Máis de 7.000 persoas estudan portugués en Galicia, a inmensa maioría rapazada que o fai a través da materia que se imparte en Secundaria en varios centros educativos galegos. Estes foron os datos que a principios de mes deu o secretario xeral da Lingua, Valentín García, no Parlamento no que deu conta da situación da aprendizaxe deste idioma e das accións desenvolvidas ao abeiro da Lei Paz Andrade.
A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (así se chama) foi aprobada por unanimidade no Parlamento en 2014. Máis dunha década despois, o alumnado medra pero segue moi lonxe do que, por exemplo, estuda portugués en Extremadura e tamén da ambición que supoñía o compartir espazo lusófono co país veciño, o obvio vínculo cultural e lingüístico e a mellor capacitación da cidadanía galega á hora de aprender o idioma.
Indo ao detalle, o ensino de portugués en ESO, Bacharelato e FP neste curso 2025-26 abrangue un total de 6.404 alumnos e alumnas e un cento de centros en toda Galicia. Son arredor de 1.200 máis que o curso anterior, cun incremento de máis do 23%. Supoñen 2.345 máis que hai tres cursos, no 2022-23, cando roldaban os 4.000, e o triplo dos que había, por exemplo, no 2017-18, cando o conxunto de estudantes de lingua portuguesa en todos estas etapas educativas apenas superaba os 2.000.
O ensino de portugués en ESO, Bacharelato e FP abrangue 6.404 persoas nun cento de centros, 1.200 máis que o curso anterior e o triplo que hai oito anos
A maioría do alumnado de portugués, preto de 5.000 persoas, cursan Secundaria, mentres que máis dun milleiro están matriculados no Bacharelato e outros 300 en Formación Profesional. E son, en total, 100 os centros que ofrecen esta materia, só dous máis que os que a ofrecían o curso pasado pero 28 máis se os comparamos con hai tres anos. A estas cifras, ademais, hai que engadirlle as algo máis de 1.000 persoas (1.068 en concreto) que cursan portugués nalgunha das escolas oficiais de idiomas de Galicia, o que eleva a unhas 7.500 as que aprenden o idioma nalgún centro oficial da Xunta.
Os datos, aínda que amosan unha evolución positiva, son tamén cativos se temos en conta as cifras globais do alumnado. Así, o ensino portugués abrangue menos do 5% do alumnado total de ESO e Bacharelato en Galicia e non chega nin ao 0,5% do de FP. En total, menos de dous de cada 100 alumnos ou alumnas do ensino público en Galicia (o 1,7%) estuda portugués nas aulas dos centros galegos, desde Infantil ao Bacharelato e pasando pola Formación Profesional.
Menos do 5% do alumnado de Secundaria estuda portugués, materia que abrangue menos de dous de cada cen estudantes
Se atendemos á distribución dos centros que imparten portugués, supoñen arredor do 10% dos públicos existentes en Galicia e a maioría (76) atópanse nas provincias da Coruña (36) e Pontevedra (41). Xa que logo, as aulas de lingua portuguesa chegan a só 61 concellos, un 20% do total de municipios galegos, quedando o 80% deles sen oferta para a aprendizaxe deste idioma no sistema público.
Ademais, un terzo dos centros que ofrecen lingua portuguesa concéntranse en seis das sete cidades, sendo Ferrol a única das urbes sen instituto ou escola de FP con esta oferta e Santiago de Compostela e Vigo, con cadanseus oito, os concellos que máis oferta teñen.
O pasado 2 de outubro, durante a súa intervención en comisión no Parlamento, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou o compromiso da Xunta en "afianzar" a "conexión cultural" entre Galicia e Portugal, "especialmente entre a mocidade, facéndolles ver os beneficios da proximidade entre as dúas linguas e a grande vantaxe que supón utilizalas para abrirnos ao mundo a través dos países de fala portuguesa”.
Só o 20% dos concellos galegos teñen centros de ensino onde se imparta portugués
“A lingua galega, ademais de ser un valor cultural e identitario, tamén nos conecta cunha comunidade de máis de 260 millóns de persoas que teñen como idioma o portugués", lembrou García, que salientou tamén “o intercambio linguístico e cultural" a través dos departamentos creados en universidades de países lusófonos ou a recente creación dun lectorado de galego vencellado ao Centro de Estudos Galegos da Universidade de Mozambique, puntualizando que se trata do “primeiro no continente africano”. Esta proposta súmase ás que xa ofrecen institucións académicas de Brasil e Portugal, ademais dos proxectos de desenvolvemento e cooperación en Guinea Bissau, Cabo Verde e Angola.
Desde a Consellería de Educación, ademais, lembran que, "a maiores do profesorado existente, nos últimos anos foise reforzando o número de auxiliares de conversa procedentes de Portugal e do Brasil, que este curso alcanzan os 16, unha cifra récord".
Acreditar o nivel de balde
En canto ás "claves" do incremento do alumnado de portugués en Galicia nos últimos anos, destacan que, "ao abeiro do programa Galemundo, a Xunta está a impulsar a internacionalización do ensino e do plurilingüismo". No que atinxe ao portugués, ofértanse varias actividades, como estadías de tres semanas de verán para alumnado de Bacharelato, intercambios con centros estranxeiros de países lusófonos, proxectos de colaboración entre centros de Primaria galegos e portugueses, así como formación en linguas nos propios centros, fóra do horario lectivo, para conseguir as certificacións de idiomas nas escolas oficiais de idiomas galegas.
Ademais, a Xunta permite ao seu alumnado acreditar de balde o seu nivel de portugués, grazas ao acordo asinado co Instituto Camões. "É a primeira comunidade autónoma en subscribir un acordo deste tipo coa institución lusa que, ademais, deriva da aplicación da Lei Paz Andrade", din desde a Consellería de Educación, que lembra que a través do programa Galemundo tamén se promove a formación do profesorado en linguas, con estadías en Portugal.