Mariña Fernández, filla do escritor, foi a encargada de descubrir a placa nun acto celebrado polo Concello de Vilalba en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), que inaugurou tamén a iniciativa Miradas sobre Agustín 2026-2027
A biblioteca pública de Vilalba leva dende este venres o nome de Agustín Fernández Paz. Dificilmente se podía atopar na vila lucense un mellor espazo ao que poñer o nome do escritor e mestre, finado hai unha década en Vigo e nacido en 1947 na capital da Terra Chá -"o seu centro do mundo, o escenario dunha infancia feliz", en palabras de Manuel Bragado e Isabel Soto.
Mariña Fernández, filla do escritor, foi a encargada de descubrir a placa nun acto celebrado polo Concello de Vilalba en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), que inaugurou tamén a iniciativa Miradas sobre Agustín 2026-2027 e reivindicou o seu legado de cara ás Letras Galegas de 2028.
O escritor Paco Martín leu un manifesto a prol do recoñecemento da traxectoria de Agustín Fernández Paz coas Letras Galegas de 2028
O acto, que supón un recoñecemento público á figura do escritor e á súa vinculación con Vilalba, foi especialmente emotivo e reuniu representantes municipais, persoas vencelladas á cultura e veciñanza arredor da memoria e do legado dun dos autores máis importantes da literatura galega.
A homenaxe esténdese tamén á nova aula Agustín Fernández Paz, habilitada desde o pasado mes de maio no primeiro andar da biblioteca, nun espazo renovado que inclúe a sala de estudos. A aula terá carácter expositivo e divulgativo e permitirá dar a coñecer parte dos fondos persoais que a familia do escritor doou ao Concello, unha vez completado o proceso de catalogación necesario para a súa exposición e posta en valor.
Este venres tivo lugar tamén o acto inaugural da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, promovida polo IESCHA para divulgar as distintas facetas do escritor
A alcaldesa, Marta Rouco, e outros representantes da corporación municipal acompañaron a familia de Agustín e o Instituto de Estudos Chairegos nesta xornada. A rexedora destacou o significado deste momento para o municipio: “foi unha tarde chea de sentimento, na que sentimos moi de preto o que Agustín significa para Vilalba. É unha honra que a biblioteca municipal leve o seu nome e que este recoñecemento contribúa a manter viva a súa memoria e a achegar a súa obra ás novas xeracións”.
Este venres tivo lugar tamén o acto inaugural da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, promovida polo IESCHA para divulgar as distintas facetas do escritor e impulsar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. De feito, no acto o escritor Paco Martín leu un manifesto a prol do recoñecemento da traxectoria de Agustín Fernández Paz coas Letras Galegas de 2028.
"Agustín forma parte da nosa historia e da nosa identidade. Iniciativas coma esta permítennos coñecer mellor a súa obra e o seu compromiso, e axúdannos a que siga presente na vida de Vilalba”, afirmou a alcaldesa Marta Rouco
Tras a presentación da iniciativa Miradas sobre Agustín 2026-2027 por parte da presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, Isabel Soto repasou cronoloxicamente a traxectoria vital e literaria de Agustín Fernández Paz, afondando na súa vinculación coa identidade galega, coa sociedade do seu tempo e co compromiso coa lingua e coa terra de nacenza. A charla permitiu reconstruír diferentes etapas da súa vida e comprender o contexto no que desenvolveu unha obra que deixou unha fonda pegada na literatura e na educación.
Finalmente, a alcaldesa agradeceu ao IESCHA o seu traballo continuado para divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura. “Agustín forma parte da nosa historia e da nosa identidade. Iniciativas coma esta permítennos coñecer mellor a súa obra e o seu compromiso, e axúdannos a que siga presente na vida de Vilalba”, afirmou Marta Rouco.