún está nunha cota superior. Se trasladas as vías cara á rúa Río Arnoia, que é unha zona máis elevada, como así o facían todos os estudos que houbo ata o ano 2015, podes facer unha transición máis natural entre un e outro barrio, cunha pendente máis tendida. Ademais, trasladar as vías cara a este lado permitiría liberar unha gran superficie na zona que actualmente ocupan as vías, de xeito que a contorna do Centro de Saúde pode gañar en calidade ambiental e calidade de accesibilidade. Permitiríanos ademais xerar novo viario que facilite a entrada e saída dos autobuses, sen saturar Eulogio Gómez Franqueira. Igualmente, podes facer rúas que conecten os dous barrios de xeito máis suave.
"Os partidos deben pensar non no que vai acontecer nas eleccións de dentro dun ano ou dentro de catro, senón en que van deixar unha obra para os nosos fillos"
A Intermodal é unha obra para moitas décadas, unha oportunidade para solucionar (ou non) problemas de conexión entre barrios e de mobilidade que a cidade ten na actualidade e que vai ter no futuro. Que se xoga Ourense neste momento?
É a intervención urbanística máis importante da cidade de Ourense das últimas décadas e pasará tamén moitísimo tempo ata que teñamos unha intervención urbanística da mesma importancia. Falamos dunha obra que debería axudar a coser esta trama viaria, incorporar novas solucións e funcionar como unha verdadeira porta de chegada, a que Ourense necesita e os ourensáns merecemos. No urbanismo de hoxe este tipo de transformacións son pouco frecuentes, pero aquí temos unha grande oportunidade para transformar de forma moi importante esta parte da cidade, achegando solucións que se adapten ás necesidades que temos agora e que imos ter nos vindeiros 50 ou 60 anos. Non podemos deixar pasar esta oportunidade de ningunha maneira.
"Se o tren puidese vir polo aire, estou seguro de que non pasaría por Ourense, porque o que lles interesa aos de Madrid é chegar a Vigo e A Coruña
O consenso (entre partidos, entre administracións...) e o respecto aos criterios técnicos son a clave para dar cunha solución satisfactoria?
Os criterios técnicos están claros, dende os arquitectos aos enxeñeiros ferroviarios, parece que estamos de acordo nas solucións. É unha cuestión de vontade política, polo tanto, e de que as distintas administracións e partidos se poñan de acordo. Neste momento na Xunta goberna un partido, no Goberno central outro e no Concello outro, pero houbo momentos en que as tres administracións estaban dirixidas polo PP e tampouco daquela se tratou de consensuar unha solución. É fundamental que os partidos se poñan ao tema e pensen non no que vai acontecer nas eleccións de dentro dun ano ou dentro de catro, senón que deben pensar que van deixar unha obra para os nosos fillos. E merecemos que esa obra sexa a máis axeitada e que sexa duradeira.
Está suficientemente informada e mobilizada a cidadanía de Ourense?
Estamos nun momento moi importante para que a xente tome conciencia do problema que se nos vén enriba e para que saia á rúa e proteste polo que esta cidade merece. Estamos totalmente esquecidos. Eu sempre digo que se o tren puidese vir polo aire, estou seguro de que non pasaría por Ourense, porque o que lles interesa aos de Madrid é chegar a Vigo e A Coruña.