A manifestación lembrou que "ter un tren digno e unha estación digna" é "unha demanda histórica desta cidade"
Varios centos de persoas manifestáronse este martes en Ourense en defensa dunha "Intermodal digna" para a cidade e en contra do proxecto inicialmente escollido para a construción desta estación. A marcha, convocada pola plataforma Tren Digno Ourense, tivo lugar fronte á actual estación de tren e nela participaron tamén representantes de todos os grupos da oposición municipal, así como de colectivos sociais e sobre todo veciños e veciñas a título individual. A plataforma conta tamén co apoio de entidades como o Colexio de Arquitectos.
O manifesto lido ao remate da concentración esixiu a "rectificación" do proxecto escollido "por non acadar os obxectivos previstos no convenio asinado entre Ministerio de Fomento, Xunta, Concello e Adif", e por non ofrecer "unha solución responsable aos problemas de mobilidade, conexión entre barrios, intermodalidade e sustentabilidade económica e ambiental". E lembran que "ter un tren digno e unha estación digna" é "unha demanda histórica desta cidade".
O proxecto "pon en perigo ao Centro de Saúde da Ponte" e "xerará un caos total no tránsito rodado da zona", ademais de dificultar a conexión entre os barrios da Ponte e O Vinteún
"O proxecto, tal como se pretende executar pon en perigo ao Centro de Saúde da Ponte: a construción da estación de autobuses, xa comezada, ao seu arredor ameaza a saúde e tranquilidade de usuarios e profesionais", denuncia a plataforma, que explica que "o proxecto actual da Xunta condena o Centro a ser un espazo acurralado por fumes e ruídos coa entrada e saída de máis de 300 autobuses diarios". Ademais, alertan de que "xerará un caos total no tránsito rodado da zona, especialmente na rúa Eulogio Gómez Franqueira, xa moi castigada pola presenza excesiva de vehículos e sen capacidade de asumir todo o tráfico que se vai xerar".
Denuncian, igualmente, que a opción seleccionada terá como resultado "a construción dun muro que divida a cidade e condene á Avenida de Marín a vivir fronte a un paredón", un desnivel de nove metros de altura que dificultará a conexión entre os barrios da Ponte e O Vinteún.
A plataforma pídelles ás distintas administracións que "escoiten o criterio técnico, que escoiten o Colexio de Arquitectura e o de Aparelladores de Ourense". E defende que "a opción razoábel é retranquear as vías até a rúa Río Arnoia para poder conectar de verdade os barrios sen muros, sen pendentes, sen escaleiras. E que se busque outra situación á estación de autobuses".
"Xunta, ADIF e Concello teñen a obriga democrática de escoitar á cidadanía ourensá. Non fagan oídos xordos porque imos continuar até conseguir o que Ourense merece", di a plataforma
"Estamos a tempo de facer as cousas ben", di a plataforma. "Exercemos o noso deber cidadán de esixir que as cousas se fagan a favor da xente, pondo á xente no centro da solución", subliña o colectivo, que engade que "Isto non vai duns contra os outros, que non nos dividan". "É o momento de que as ourensás e ourensáns se poñan en pé. Por riba de ideoloxías, cores políticas e lugares de residencia porque, non nos enganemos, este non é só un problema do barrio da Ponte é unha demanda de toda a cidadanía", conclúen.
"Xunta, ADIF e Concello teñen a obriga democrática de escoitar á cidadanía ourensá. Non fagan oídos xordos porque imos continuar até conseguir o que Ourense merece", indícase no manifesto, que fixo un chamamento "á implicación de todas as asociacións, colectivos, organizacións e institucións da cidade e da provincia. A todas as persoas que levan Ourense na cabeza e no corazón". "Porque está en xogo o futuro de Ourense", remata.