Baixo o título 'Compostela’75. Cicatrices e resistencias', os vindeiros 18 e 19 de decembro haberá dous paseos guiados, con prazas limitadas, que retratan a cidade de 1975 nunha sociedade en plena transformación
O ano 1975 foi o inicio de grandes cambios. A morte do ditador abriu o camiño para o regreso da democracia. Pero a sociedade levaba xa tempo en transformación, sobre todo nas cidades e de forma especial nunha urbe universitaria como Santiago de Compostela. O proxecto Compostela en conflito chega á súa terceira edición, e desta vez busca retratar como era a capital de Galicia en 1975. Faino cun paseo guiado pola zona nova da cidade, froito dos cambios que estaban a producirse neses anos e coñecida popularmente na época como o Estreche compostelán.
As dúas sesións guiadas deste roteiro terán lugar os días 17 e 18 de decembro ás 18.30 h e para participar cómpre inscribirse previamente enviando un correo a compostelaenconflito@maos.gal
Durante o paseo, que terá unha duración aproximada de unha hora e media, percorreranse diferentes puntos neurálxicos e de interese relacionados cos acontecementos máis relevantes e conflitivos que se viviron na cidade hai 50 anos.
A derruba do edificio Castromil, o despedimento dos psiquiatras reformistas de Conxo ou o asasinato de Xosé Humberto Baena, que impacta no ámbito universitario, entre os temas incluídos
Afondarase na historia dese ano, tanto desde unha perspectiva social da vida cotiá como do impacto político da morte do ditador. Un dos elementos que se inclúen na visita é a derruba do edificio Castromil para construír un aparcadoiro subterráneo e unha nova praza. Ademais, falarase do despedimento dos psiquiatras reformistas de Conxo para introducir a médicos conservadores ou do asasinato de Xosé Humberto Baena, que impacta especialmente no mobilizado ámbito universitario.
Para complementar este paseo, entregarase un fanzine sobre a Compostela de 1975 a todas as persoas asistentes
Para complementar este paseo, entregarase un fanzine sobre a Compostela de 1975 a todas as persoas asistentes, que detalla unha cronoloxía narrada dos principais fitos dese ano, que dá boa mostra dun cambio de época marcado polo impulso da sociedade civil. Poderase conseguir tamén o fanzine na Biblioteca Ánxel Casal, na Casa Xohana Torres e nos centros socioculturais de Maruxa e Coralia, a Trisca, Vite e O Ensanche a partir do día 22 deste mes.
Compostela en conflito é un proxecto que nace co obxectivo de fomentar o coñecemento sobre os movementos sociais ao longo do tempo na cidade a través de diferentes momentos históricos conflitivos e promover o pensamento crítico
Compostela en conflito é un proxecto que nace co obxectivo de fomentar o coñecemento sobre os movementos sociais ao longo do tempo na cidade a través de diferentes momentos históricos conflitivos e promover o pensamento crítico. Na primeira edición falouse da Inquisición na cidade e o ano pasado o tema principal foi a misoxinia baixo o título de Mulleres do demo.
Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña e está ideada e desenvolvida pola xornalista e escritora Marga Tojo, a traballadora social, sexóloga e fotógrafa Verónica Ramilo, o editor e investigador Xosé Antón Serén e a cooperativa de xestión cultural Maos Innovación Social.