Portugal está de moda en Europa e o portugués cada vez se estuda máis en España. Filipa Soares, coordinadora da Rede de Ensino Português no Estrangeiro para Espanha e Andorra e directora do Centro de Língua Portuguesa do Camões en Madrid desde 2010, aplaude o incremento "exponencial" que se deu nos últimos anos a nivel estatal do ensino portugués e asegura que en Galicia se están a dar os pasos correctos, sobre todo desde a aprobación da Lei Paz Andrade en 2014. Na comunidade galega hai 2.700 estudantes de portugués en secundaria e bacharelato fronte aos 20.000 de Estremadura. Filipa Soares inaugurou este mércores en Pontevedra o Congreso Galicia e a Lusofonía diante dos desafíos globais, que coordina o Igadi.
A comunidade galega por historia e tamén por situación xeográfica ben pode servir como ponte entre a Lusofonía e Europa. Diría que se está a aproveitar esta condición ou Portugal prefire mirar directamente cara a España?
Nós traballamos co Estado e tamén coas autonomías. Pero as relacións entre Portugal e Galicia son fantásticas. Como exemplo, Galicia é o segundo cliente de Portugal. En intercambios comerciais ten unha relación privilexiada con Portugal. No ámbito do ensino da lingua, para un galego a aprendizaxe da lingua portuguesa é teoricamente mais fácil.
Que especificidades ten o ensino da lingua portuguesa en Galicia, tendo en conta que ambas comparten a orixe e unha alta porcentaxe de léxico?
Cando temos unha lingua como o galego e como o portugués a intercomprensión é maior. Por tanto, é unha vantaxe porque un galego ten unha facilidade incrementada en relación ao portugués que outros españois como un andaluz, un estremeño ou un catalán. Agora, o que acontece ás veces é que nos confiamos e acabamos por non falar realmente nin unha nin outra.
É algo que sempre pasa nos territorios fronteirizos
Si, as rexións fronteirizas teñen esa particularidade, nin falan galego nin portugués, falan unha mistura, pero se entenden, que é o importante.
Ademais do ensino, axentes socializadores como os grandes medios de comunicación xogan un papel fundamental. Pero en Galicia sabemos máis do que acontece en Venezuela ou Nova Iorque, que en Viana do Castelo, por poñer un exemplo, e iso tampouco non axuda a coñecer o idioma.
A lingua divúlgase non só polo ensino da mesma, senón que hai varias canles que son moi importantes para a afirmación da propia lingua. A cultura é un vehículo fundamental para saber chegar á lingua e obviamente as novas tecnoloxías, os medios de comunicación e tamén a produción da lingua na ciencia. Pero hoxe en día coa internet non chegamos ao país se non queremos chegar porque temos todo dispoñible nun clic. Moitas veces o que está máis próximo é o que deixamos para despois porque está sempre aí.
Eu son moi optimista. Devagar, pero con pasos firmes, vamos reafirmando as linguas e por outro lado vámonos descubrindo e fuxindo dos estereotipos, coñecéndonos xenuinamente, na nosa identidade, na nosa maneira de estar no mundo e sobre todo valorizando as nosas potencialidades
Na televisión galega xa se puxeron series portuguesas e houbo algunha coprodución coa televisión portuguesa Eu son moi optimista. Devagar, pero con pasos firmes imos reafirmando as linguas e por outro lado ímonos descubrindo e fuxindo dos estereotipos, coñecéndonos xenuinamente, na nosa identidade, na nosa maneira de estar no mundo e sobre todo valorizando as nosas potencialidades. Os galegos e os portugueses temos unha grande influencia atlántica, estamos a ver o mundo e ese é un sentimento que nos une. Portugal e Galicia sempre ollaron moito alén do mar, somos navegadores e aventureiros, e por tanto cidadáns do mundo. O portugués é unha lingua global e o galego, por proximidade lingüística, ten a oportunidade de singrar con éxito por esa viaxe.
Participa vostede neste congreso sobre a lusofonía cunha conferencia que titula "a lingua portuguesa, un valor global". Pola súa experiencia como coordinadora do ensino do portugués, diría que en España se valora a lingua portuguesa?
Si, houbo un cambio exponencial desde 2010 ata agora. Antes o ensino da lingua portuguesa estaba cincunscrito ao Departamento de Integración e Estudo á Diversidade. Despois, coa pasaxe da tulela do ensino do portugués para o Instituto Camões houbo unha apertura ás novas abordaxes do ensino da lingua con novas propostas e o portugués pasou a integrar o departamento de linguas estranxeiras, a ser equiparado co francés, o inglés, o alemán ou o italiano, obviamente con diferenzas, pero coa integración nos currículums. Para isto foi necesario articular novas estratexias, nunha primeira fase co Ministerio de Educación, o que deu orixe ao Memorando de Entendemento entre Portugal e España, asinado na Cimeira de Porto de 2012 e posteriormente coas diferentes comunidades: Galicia, Andalucía, Estremadura e máis recentemente con Castela e León. Por tanto, si, houbo unha mudanza de actitude.
En que se traduce ese cambio de actitude?
No curso 2006 -2007 había un total de 12.053 alumnos de lingua portuguesa en educación primaria en toda España: nas rexións de Galicia, Castela e León, Asturias, Navarra, Madrid, Estremadura e Cataluña. E só había profesores que dependían do Estado portugués. Agora, no curso 2018-2019 existe, financiado polas autonomías, un universo de case 23.000 alumnos, e os profesores financiados por Portugal aseguran un ensino de case 5.800 alumnos. Por tanto o crecemento foi exponencial. En números redondos, se xuntamos ensino secundario, bacharelato o ensino superior e as escolas oficiais de idiomas estamos a falar dun universo aproximado de 52.000 alumnos. Queremos máis? Si, pero o crecemento e a postura diferente fronte á lingua portuguesa é innegable.
Estamos a falar dun universo aproximado de 52.000 alumnos. Queremos máis? Si, pero o crecemento e a postura diferente fronte á lingua portuguesa é innegable
Obviamente as autonomías ofrecen o portugués como libre optativa, polo tanto estamos a competir con outras linguas, pero nós constatamos que as entidades da comunidade educativa e as autoridades comezan a ver o portugués como unha oportunidade a nivel laboral. Por unha banda porque o portugués é unha lingua pluricontinental e para un español e especialmente para un galego o proceso de aprendizaxe é moito máis fácil. Desde pequenos xa os vai capacitar para ser cidadáns do mundo, e isto é moi importante.
Os datos de implantación do ensino portugués en Galicia son máis baixos que na comunidade de Estremadura. A que se debe?
As realidades son diferentes. O groso da aprendizaxe do portugués como lingua estranxeira en España está en Estremadura, pero en Galicia pouco a pouco os números foron crecendo, van dando pasos e a miña presenza hoxe aquí así o amosa. Persoalmente, unha das cousas que eu sentín como Coordinadora do Ensino do Portugués desde 2010 foi unha apertura absoluta por parte das autoridades para fomentar o ensino da lingua portuguesa, sobre todo coa aprobación da Lei Paz Andrade, que deu orixe ao Memorando de Entendemento entre Portugal e Galicia, que se firmou en 2015. E temos cooperado moito en accións formativas para os profesores galegos de portugués.
A aposta do ensino do portugués na Estremadura é moi anterior e foi crecendo e tamén hai que ter en conta que é unha comunidade que non é bilingüe como Galicia, o que tamén inflúe
Eu non discuto as necesidades, mais todo o que sexa crecer e aumentar o número de alumnos, fantástico. Penso que se adoptaron medidas, como a convocatoria de oposicións para profesores de portugués. Agora imos ver como o programa do ensino da lingua se vai consolidando. Todo isto é lento. A aposta do ensino do portugués na Estremadura é moi anterior e foi crecendo e tamén hai que ter en conta que é unha comunidade que non é bilingüe como Galicia, o que tamén inflúe. Isto é un traballo permanente, de pouco a pouco ir sementando.