Este sábado 30 oito poetas de Galicia desembarcarán na cidade do Porto para levar a cabo unha serie de actos na cidade portuguesa co obxectivo de "arrincar marcos", eliminando a fenda existente entre Galicia e Portugal e promovendo "que as letras galegas e portuguesas teñan un maior coñecemento mutuo, un intercambio necesario, vital".
Quérese promover "que as letras galegas e portuguesas teñan un maior coñecemento mutuo, un intercambio necesario, vital"
A iniciativa está impulsada por Edicións Positivas e nela participarán os autores e autoras dos últimos oito poemarios publicados pola editorial: Eduardo Estévez, Paula Carballeira, Quico, Raúl Gómez Pato, Roi Vidal, Rosalía Fernández Rial, Suso Díaz e Xabier Xil Xardón. Eles e las compoñen ademais a antoloxía Arrincando marcos 2019, realizada para a ocasión.
Os actos comezarán ás 15.30 coa entrega de cravos vermellos na estatua de Rosalía de Castro, na Praza da Galiza. A seguir, na Livraria Poetria (R. Das Oliveiras 72) terá lugar unha rolda de prensa (17.00) e un recital conxunto dos e das oito poetas. O programa completarase coa lectura colectiva do poema de Lois Pereiro "Que é Galicia?", para rematar a medianoite cun "Chamado aos pobos galego e portugués".
Participarán Eduardo Estévez, Paula Carballeira, Quico, Raúl Gómez Pato, Roi Vidal, Rosalía Fernández Rial, Suso Díaz e Xabier Xil Xardón
A poesía galega "quere pasar da reflexión aos feitos, da queixa á práctica, do illamento ao diálogo... eliminar lindes para podermos respirar, e despois camiñar", destácase na antoloxía publicada, que bota man de Méndez Ferrín para salientar que "o punto un da política internacional de Galicia debería de ser o da abolición dos marcos da Raia Seca e das liñas misteriosas que nos separan de Portugal no medio do río Miño”. E engádese: "tan certo é este pensamento do intelectual galego como o é que faltan accións, e sobran queixas, lamentos". Unha acción, unha abolición de marcos, que nesta fin de semana pasará pola poesía.