O 1968 foi un ano clave na historia do século XX: París, Praga, México, Berkeley... foron escenario de mobilizacións sociais -protagonizadas pola mocidade- que buscaban mudalo todo. Tamén sucedeu en Santiago, xa no mes de marzo, a través dunha intensa mobilización estudantil en plena ditadura franquista
O maio do 68 empezou en Compostela. E empezou en marzo. O ano 1968 foi un ano clave na historia do século XX: París, Praga, México, Berkeley... foron escenario de mobilizacións sociais -protagonizadas pola mocidade- que buscaban mudalo todo. Tamén sucedeu en Santiago, xa no mes de marzo, a través dunha intensa mobilización estudantil en plena ditadura franquista que incluíu asembleas, peches en facultades, cargas policiais e que coincidiu coa aparición da canción protesta de Voces Ceibes.
Case 60 anos despois un proxecto convida a viaxar no tempo cara a esa Compostela de 1968. A iniciativa comeza cun roteiro organizado polo Concello de Santiago e realizado pola cooperativa Maos Innovación Social que a través de nove paradas en distintos lugares da cidade irá dando a coñecer como se desenvolveu aquela revolta estudantil, os efectos da protesta e a represión sufrida polos seus participantes, pero tamén amosará como era a vida cotiá neste tempo: os bares, as librarías...
Esta semana un roteiro con nove paradas percorrerá os escenarios da Compostela do ano 1968: os lugares clave na protesta estudantil, coma as facultades de Medicina e Historia, pero tamén os bares e a libraría de libros prohibidos
A inscrición é gratuíta a través da páxina Venceremos nós. Un paseo polo marzo do 68 compostelán, unha web que tamén inclúe detalladas explicacións que permiten realizar o paseo de forma autoguiada. Para os paseos guiados haberá catro pases: xoves 12 ás 19 horas, venres 13 ás 19 horas, e sábado 14 ás 12 e ás 16.30 horas, con saída sempre dende as Galerías Viacambre (rúa do Hórreo, 19).
O paseo ten paradas, por suposto, nas facultades de Xeografía e Historia e Medicina, e tamén no Instituto Masculino e na antiga sede do xornal El Correo Gallego. Pero tamén na libraría de Eduardo Hernández, alcumado O Xudeu, que vendía libros prohibidos "á clientela de confianza" e en varios bares: Viño, El Cosechero, Mezquita, Gaiola..., escenarios tamén da vida social do estudantado, o mesmo que o Buho Whiskey Club, que se atopaba nas actuais Galerías Viacambre onde comeza o roteiro.
Antes de maio, un audiovisual interactivo
O roteiro enmárcase dentro do proxecto Antes de maio, que inclúe o audiovisual interactivo do mesmo nome, realizado por Aqueladas e conta co apoio do Concello de Santiago
O roteiro enmárcase dentro do proxecto Antes de maio, que inclúe o audiovisual interactivo do mesmo nome, realizado por Aqueladas e conta co apoio do Concello de Santiago. Trátase dunha obra que mestura ficción e documental co formato dunha novela visual, un tipo de videoxogo sinxelo e narrativo. Antes de maio colócanos na pel de María, unha estudante de primeiro de matemáticas no curso 67-68, que terá que escoller como implicarse nas mobilizacións. A través de distintas eleccións o espectador poderá condicionar o desenvolvemento do relato, de xeito que pode acabar detida pola policía ou convertida en quebrafolgas.
A narración incorpora fragmentos de entrevistas realizadas durante o proceso de documentación, que funcionan como contrapunto e achegan testemuños reais: Camiño Noia, Carme Ríos, Manuela Corral, Elena López, Carlos Campoy e as irmás Susana e Marisol López Facal. Unha listaxe eminentemente feminina, xa que Antes de maio ofrece unha visión centrada na perspectiva das mulleres da época.
A obra presentarase cunha proxección interactiva o vindeiro martes 17 de marzo no Teatro Principal
A obra presentarase cunha proxección interactiva o vindeiro martes 17 de marzo, ás 20.30 horas no Teatro Principal de Compostela, con entrada libre ata completar aforo. O público deberá votar en tempo real co móbil, decidindo en común o devir do relato. Ademais, a iniciativa percorrerá varios centros de ensino da cidade, para achegar ao alumnado este episodio histórico. O proxecto recibiu o Premio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social da Deputación da Coruña.
O maio que comezou en marzo, e en Compostela
Houbo asembleas, peches en facultades, cargas policiais e e unha importante represión. Ademais, as protestas coincidiron coa aparición da canción protesta de Voces Ceibes, que ofreceu o seu primeiro concerto en abril na Facultade de Medicina
En realidade, a axitación naquela Compostela de hai case 60 anos comezara xa a finais de 1967. En novembro celebráranse eleccións estudantís na Universidade, con vitoria do Sindicato Democrático Libre, que dinamizou con numerosas actividades a vida universitaria. Porén, dende o inicio atopou moitos obstáculos impostos polas autoridades universitarias, coma o decano da Facultade de Ciencias, Joaquín Ocón. O 24 de decembro varios estudantes foron detidos e postos á disposición do TOP. E o 15 de xaneiro de 1968 comezou unha folga estudantil e a finais de mes tivo lugar unha manifestación que incluíu a queima de exemplares de El Correo Gallego.
Houbo tamén folgas obreiras en Vigo e cortes de tráfico e enfrontamentos coa policía en Compostela, que se saldaron con novas detencións de estudantes. A prensa local dedicoulles un editorial que sentenciaba "a Universidade ten que ser depurada desta inmunda escoria". Desa frase tira Ricardo Gurriarán o título do libro que publicou en Xerais e que constitúe a mellor crónica do que suceden neses meses en Compostela.
Cantábase o Venceremos nós, o himno de Joan Baez (We shall overcome) que fora traducido ao galego por Xosé Luís Franco Grande, e que se converteu no símbolo das mobilización
En marzo as protestas intensificáronse. Xa o 6 de marzo hai unha masiva asemblea que interrompe o decano Ocón, que tenta levar á comisaría a catro dos delegados. O 9 de marzo os e as estudantes iniciaron un peche de tres días no reitorado, situado na actual Facultade de Xeografía e Historia, esixindo a destitución de Ocón, considerado o principal instigador da represión contra o estudantado. Cóntase que ese día é a primeira vez que se canta o Venceremos nós, o himno de Joan Baez (We shall overcome) que fora traducido ao galego por Xosé Luís Franco Grande, e que se converteu no símbolo das mobilización.
Nos días seguintes organizáronse asembleas, con participación multitudinaria. Porén, tamén recruou a represión: sete alumnos foron expulsados e outros seis perderon a matrícula e as cargas policiais enviaron ducias de feridos ao hospital, ao tempo que oito estudantes ingresaron no cárcere da Coruña.
O 26 de abril chegou o concerto inaugural de Voces Ceibes na Facultade de Medicina. Apenas uns días antes da celebración do 1º de maio, que serviu para poñer de relevo a unión de estudantado e obreiros na súa protesta contra a ditadura. cos estudantes repartindo propaganda obreira "baixo moito control e vixilancia policial", segundo apunta Ricardo Gurriarán. A mobilización comezara a decaer en abril, pero en maio viu conseguidos varios dos seus obxectivos, coa marcha de Ocón e a anulación de boa parte das sancións impostas.