0 Gardados para despois

Galicia comeza a aproveitar a "vantaxe histórica" da lusofonía

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Tras máis de tres décadas de autonomía, o lexislativo galego decide ollar cara á lusofonía e identificarse -parcialmente- con ela. Fixeron falta máis de trinta anos e unha iniciativa lexislativa popular presentada baixo o nome de Valentín Paz Andrade para que a unanimidade do Parlamento de Galicia avale o que xa é rutina en autonomías sen máis ligazón histórica co mundo lusófono que a proximidade xeográfica a Portugal. De agora en diante o Goberno galego ten, aínda que cuns prazos notablemente laxos, a obriga legal de aproveitar a "vantaxe histórica" de compartir lingua e vencellos históricos cunha comunidade de máis de 250 millóns de persoas".

"Este é o día en que Galiza en rompemos unha fenda histórica ou volvemos unir o que a historia separou", sinalaba en maio de 2013 Xosé Carlos Morell ao iniciar a tramitación en pleno dunha ILP que, non obstante, foi matizada no trámite parlamentario, especialmente no que atinxe aos compromisos temporais. Así, por exemplo, a Xunta terá que incorporar "progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa no ámbito das competencias en linguas estranxeiras nos centros de ensino", mentres que a comisión promotora propuña completar o proceso en catro anos.

A ILP propuña implantar o portugués no ensino en catro anos, pero farase "progresivamente" e sen prazo concreto

Sexa como for, o certo é que o conxunto dos poderes públicos do país teñen agora o compromiso de "promover o coñecemento da lingua portuguesa e da cultura lusófona para afondar nos vencellos históricos que unen Galicia cos países e comunidades de lingua portuguesa", e tamén para tirar partido do "carácter estratéxico que para Galicia teñen as relacións económicas e sociais" co norte de Portugal. Ao tempo, "deberán ser promovidas as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa" e "fomentarase o coñecemento desta lingua por parte dos empregados públicos", aínda que este non será, como se propuña, un mérito tido en conta nos procesos selectivos da administración.

"Favorecer e permitir a reciprocidade das emisións televisivas e radiofónicas" entre Galicia e Portugal e o intercambio de producións audiovisauis entre a CRTVG e canles lusófonas completan un paquete de medidas sobre as que o Goberno galego terá que ralizar un informe anual "no que se fará constar, de xeito pormenorizado, as accións levadas a cabo, o seu custo e as previsións que efectúa o exercicio seguinte"

"Que non sexa flor dun día"

Aínda que con certos receos polos matices introducidos a oposición en pleno saudou de bo grao a aprobación dunha iniciativa que agarda que non sexa "flor dun día", en verbas da nacionalista Ana Pontón. Para a deputada do BNG esta lei debera ser o primeiro chanzo para a "fin do isolacionismo" e para que, definitivamente, no país deixe de ser "un tabú ou unha herexía afirmar algo que científica e historicamente está acreditado", que galego e portugués "son variantes da mesma lingua". Na actualidade, lembra, apenas unha vintena de centros educativos galegos ofrecen a posibilidade de estudar portugués como lingua estranxeira, polo que cómpren "medios e recursos" para que a ILP sexa unha realidade.

A iniciativa saíu adiante por unanimidade e a oposición insta o Goberno a non relaxar o seu cumprimento

"No fondo do imaxinario social están ancorados estereotipios e prexuízos sobre Portugal", abonda Xabier Ron, de AGE, para quen a Xunta debe traballar arreo para que o pobo galego se sinta "a gusto na casa común" da lusofonía, di, parafraseando a José Saramago. Esa ligazón debe ir "alén do economicismo", subliña, e partir dun "enfoque convivencial, unha concepción que se fundamente en cultura e afectivivdade". Na mesma liña o socialista Francisco Caamaño apela a "garantir a execución" da nova lei, que lle marca "obrigas claras" ao Goberno para convertir en oficiais "pontes de entendemento que sempre existiron", garantindo o "fundamental" coñecemento do portugués sen "entorpecer nin colisionar" na "batalla" pola normalización lingüística en Galicia.

Nunha actitude pouco habitual o PP tamén optou polo ton conciliador nesta "iniciativa de consenso", considerando a través de Agustín Baamonde que o portugués "evidentemente é unha vantaxe para o galego, porque nos coloca nunha senda de universalidade". "Esperamos que non cheguemos tarde a ningún sitio", di o popular. Tarde ou cedo, as obrigas fican basicamente claras.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.