Para os portugueses aprenderen o galego e para os galegos aprenderen o portugués é redescubrirmos as nosas orixes comúns, asegura a responsable do Camões en Vigo
O Centro Camões de Vigo celebra estes días o seu 25 aniversario. En 1998, con Manuel Pérez como alcalde, o concello cedeu o histórico edificio da Casa Aríns ao Instituto Camões, que hoxe é o único Centro Cultural Camões de España e un dos catro existentes en Europa, xunto con París, Luxemburgo e Berlín. Estudos de lingua portuguesa e organización ou apoio de actividades culturais son as principais liñas de acción do centro, que ten incluso a súa propia compañía de teatro.
Á frente do Camões atópase Célia Mendes (Luanda, Angola 1973). Mendes chegou hai dous anos a Galicia directamente de Nova Delhi (India), onde estivo traballando como lectora de portugués para o Instituto Camões durante cinco anos e medio. Antes xa o fixera en Nova Celandia durante oito anos e en Venezuela outros oito. Interesante pode ser un adxectivo acaído para cualificar a vida da lingüista, nacida en Angola cando os seus pais ficaran como colonos mais criada en Almada (área de Lisboa) desde os dous anos. “A guerra civil pegou na porta e fomos obrigados a saír”, explica . Licenciada en Lingua e Literatura portuguesa e doutora en Psicoloxía cognitiva, dirixe o Camões de Vigo ao tempo que é lectora de portugués na Univesidade de Santiago, onde ten a súa residencia. “Unha cidade pequeniña mais cosmopolita ao mesmo tempo”, asegura.
En Galicia toda a cidadanía debería saber portugués?
Non, as linguas débense aprender por amor. Eu por exemplo non estou segura de aprender o galego porque sei que podo confundirme entre o español, o galego e o portugués. A miña área orixinal de formación é lingüística, por tanto todo o que ten que ver coas lingua paréceme moi interesante. En Portugal comezamos a estudar a literatura portuguesa cos trobadores, que son nosos, non son portugueses nin son galegos. Son dunha altura en que non había Portugal. É parte das nosas orixes. Para un galego que sabe galego estudar portugués debe ser tan interesante como é para min ouvir e ler galego porque identificamos padróns comúns, palabras, léxico, formas de pensar… porque a lingua é unha xanela para a nosa forma de pensar o mundo e cando as linguas son moi próximas, iso indica que a nosa forma de ver o mundo é moi próxima tamén.
“A lingua é unha xanela para a nosa forma de pensar o mundo e cando as linguas son moi próximas, iso indica que a nosa forma de ver o mundo é moi próxima tamén”
Vén de ensinar portugués en territorios moi afastados.
Si, dar o portugués aos neocelandeses, indianos ou venezolanos e a galegos é moi diferente, porque teñen outra historia e outro imaxinario. En cambio, aquí, aprender portugués aos galegos é outra cousa porque teñen un imaxinario e un repertorio cultural moi próximo a nós. E en certos puntos da historia, o mesmo. Non ten nada que ver con ensinar portugués aos neocelandeses, que están literalmente do outro lado do mundo e non teñen relacións históricas nin culturais con nós. Para eles descubriren o portugués é outro exercicio. É un exercicio moi bonito, mais é outra cousa.
“Pasa que moitas veces alumnos están convencidos de que están a falar portugués mais están a falar galego"
Como afronta o alumnado galego a aprendizaxe do portugués?
Eu penso que para os portugueses aprenderen o galego e para os galegos aprenderen o portugués é redescubrirmos as nosas orixes comúns, os nosos puntos de contacto, todo aquilo que temos en común culturalmente, socialmente, afectivamente. Os lazos entre Galicia e o norte de Portugal son obvios.
Por que estudan portugués as persoas en Galicia?
Por moitas razóns. Por cuestión prácticas ás veces, para obter a nacionalidade portuguesa, porque queren estudar en Portugal, ou estudar sobre un asunto en portugués. Mais eu sinto que en Galicia a maioría das persoas estudan portugués por razóns afectivas. Ou porque teñen parte da familia que é portuguesa, ou porque a proximidade xeográfica é tal que hai un chamamento. E tamén hai quen pensa que o portugués vai a ser moi doado e despois descobren que están errados. Os seres humanos son estraños e ás veces estamos tan convencidos de que vai ser fácil, que non poñemos o esforzo. Pasa que moitas veces alumnos están convencidos de que están a falar portugués mais están a falar galego. Tamén en Venezuela, os descendentes dos emigrantes portugueses respondían en español mais pensaban que estaban falando portugués porque así o facían coas súas avoas.
No filme O Corno vemos este exercicio de intercomprensión perfecta entre dúas persoas falando unha en galego e outra en portugués.
Ese é o tipo de actividades que nós gustamos apoiar. Aquí hai pouco tempo o Centro Dramático Galego fixo unha produción extraordinaria de A contenda do río Minho. Francisco Núñez convidou a membros da compañía de teatro de Braga, en Portugal, e traballaron con membros do Centro Dramático Galego. A peza foi toda en galego e en portugués. Foi moi bonita coas dúas linguas en escena. Esa é das actividades que paga a pena facer.
Que achegan este tipo de experiencias?
Poñen de relevo que podemos convivir de lado a lado no medio da arte, no cinema, no teatro, nas exposicións. Eu sei que se tivese unha exposición aquí en español non ía gustar aos vigueses.
"Eu nunca vira que o 25 de abril fose celebrado por non portugueses, e os galegos celébrano"
Que recepción ten o centro entre a veciñanza?
Os vigueses en particular teñen un cariño moi grande polo centro cultural. Non hai un concerto de fado que nós organicemos que non estea ateigado. Os vigueses adoran o fado portugués. O 10 de xuño sempre traemos unha fadista ou un fadista de Portugal e son recibidos cos brazos abertos. Eu nunca vira que o 25 de abril fose celebrado por non portugueses, e os galegos celébrano.
Hai un sentimento de identificación ás veces en Galicia máis con Portugal que con España.
Si, eu sei. O ano pasado a Facultade de Filoloxía organizou un concerto na honra de Zeca Afonso, polos 50 anos da primeira vez que cantou o Grândola Vila Morena. Foi alí no Burgo e foi extraordinario. Viñeron persoas doutros sitios de Galicia e de fóra. O auditorio cheo, a persoas a cantar ao unísono e a min déronme arrepíos porque eu non estaba en Portugal, mais as persoas sabían as letras e sentían a mesma emoción ca min coas letras do Zeca Afonso en Santiago. Sentímonos moi abrazados aquí en Galicia. Para nós, para os que somos da zona de Lisboa, España sempre era o Leste e Sur, lamentablemente viñemos pouco para aquí enriba. Aínda hoxe teño moitos colegas en Lisboa que nunca viñeron a Galicia e eu dígolles que é diferente, que é outra cousa. España ten moita variedade e Galicia é moi diferente do resto.
Vén desde Nova Delhi, dunha cidade de 28 millóns de habitantes, a Santiago.
En Santiago estou moi ben, podo camiñar por todas partes. Está o silencio do verán cando non hai clases, mais a enerxía da cidade muda cando veñen os estudantes para as aulas, e tamén está a enerxía dos peregrinos. É unha cidade pequeniña mais cosmopolita ao mesmo tempo.
"Podemos anunciar que imos reabrir o centro oficial de exames de portugués no centro Camões de Vigo"
Pensa que a sociedade galega abrazou máis a cultura portuguesa grazas ao traballo do Camões neste anos?
Podo dicir que si, porque temos actividades e apoiamos accións e todos os puntos de Galicia. Se para os galegos descentralizar significa saír de Santiago, para nós descentralizar é saír de Vigo. Nós facemos moitas cousas en Vigo porque as nosas instalacións están aquí. Unhas instalacións marabillosas que nos cedeu o Concello nunha zona tan bonita da cidade. Son os edificios laicos máis antigos de Vigo e para nós é un privilexio estar aquí. Só ese acto, que nos teñan cedido estes edificios nos casco histórico, é testemuño de como Vigo e Galicia reciben a Portugal. Temos unhas instalacións lindísimas e facemos moitas cousas aquí. Mais tamén facemos moitas cousas en Santiago, na Coruña, Pontevedra, Tui, Ourense, Lugo… sempre intentamos apoiar institucións que leven a cultura portuguesa a eses sitios.
Cal é o balance que se pode facer destes 25 anos?
O balance de toda acción do centro cultural, de todas as áreas de participación, todas as institucións coas que colaboramos ao longo dos anos é extraordinario. Por un lado a cuestión da lingua, xa que nós tamén ofrecemos cursos. Fomos durante moito tempo un centro de exames do CAPLE (Centro de Avaliación do Portugués como Lingua Estranxeira), un centro que pertence á Universidade de Lisboa con centros examinadores por todo o mundo. En 2018 o CAPLE de Vigo pasou para a Universidade de Santiago de Compostela. Neste momento estamos tratando de reabrir e en principio podemos anunciar que imos reabrir aquí no centro. Agora vai moita xente a Santiago a facer os exames e tamén á Coruña.
Mais o groso da actividade do centro espállase polo eido cultural.
Si, na área de literatura, das artes plásticas, cinema, teatro. Hai iniciativas que son nosas e outras ás que apoiamos. Por exemplo, agora imos ter un club de lectura de poetas portuguesas na Universidade de Santiago, organizado por nós, coa colaboración da facultade de Filoloxía. Ou organizamos unha exposición de pósters relativos ao 25 de abril, coa colaboración da asociación Zeca Afonso da Galiza. Tamén facemos exposicións de artistas portugueses ou que teñan relación con Portugal; traemos escritores portugueses e facemos un percorrido por librarías, universidade ou escolas; ou traemos un artista que fai aquí unha exposición e despois dá unha máster class aos alumnos de arte de Pontevedra, por exemplo.
Tamén teñen unha presenza destacada no mundo do teatro.
Si, en Galicia faise moito teatro e temos un programa co Consello da Cultura Galega que se chama Dramaturgias Itinerantes no que se xuntan normalmente dúas dramaturgas mulleres, unha galega e unha portuguesa que presentan un espectáculo en fase embrionaria moi interesante con sesións en Vigo e Portugual. É como un laboratorio de contaminación galego portuguesa. É moi enriquecedor para poñer en contacto a dramaturgos e discutir o proceso creativo. Tamén están as Pezas do teatro do Porvir, organizado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, con apoio do Camões, que se fixo ultimamente na Coruña. Alí os propios autores presentan as pezas en producións e hai discusións críticas. Ademais temos a nosa propia compañía de teatro, Eu.Experimento, creada pola dramaturga Vanesa Sotelo, actualmente con Alfonso Becerra. Un grupo que fai teatro en portugués e fai a súa propia dramaturxia, escriben os seus propios textos.
"Queremos profundar na nosa relación coas camadas máis novas porque xa tivemos experiencias moi bonitas nas escolas. A recepción do portugués na mocidade de Galicia é moi boa"
De cara ao futuro, cales son os obxectivos?
Máis e mellor. Máis deste tipo de proxectos que poñen o galego e o portugués ao lado, que fan cousas en conxunto: pezas de teatro ou filmes bilingües. Todo ese tipo de proxectos eu atópoos moi interesantes. Que nos contaminemos uns ao outros con aquilo que facemos en Portugal e en Galicia. Gustaría de contaminar tamén máis a mocidade, pero é difícil porque non hai aprendizaxe de portugués nos niveis básicos. Coas escolas secundarias é máis fácil, porque temos contacto no ensino de portugués. Mais si, queremos profundar na nosa relación coas camadas máis novas porque xa tivemos experiencias moi bonitas nas escolas. A recepción do portugués na mocidade de Galicia é moi boa.