'Un viaje por Galicia', unha parte da "alma do país" recuperada un século despois

Tres fotogramas do documental 'Un viaje por Galicia' incluídos no cartel da versión restaurada © MPG

A Deputación da Coruña vén de restaurar Un viaje por Galicia, a primeira longametraxe documental do cinema mudo rodada no país, encargada en 1929 co gallo da Exposición Iberoamericana de Sevilla

En 1929 as deputacións provinciais galegas encargaron a realización dunha película documental que amosase o territorio, as paisaxes e os monumentos do país co obxectivo de proxectala con motivo da Exposición Iberoamericana de Sevilla, celebrada ese ano. O palentino Luis R. Alonso foi o encargado de realizar un filme de máis dunha hora e media de duración que se converteu na primeira longametraxe documental do cinema mudo rodada en Galicia, Un viaje por Galicia.

A obra vén de ser restaurada pola Deputación da Coruña a partir da copia en celuloide custodiada durante décadas polo Arquivo da Deputación e enviada posteriormente á Filmoteca Nacional para o seu tratamento e preservación. A versión recuperada foi presentada este martes no Museo do Pobo Galego. O proceso permitiu recuperar a textura e a montaxe orixinal e incorporar unha nova banda sonora, creada e dirixida por Maximino Zumalave baseándose en obras de compositores contemporáneos ao filme como Rodríguez Losada ou Andrés Gaos, que foi interpretada en vivo polo Cuarteto Novecento no acto de presentación.

Presentación do documental 'Un viaje por Galicia', este martes no Museo do Pobo Galego © MPG

O Museo do Pobo acolleu a presentación da versión recuperada, que incorpora unha nova banda sonora, creada e dirixida por Maximino Zumalave

No acto interviu presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e participaron tamén a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e o experto e catedrático da USC José Luis Castro de Paz, que foi o encargado de contextualizar históricamente o filme e subliñar a súa importancia. Entre outros aspectos, destacou a polémica que nese momento se xerou en Galicia por ser Alonso o encargado de realizar o traballo e non, por exemplo, o nevense José Gil, un dos pioneiros do cine no país.

O filme, rodado polo palentino Luis R. Alonso, percorre boa parte do país, amosando paisaxes rurais e cidades en transformación

O filme percorre boa parte do país, amosando paisaxes rurais e cidades, escenas de traballo agrícola e mariñeiro pero tamén a crecente industria de construción naval de Ferrol, festas populares, monumentos, arquitecturas desparecidas, embarcacións tradicionais nas rías galegas, a vida nos balnearios e unhas urbes que se atopaban en plena transformación. 

O Cebreiro, Palas de Rei, O Barqueiro, Betanzos, Camariñas, A Pobra do Caramiñal, Monforte de Lemos ou Oseira son algunhas das localidades que aparecen na película, ademais das sete cidades, retratadas en profundidade.

Cartel da versión restaurada do documental 'Viaje por Galicia' © MPG

Na presentación, Valentín González Formoso destacou que o filme constitúe “unha parte fundamental da nosa memoria colectiva” e sinalou que “recuperar esta película é recuperar parte da alma dun país”

No acto de presentación, Valentín González Formoso destacou que esta película constitúe “unha parte fundamental da nosa memoria colectiva” e subliñou o valor histórico e emocional dunha obra que permite revivir a Galicia de hai case cen anos. “Recuperar esta película é recuperar parte da alma dun país”, afirmou.

Formoso contextualizou a rodaxe da película nun 1929 marcado internacionalmente polo crack da Bolsa de Nova York, que puxo fin aos felices anos vinte; en España polo esgotamento da ditadura de Primo de Rivera; e en Galicia por un proceso de transición entre unha sociedade rural e unha modernidade incipiente. “É o mundo no que nace esta obra, unha Galicia que quería mostrarse ao exterior e afirmarse como unha terra diversa, fermosa e viva”, explicou.

Na rede pódense atopar varias versións dixitalizadas -como a que se inclúe ao final deste texto- pero que presentan numerosas eivas, que agora busca corrixir esta nova versión recuperada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.