"A nosa mobilización busca a Intermodal digna que Ourense merece. A solución escollida é un desastre"

Os dous principais itinerarios propostos para a entrada de AVE en Ourense © Tran Digno Ourense

"Se resolvemos mal a intermodal, Ourense sufrirá as consecuencias durante cen anos". Así falaba no verán de 2017 Alberto de Paula, daquela presidente da delegación ourensá do Colexio de Arquitectos. A nova e custosa infraestrutura non só é fundamental para a conexión da cidade co resto de Galicia e coa Meseta, senón que a súa localización e as solucións escollidas serán fundamentais para modelar o urbanismo de varios barrios (nomeadamente A Ponte e o Vinteún) e a mobilidade en boa parte da urbe.

A solución escollida é fundamental para modelar o urbanismo de varios barrios (nomeadamente A Ponte e o Vinteún) e a mobilidade en boa parte da urbe

Cualificada como "a grande obra do século XXI" na cidade, o proxecto depende do acordo entre tres administracións: Concello de Ourense, Xunta de Galicia (sobre todo no referido á estación de autobuses) e Goberno central (no que atinxe á propia entrada das vías ferroviarias e á construción da estación do tren). 

Unha das principais cuestións que o proxecto debe atender é a súa localización definitiva e a maneira en que una ou separe os barrios da Ponte e o Vinteún, na actualidade escindidos por unha gran barreira física. Tamén a xestión do crecente tráfico rodado que soportará esta zona, tanto cos usuarios das estacións de tren e bus como coas propias entradas e saídas de autocares (prevese un movemento de 261 ao día, tres por minuto).

Vías na estación ferroviaria de Ourense en decembro de 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Colexio de Arquitectos defende dende hai dous anos unha solución distinta ao proxecto escollido

Dende a plataforma Tren Digno Ourense reclámase unha infraestrutura "digna" e que non supoña un maior illamento dos barrios nin incremente o actual tráfico, ruídos, contaminación e molestias na zona, na que se sitúa o Centro de Saúde da Ponte. A plataforma leva máis de dous anos mobilizándose e conta co apoio de numerosos colectivos veciñais, entidades sociais e tamén partidos políticos, ademais de persoas a título individual. 

Tamén do Colexio de Arquitectos, que hai tempo que se posicionou a prol dunha solución distinta ao proxecto escollido, ao que presentaron un gran número de alegacións. Xa en xuño do ano 2017, o COAG pediu "a revisión total da proposta, que en absoluto acadaba os obxectivos de permeabilidade e mobilidade necesarios". “Sobrados exemplos temos na historia da nosa cidade de obras e infraestruturas mal planificadas ou mal executadas que o paso do tempo deixou obsoletas”, dicía nese momento Alberto de Paula en conversa con Praza.gal. Porén, as alegacións do COAG non foron tidas en conta.

"O proxecto inicial ubicaba as vías ao norte da actual estación, liberando espazo para a cidade e favorecendo a mobilidade e conexión entre os barrios"

A plataforma Tren Digno Ourense (que está a recoller sinaturas en change.org) explica que "a actual mestura de tres proxectos distintos presentado por ADIF e a Xunta, condena ao barrio a permanecer dividido, e vai provocar un caos circulatorio na contorna da estación". "Está actuación propón grandes muros, escaleiras e circulación de autobuses ao redor dun centro de saúde", critica e reclama que se volva ao proxecto inicialmente previsto: "O proxecto inicial ubicaba as vías ao norte da actual estación, liberando espazo para a cidade e favorecendo a mobilidade e conexión entre os barrios".

"Non favorece a mobilidade e lonxe de reverter os problemas de conexión que xa había entre A Ponte e o Vinteún, os consolida"

A plataforma levou a cabo unha concentración no barrio da Ponte o pasado 7 de xaneiro. Na protesta reclamouse que "os ourensáns se poñan en pé por riba de ideoloxías e de cores políticas" en defensa dunha solución "digna" e beneficiosa para os barrios afectados e para toda a cidade. Con todo, as maiores críticas refírense aos prexuízos que sufrirían rúas como Eulogio Gómez Franqueira, que vería moi incrementada a súa saturación de tráfico, ou a Avenida de Marín, que ficaría separada por un muro de oito metros, que se pretende salvar con elevadores e con ramplas cunha pendente moi elevada.

"O obxectivo da nosa mobilización é a intermodal digna que Ourense merece e non esa monstruosidade que queren facer, unha monstruosidade carísima, por certo. A solución que escolleron non supón aforro de cartos ningún, é un desastre e un ridículo. Non favorece a mobilidade e lonxe de reverter os problemas de conexión que xa había entre A Ponte e o Vinteún, os consolida", explica Celia Pereira, unha das voceiras da plataforma.

Manifestación "por unha intermodal digna", o pasado 7 de xaneiro © Tren Digno Ourense

"Non é unha cuestión partidista, é unha cuestión de cidade. A plataforma non vai contra ninguén; se alguén se sente atacado, ese é o seu problema"

Celia Pereira aclara: "Non é unha cuestión partidista, é unha cuestión de cidade. Nós queremos que a cidade teña futuro. A plataforma leva dous anos constituída, formada por colectivos veciñais, sociais e persoas a título individual". "A plataforma non vai contra ninguén; se alguén se sente atacado, ese é o seu problema e terá que enfrontar cada un a responsabilidade que ten", engade.

Neste senso, lembra que a solución depende da acción conxunta de todas as partes: "O PP goberna na Xunta e polo tanto é responsable da estación de autobuses. PSOE e Podemos gobernan en Madrid e son responsables de Fomento e de ADIF. O BNG, que facilitou a investidura, debería contarnos se a intermodal de Ourense forma parte da axenda galega. E o Concello de Ourense de Jácome é responsable do Urbanismo".

En relación ao avance das obras de construción da nova terminal de autobuses ao redor do Centro de Saúde da Ponte, chaman á "cordura" da Xunta de Galicia para "replantexar" o proxecto: “Está fóra de toda lóxica ubicar unha dársena de autobuses ao redor dun Centro de Saúde”.

Tren Digno convocou unha nova concentración o vindeiro 28 de xaneiro ás 20 horas fronte á estación do ferrocarril

Tren Digno, que celebrou unha asemblea hai uns días, prepara novas mobilizacións. Convocou unha nova concentración o vindeiro 28 de xaneiro ás 20 horas fronte á estación do ferrocarril. Dende a entidade búscase que estas accións sirvan para mobilizar á cidadanía e para que a poboación da cidade estea máis informada sobre o que se pretende facer coa Intermodal. "Hai moi pouca información. Na concentración do día 7 moita xente se achegou dicindo que non sabía nada do tema", sinalan, subliñando que "a información é o primeiro paso para a indignación e a mobilización, que é a clave para cambiar isto".

E conclúen: "fálase moito das potencialidades de Ourense, coma o termalismo. Isto é certo, pero necesitamos unhas infraestruturas axeitadas que potencien as riquezas e as fortalezas da cidade. É a hora de que Ourense 
se mobilice polos seus intereses”.

Recreación da futura intermodal de Ourense Dominio Público Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.