0 Gardados para despois

O número de centros nos que se imparte portugués descendeu neste curso en Galicia

Redacción | @prazapublica

No actual curso escolar 2017-18 que está a piques de rematar un total de 2.128 alumnos e alumnas estudan a materia de Portugués como unha das linguas estranxeiras a escoller. A pesar da aprobación hai catro anos da Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (ou Lei Paz Andrade), a cifra é mesmo inferior á do curso anterior (2.149) e tamén descende o número de centros nos que este idioma se imparte, pasando de 65 a 60 no último ano, segundo cifras facilitadas pola Consellería de Educación a CIG-Ensino, que salienta que en Estremadura máis de 9.000 rapaces e rapazas estudan portugués en primaria e no ensino medio (19.000 sumando o alumnado das Escolas Oficiais de Idiomas).

"A Consellaría nunca tivo nin o máis mínimo interese en potenciar a aprendizaxe do portugués como segunda lingua estranxeira entre o alumando galego", denuncia a CIG

O sindicato denuncia o "incumprimento" da Lei Paz-Andrade por parte da Xunta. "A Consellaría nunca tivo nin o máis mínimo interese en potenciar a aprendizaxe do portugués como segunda lingua estranxeira entre o alumando galego. Por iso nunca levou adiante ningunha campaña de fomento que tivese como obxectivo ampliar a oferta e a demanda deste idioma como materia nos institutos do país", sinala, acusando ao Goberno galego de "desleixo" de "desprezo" a unha norma "que hoxe é, claramente, máis papel mollado que nunca", di. 

O artigo 2 da norma indica que "o Goberno galego incorporará progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa no ámbito das competencias en linguas estranxeiras nos centros de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia", un texto que obriga á acción da Xunta aínda que, efectivamente, non fixa prazos concretos nin fórmulas para facelo nin un obxectivo definido. A ILP presentada orixinalmente indicaba que esta "incorporación progresiva" realizaríase "no prazo de catro anos". 

O núemero de centros pasa de 65 a 60 e o de alumnos e alumnas fica en 2.128, fronte ás máis de 9.000 en Estremadura

Dos 60 centros que ofertan o ensino do portugués (o 18% do total), 58 son públicos e 2 privados e, como salienta CIG-Ensino, a súa distribución "absolutamente irregular" evidencia "que a oferta do portugués non obedece a ningunha planificación da Xunta de Galicia senón ao bo facer, o interese e o voluntarismo do profesorado que, como vén sendo habitual, toma a iniciativa cando o goberno se instala na desidia e o incumprimento das súas propias leis". En catro dos 60 centros só hai un alumno ou alumna e, en cambio, sete institutos concentran o 40% do alumnado matriculado: o IES San Clemente de Compostela (193), o IES de Cacheiras en Teo (93), o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo (127), o IES A Sangriña da Guarda (118), o IES do Barral de Ponteareas (116), o IES Ánxel Fole de Lugo (93) e o IES de Melide (96).

Hai tamén unha diminución no número de alumnos e alumnas de portugués nas Escolas Oficiais de Idiomas

As cifras facilitadas polo propio Goberno galego amosan igualmente unha diminución no número de alumnos e alumnas de portugués nas Escolas Oficiais de Idiomas, que pasaron de 1.172 no curso 2016-17 a 1.095 en 2017-18, por detrás de inglés, francés, alemán e italiano. Esta situación contrasta coa que se viven en Estremadura, con seis veces máis estudantes de portugués (19.000 sumando Primaria, Secundaria e EOI) a pesar de contar con pouco máis dun terzo da poboación de Galicia. O pasado mes de maio o Goberno estremeño e a embaixada portuguesa en España renovaron un acordo de colaboración que fixo que nos últimos catro anos se incrementase nun 80% o número de alumnos e alumnas en colexios e institutos.

O sindicato volve reivindicar que a Consellaría de Educación convoque oposicións de portugués en secundaria, unha vella demanda que vén recibindo a negativa o Goberno galego, e anuncia que para a vindeira oferta de emprego público proporá "cando menos que se oferten prazas para o cambio de especialidade". "Deste xeito, profesorado que agora mesmo imparte esta materia ou outro que estivese disposto a facelo podería acceder a esa nova especialidade e ocupar, nalgúns casos, prazas de portugués nos cadros de persoal dos IES, promovendo deste xeito o avance dos docentes de portugués e favorecendo o incremento da demanda", explica CIG-Ensino. Porén, conclúe o sindicato, "sen unha campaña decidida por parte da Consellaría de Educación e unha oferta ampla do portugués, comezando polo profesorado que pode impartilo, non se poderán superar uns límites que o propio Goberno galego impón".

"A oferta do portugués non obedece a ningunha planificación da Xunta senón ao voluntarismo do profesorado que, como vén sendo habitual, toma a iniciativa cando o goberno se instala na desidia e o incumprimento das súas propias leis"

Hai uns días a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), a Associaçom Galega da Língua (AGAL), Associaçom de Estudos Galegos (AEG) e a Fundaçom Meendinho fixeron pública unha carta aberta dirixida ao presidente da Xunta na que criticaban o "nulo desenvolvemento" da Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía aprobada en 2014. O texto subliñaba que nestes catro anos non se crearon no sistema de ensino público prazas para profesores de lingua portuguesa e denunciaba que "se mantén a precariedade dos docentes e do propio ensino do portugués, como antes da aprobación da lei".

Este xoves tamén o PSdeG-PSOE criticou "o incumprimento e falla de desenvolvemento" da norma, subliñando que a ausencia de “previsión e obxectivo” do Goberno galego nas relacións cos países lusófonos provoca “perda de oportunidades políticas e económicas para Galicia”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.