Do traballo de recuperación e reivindicación iniciado por Manolo Maseda e Sechu Sende nacen agora dous proxectos complementarios: o espectáculo 'Territorio regueifa' e o documetal 'Ao son da nova regueifa', dirixido por Maseda xunto a Saúl Rivas, finalista nos Mestre Mateo
A regueifa engancha, proba disto é que o equipo do documental Ao son da nova regueifa, finalista nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, xa quedou vinculado a este mundo para sempre. Os 'culpables' iniciais desta aventura cinematográfica son Manolo Maseda e Sechu Sende que levan unha década promovendo a Regueifesta, un proxecto educativo para levar a regueifa ás aulas do que xurdiu despois o Enreguéifate, que é o certame nacional das regueifas que o pasado celebrou a súa oitava edición. Un proceso que Maseda foi documentando e que quería compartir co mundo alleo á familia da regueifa.
Antes de chegar ás pantallas, xurdiu a oportunidade de crear o espectáculo Territorio regueifa, baixo a dirección de José L. Prieto, e con Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira no escenario. Unha coprodución do Centro Dramático Galego, o FIOT de Carballo e Ainé que funciona como unha introdución neste mundo. Recrean a primeira regueifa da historia, destacan fitos como a incorporación da muller á improvisación rimada ou mesmo como sería un telexornal da TVG feito en verso. Isto sen perder o espírito participativo, polo que o público actúa como unha pata máis da representación.
Co Territorio regueifa xa xirando polo país, Manolo Maseda aliouse coa produtora Undodez para ir máis alá na recolleita dos froitos da regueifa. "Partimos da base de que todos os titulares da prensa indicaban que a regueifa morría, e había unha realidade: os últimos regueifeiros da Costa da Morte eran moi maiores. Había sinais de alarma, pero sempre digo que a regueifa é expansiva. A regueifa é unha ferramenta de construción masiva, nós construímos a través do colectivo, non do individual, e creo que ese foi o grande segredo de que todo isto fose xermolar dunha forma tan brutal en tan pouco tempo", explica.
"A idea de que, en dez ou doce anos a Regueifa pasará de estar en titulares en negativo a estar en positivo é grazas ao traballo colectivo e ao activismo, grazas á xente moza. O Encontro internacional de Valadares medrando; o Enreguéifate con todo o que implica da dirección lingüística; o encontro de Carballo, que verte por fóra todos os anos xente esperando para entrar; Moaña, Burela... lugares nos que a priori non había regueifa e, de repente, todo o mundo entende o que é.
"Falamos con xente moi veterana, de máis de 75 anos, ata as máis novas, que non chegaban aos sete", explica Saúl Rivas
A rapazada viu a regueifa de maneira lúdica, que creo que é a mellor maneira de aprender, a través do xogo. Igual que estamos nunha crise histórica de falantes en lingua galega, e que acreditamos que a lingua é a única ferramenta que se agudiza co uso, a única maneira que temos de reivindicar que as cousas non morran é loitar polo que é propio, que é a nosa identidade", debulla Manolo Maseda.
Manolo Maseda e Saúl Rivas son codirectores e coguionistas do documental Ao son da nova regueifa, no que realizan unha viaxe por Galicia de norte a sur falando con todas as implicadas na boa saúde da improvisación oral no noso país.
"Falamos con xente moi veterana, de máis de 75 anos, ata as máis novas, que non chegaban aos sete", salienta Saúl Rivas. "Nótase que houbo un traballo moi potente dos docentes e tamén dalgúns concellos como o de Carballo que apostaron pola regueifa como un feito cultural, mais tamén como unha ferramenta de dinamización. Nun momento do documental, Carme Pereiro, técnica de normalización linguística en Carballo, di que hai unha cousa que se pasa por alto e é que a regueifa é en galego, que non se pode regueifar en castelán".
Para Rivas este proxecto supuxo a descruberta dun mundo novo. "Sabía da regueifa como unha nota nos libros de texto e descubrín que algo que asociaba ao pasado, que estaba medio institucionalizada, de pronto colleuna a xente máis nova –sobre todo rapazas en idade escolar– e fixérona súa. Crearon un universo marabilloso de regueifa no que collen todos os valores que elas teñen na vida, que aplican creando pequenas illas de liberdade e de música; pois ao final non deixa de ser unha expresión musical moi particular e propia", razoa.
Manolo Maseda explica que apostaron por enfrontar as ‘dualidades’ polo que xuntaron a xente moza con persoas de idade, puxeron en relación o machismo que estaba asociado á regueifa antigamente co feminismo actual, pois xa non se entende a regueifa sen el; mostran o que pasa no norte e no sur, tamén nas tabernas e nos escenarios. "Sempre hai un pé e un contrapé e, dentro diso, un equilibrio. E o equilibrio é a poesía, que ao mesmo tempo tamén é unha dualidade porque é poesía por un lado e música por outro. Tratamos de mesturar todo iso e facer un bolo de pan", defende.
"O documental é como un convite a que a xente descubra un arte tan particular, que á parte engancha", di Saúl Rivas
Ollo a isto, porque regueifa é un bolo de pan, un baile que se facía nas vodas e, ao mesmo tempo, a xusta dialéctica entre dúas persoas. "Un termo tan polisémico, que ademais en Galicia está visto deste tantas ópticas, era un caramelo para facer un documental", celebra Maseda.
Rodaron moitísimas horas de material para despois configurar a peza final, que se estrea este sábado, 21 de febreiro, na sala Mozart do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela ás 12 horas, con entrada libre. Unha proxección acompañada do equipo do documental e dalgúns dos seus protagonistas.
"Creamos escenas poñendo a conversar a persoas que tiveran certa relación, e a través desas conversas fomos artellando o discurso do documental. Había tanto que contar que optamos por esta fórmula para que quen sexa alleo ao mundo da regueifa quede cunha idea máis ou menos ampla e concreta do fenómeno, e que é unha cousa viva e aberta a todo o mundo. O documental é como un convite a que a xente descubra un arte tan particular, que á parte engancha", conta Saúl Rivas.
"No momento no que unha persoa sobe a un palco e solta por esa boquiña os versos que lle pasaron polo hipotálamo, aí xa non hai filtro ningún", asegura Manolo Maseda
Na regueifa cabe todo, non hai cancelas temáticas. "É unha cantiga da rúa, non é de ninguén, no momento no que soltas un verso xa non é teu, non hai copyright. A regueifa non fica nun papel –pode facelo a posteriori para estudala– pero no momento no que unha persoa sobe a un palco e solta por esa boquiña os versos que lle pasaron polo hipotálamo, aí xa non hai filtro ningún", describe Manolo Maseda.
No documental tamén collen as melodías antigas e as reinterpretan con músicos como Antía Ameixeiras, Richi Casás e Manu Pairo. "A regueifa non existiría se non houbera musicalidade, e tampouco sen o espazo poético", conclúe Maseda, que insiste en que "a regueifa ten que brincar, transgredir as regras. Na regueifa o erro non penaliza, é parte da aprendizaxe".