En 2014, o Parlamento galego aprobaba por unanimidade a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, tamén coñecida como Lei Paz Andrade. Nese mesmo ano, Extremadura contaba con algo máis de 5.000 alumnos cursando portugués nos seus centros escolares. Catro anos despois, foron máis de 9.000 os rapaces que estudaron portugués como segunda ou terceira lingua estranxeira nos colexios e institutos estremeños no curso 2017-18 fronte aos 2.128 que o fixeron en Galicia, onde o número mesmo foi inferior ao do ano anterior.
O alumnado de portugués aumentou nun 80% en apenas catro anos en Extremadura: tres de cada catro persoas que estudan esta lingua no Estado fano nesa autonomía
Malia a aprobación da Lei Paz Andrade, o espazo lusófono compartido, os obvios vínculos entre Galicia e Portugal, a mellor capacitación dos galegos á hora de aprender portugués ou as vantaxes futuras da súa aprendizaxe, o ensino do portugués en Galicia continúa baixo mínimos. Non é tal en Extremadura: aproximadamente tres de cada catro persoas que estudan a lingua portuguesa no Estado fano nesa comunidade autónoma e o incremento de alumnado foi do 80% en apenas cinco cursos.
Todo é froito dun impulso político que vén de lonxe e que a Junta de Extremadura reforzou o pasado mes de maio ao asinar un novo acordo co Goberno luso para consolidar o portugués como lingua estranxeira na comunidade, que foi pioneira nestes pactos co país veciño que tamén asinou a Xunta, aínda que con atraso respecto das promesas e cuns resultados moito menos importantes. De feito, no propio Estatuto de Autonomía estremeño, no seu artigo 71, establécese o "desenvolvemento e fomento" da relación co país fronteirizo e a "difusión e promoción do portugués e da cultura portuguesa" no seu territorio.
En Extremadura estudan portugués máis de 19.000 persoas fronte ás 3.200 que o fan en Galicia
En total, entre o alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato e o das escolas oficiais de idiomas, en Extremadura estudan portugués máis de 19.000 persoas fronte ás pouco máis de 3.200 en Galicia. Seis veces máis nunha autonomía con 1 millón de habitantes e mesmo menor capacidade económica. No caso galego, son 2.128 alumnos e alumnas as que estudaron a materia de Portugués no curso escolar xa rematado como unha das linguas estranxeiras a escoller, uns vinte menos que no anterior.
En Extremadura son 85 os centros de Secundaria (e case outros tantos de Infantil e Primaria) que ofrecen o portugués como segunda e terceira lingua fronte aos 60 (18% do total) que o fan en Galicia, cinco menos que no curso 2016-17. Ademais, en territorio galego a distribución destes espazos é irregular e en tan só sete institutos concéntrase o 40% do alumnado, tal e como denunciaba non hai moito CIG-Ensino.
No caso das escolas oficiais de idiomas en Galicia, o número de estudantes de portugués tamén descendeu ao pasar dos 1.172 no curso 2016-17 a 1.095 en 2017-18, por detrás de inglés, francés, alemán e italiano. En Extremadura, son arredor de 10.000 as persoas que aprenden portugués nestes centros. En total, a comunidade estremeña conta cun total de 150 docentes de lingua portuguesa e nas recentes oposicións de Secundaria aumentáronse as prazas ata convocar un total de 13, ás que se suman outras dez a través da Escola Oficial de Idiomas. Ademais, recuperouse este idioma na proba da EBAU --antiga Selectividade-- como segunda lingua.
"O portugués non ten prazas de docentes no ensino secundario en Galicia", denuncia a Associação de Docentes de Português na Galiza
Nesas 150 prazas inclúense moitas modalidades, pero en Extremadura convócanse prazas de docentes para o ensino regrado e obrigatorio, algo que non ocorre en Galicia. "Portugués non ten prazas de docentes no ensino secundario, esa é a realidade", explica Xurxo Fernández, presidente da Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG). No país, calcúlase que hai sobre un cento de docentes de portugués, pero nesa cifra incúense leitores, profesores que tamén dan aulas de galego, os da Universidade e os das escolas de idiomas ou centros de linguas. "Con praza e convocatoria específica, a cifra é cero", insiste.
O Goberno luso e a Junta de Extremadura asinaron un novo memorando que impulsa o ensino do portugués na comunidade / © Junta de Extremadura
Jacques Songy, representante dos docentes de portugués en Extremadura, destaca os avances do novo memorando asinado entre a Junta e o Goberno luso ao aumentarse as prazas que nas últimas convocatorias foran escasas. "En Galicia esa é a nosa reivindicación: que se oferten oposicións exclusivas de profesores de portugués porque só así se pode considerar que se consolidan o ensino e as prazas de docentes, como ocorre con inglés ou francés; o resto é voluntarismo", explica Fernández que culpa desta situación ao descenso de alumnado. "Se abres un grupo nunha localidade pero ese profesor é enviado a outra, esa clase de portugués desaparece", engade.
"Extremadura é un exemplo; apostouse polo ensino do portugués, que se converteu tamén nun símbolo da autonomía"
A DGP teno claro: "Para nós, Extremadura é un exemplo. Apostouse polo portugués, por que fose a segunda ou primeira lingua estranxeira, polos porgramas de intercambio e por un Gabinete de Iniciativas Transfronteirizas que ten a sede aló e non en Vigo e iso nótase". Fernández, que foi profesor de lingua portuguesa na comunidade estremeña, aclara que alí o portugués "converteuse tamén nun símbolo da autonomía". "A súa aposta por este idioma foi constante e á marxe das mudanzas políticas na Junta", engade. "É unha marca e funciónalles", di.
A pregunta é por que esa actitude non é nin tan sequera parecida en Galicia. "Debe ser a Administración quen responda; temos potencialidade, temos profesores e todo a favor e a Lei Paz Andrade é un marco positivo, pero ao final, sen o voluntarismo dos docentes, aquí non habería portugués no ensino secundario".
"A quinta lingua máis falada no mundo"
Precisamente, a Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG) impulsou desde o pasado mes de xuño unha nova campaña para "promover a presença da língua portuguesa nos centros de ensino secundário de Galiza". Entre os seus obxectivos están os de "sensibilizar" da "importância de se inscreverem nos centros do secundário" que ofrecen esta materia, "ajudar os centros de secundária que oferecem português a angariar estudantes nos centros de primária" e advertir aos centros "das potencialidades e possibilidades de ter a língua portuguesa dentro da oferta académica".
A Lei Paz Andrade indica que a Xunta "incorporará progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa no ámbito das competencias en linguas estranxeiras nos centros de ensino"
Para DPG, a Lei Paz Andrade é "uma boa oportunidade e o grande desafio de alargar a presença do português na Galiza". O artigo 2 desta norma indica que "o Goberno galego incorporará progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa no ámbito das competencias en linguas estranxeiras nos centros de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia", un texto que obriga á acción da Xunta aínda que non fixa prazos concretos nin fórmulas para facelo nin un obxectivo definido. A ILP presentada orixinalmente indicaba que esta "incorporación progresiva" realizaríase "no prazo de catro anos".
"Debería ser a Consellería quen impulsase estas campañas, quen fomentase o portugués no ensino, pero ao final témolo que facer nós", din desde a DGP, que nos folletos que reparte na comunidade educativa lembra que o portugués "é a quinta lingua máis falada no mundo, oficial en 9 países, nos 5 continentes e nas comunidades lusófonas emigradas, con máis de 250 millóns de falantes". Ademais, lembra que o pobo galego "é o máis capacitado de Europa para alcanzar un maior progreso en menos tempo de aprendizaxe" ou que "a facilidade e rapidez con que unha persoa na Galiza aprende portugués é un estímulo". Con todo, e malia os lentos avances, na DGP son "positivos" porque as bases e as potencialidades existen.
Hai tan só unhas semanas, a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), a Associaçom Galega da Língua (AGAL), Associaçom de Estudos Galegos (AEG) e a Fundaçom Meendinho fixeron pública unha carta aberta dirixida ao presidente da Xunta na que criticaban o "nulo desenvolvemento" da Lei Paz Andrade. O texto subliñaba que nestes catro anos non se crearon no sistema de ensino público prazas para profesores de lingua portuguesa e denunciaba que "se mantén a precariedade dos docentes e do propio ensino do portugués, como antes da aprobación da lei".