Morre Benedicto, a voz que cantou á liberdade

Homenaxe a Benedicto, no ano 2014 no Teatro Principal de Compostela © AJA Galiza

Benedicto García Villar finou esta noite en Compostela aos 71 anos de idade, acompañado pola súa muller, Maite, e a súa filla, Minia. Mestre e sindicalista, ademais de cantautor, foi membro fundador do colectivo Voces Ceibes en 1968. Dende había anos sufría a enfermidade de Huntington. Nos últimos anos recibiu varias homenaxes, coma a que tivo lugar en 2014 no Teatro Principal, na que participaron un gran número de cantantes de Galicia e Portugal. A despedida a Benedicto terá lugar este martes ás 19 horas no tanatorio municipal de Boisaca, onde será incinerado tras unha cerimonia civil.

Conta Xesús Alonso Montero que o verdadeiro inicio de Voces Ceibes tivo lugar na taberna El Cosechero, da Rúa Nova de Santiago de Compostela nunha actuación semiclandestina na que Benedicto cantou o poema de Celso Emilio Ferreiro Carta a Fuco Buxán. "Fuco Buxán, non sintes que na Iberia feden a podre os homes e as paisaxes", dicía a canción, que foi tamén unha das máis recordadas no recital que uns días despois (o 26 de abril de 1968) ofreceron no Paraninfo da Facultade de Medicina Xerardo Moscoso, Vicente Araguas, Guillermo Rojo e o propio Benedicto, e que oficialmente inaugurou este movemento de canción de denuncia social. Aquel día, no medio das protestas estudantís contra o Reitor da USC, o público que asistiu ao concerto abandonou o lugar cantando o "Venceremos Nós" que fora adaptado ao galego dende o orixinal We Shall Overcome que naquel 1968 se cantaba en cidades de medio mundo. E Benedicto facía elevar a temperatura e a rabia daquela xeración ao son de versos como "loitemos, loitemos, que a lúa segue brilando"

A morte de Benedicto chega pouco despois de conmemorarse o 50 aniversario daqueles feitos, daquel maio de 1968 que en Compostela foi en abril e anticipouse aos sinalado feitos que tiveron lugar en París. En xullo foi detido en Pontevedra (nunha actuación no Silos Club) por cantar "Carta a Fuco Buxán". Nese momento dous policías perdíronlle que parase de cantar, aínda que Benedicto optou por rematar a canción e informar ao público da situación; os dous axentes entraron no escenario e detivérono, levándoo a unha cela onde o cantautor pasou a noite. Recibiu ademais unha multa "por interpretar canciones prohibidas y dirigir frases subversivas a los asistentes".

Nos anos seguintes o cantautor compostelán afianzou o seu compromiso político. Nese mesmo ano 1968 editou o seu primeiro single, composto por catro cancións: "Eu son a voz do pobo" e "No Vietnam" –con letra de Lois Diéguez–, "Un home" e "O arte de amar" –sobre un texto de Emilio Gregorio Fernández–.  En 1977, Benedicto gravóu o seu primer LP, titulado Pola union, un disco ilustrado por un retrato realizado por Xoxé Luis de Dios. En 1979 publicou Os nomes das cousas.

Antes, Benedicto trabou amizade con José Afonso, que a instancias do cantautor galego actuou en maio de 1972 en Compostela, onde estreou o seu "Grândola, vila morena", un concerto que se pode escoitar neste enlace. Nos anos seguintes José Afonso e Benedicto actuarían xuntos en numerosas ocasións. Froito desta relación foi a coincidencia da canción "Nosa Señora da Guía" (no disco Pola Unión de Benedicto) e a canción "Chula da Póvoa" (do disco Com as minhas tamanquinhas de José Afonso) que en realidade son dúas versións da mesma canción raiana, que ambos coñecerían xuntos nunhas vacacións.

Tamén foi moi sinalado o concerto que ofreceu o 25 de xuño de 1976 xunto a Bibiano no pavillón de deportes da Coruña. Era unha homenaxe a Santiago Álvarez, secretario xeral do PCG e preso en Carabanchel xunto a Santiago Carrillo e outros líderes comunistas. A gravación do recital foi de inmediato editada clandestinamente en cassette polas Xuventudes Comunistas co título Homenaxe a Santiago Álvarez, e recuperada anos máis tarde noutras dúas edicións. Ao cantar o tema "Can de Palleiro" o "está caendo toda a túa dentadura" (cantada polo público como ditadura) conseguía eludir a aínda moi presente censura (Franco morrera apenas seis meses antes) pero elevou os berros do público que enchía o recinto. 

Nun texto que o propio Benedicto escribiu no ano 2001 relatando a súa participación no movemento de canción protesta, o cantautor concluíu: "Os máis novos que, sen saber moi ben como, descubran un interés nisto, que saiban que os que participamos nesta gran aventura non o fixemos atándonos a nada nin a ninguén. Limitámonos a ser 'dun tempo e dun país'".

 

Mestre e sindicalista

Benedicto nunca abandonou completamente o mundo da música, formando en 1996 a Orchestra Valdeorras, na que tamén participaban Ricardo Gurriarán, Pepe Paraños, Marcos Teira, José Garea e Tino Grandio, e que publicou un divertido disco titulado "Maniotas nas améndoas". Porén, nese tempo Benedicto García Villar estivo máis dedicado ao seu labor como mestre e como sindicalista, un compromiso que sempre mantivo. Benedicto axudou a crear o Sindicato Galego da Música (SGM), aglutinante para a defensa dos intereses do conxunto de profesionais da música "fronte ás mafias do sindicato vertical e os seus sucedáneos", segundo destaca este luns Xan María Castro, ex secretario xeral de CCOO-Galicia e na actualidade presidente da Fundación 10 de Marzo. Benedicto foi clave na estruturación desta formación sindical e tamén na decisión de que o SGM se integrara no Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

"Os que participamos nesta gran aventura non o fixemos atándonos a nada nin a ninguén. Limitámonos a ser dun tempo e dun país"

Ademais, a partir da súa incorporación ao traballo como mestre, compaxinou a actividade profesional na docencia cun intenso activismo sindical na Federación do Ensino de CCOO a partir de 1985. En 1988 entrou a formar parte da dirección do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, na que ocupou diversas responsabilidades, como secretario de Política Institucional, de Información e Publicacións, así como a Coordinación da Área Pública do Sindicato.

Xan María Castro salienta igualemente que Benedicto foi unha "persoa clave" na normalización do uso do idioma galego no sindicato e tamén na súa modernización a través das áreas institucional ou de publicacións. Así mesmo, Emilio Crespo, antigo secretario xeral de CCOO-Ensino e membro da F10M, lembra que Benedicto foi un dos "máis importantes impulsores" da Fundación, creada poucos meses antes do vixésimo aniversario dos acontecementos do 10 de marzo de 1972 "co obxectivo de achegar unha sede de coñecemento da memoria histórica e de arquivismo da historia sindical".

 

Homenaxes

Nos últimos anos Benedicto comezou a ser obxecto de homenaxes por parte de compañeiros e compañeiras de profesión, de militancia sindical e tamén do mundo da música. No 2008 publicou unha autobiografía titulada Sonata de amigos (Xerais) e no ano 2014 recibiu un tributo no Teatro Principal de Compostela, precedido da publicación ed Benedicto. Polo mar da liberdade, un libro colectivo editados pola Fundación 10 de marzo.

A despedida a Benedicto terá lugar este martes ás 19 horas no tanatorio municipal de Boisaca

Naquel concerto participaron os portugueses João Afonso, Fanhais e Freire, ademais de Miro Casabella, Antón Seoane, Uxía Senlle, Narf e a propia Orquestra Valdeorras. Aquela noite cantáronse algúns dos seus temas máis coñecidos, dende No Vietnam a Can de Palleiro, finalizando cunha sentida homenaxe e recoñecemento a Benedicto. En 2015 fíxoselle outra homenaxe na Illa de Arousa, Unha aperta a Benedicto dende a Arousa, debido á gran relación que sempre tivo con este lugar, coa actuación da Orchestra Valdeorras, María Manuela, Couple Coffe, Narf, Uxía e conducido por Carlos Blanco.

Actuación de 'Zeca' Afonso con Benedicto en Compostela Dominio Público Praza Pública
Portada do seu primeiro disco, 'Benedicto', publicado en 1968 Dominio Público Praza Pública
Portada de 'Os nomes das cousas' (1979) Dominio Público Praza Pública
Portada de 'Pola Unión' (1977) Dominio Público Praza Pública
Benedicto fala con Raimon, con Miro Casabella en primeiro plano, no Festival dos Pobos Ibéricos de 1976 Dominio Público Praza Pública
Homenaxe a Benedicto, no ano 2014 no Teatro Principal de Compostela © AJA Galiza
Homenaxe a Benedicto no ano 2014 no Teatro Principal de Compostela © AJA Galiza
Benedicto García Villar © www.cancioncontodos.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.