“Contigo, Agustín, somos nación”. Na homenaxe que Agustín Fernández Paz recibiu en 2012 en Vigo, Xabier P. DoCampo dedicoulle estas palabras, que buscaban resumir o inmenso cariño e respecto que xeraba en todos os ámbitos. "Queremos moito a Agustín, é parte fundamental de nós. Queremos moito a Agustín porque sempre está en posición de escoitar e querémolo moito pola súa capacidade desmesurada de esforzo e compromiso”, engadía Manuel Bragado.
Agustín Fernández Paz faleceu ás 7 horas deste martes na súa casa, en Vigo, aos 69 anos de idade. É posiblemente o autor galego máis lido e traducido (a todas as linguas ibéricas, ademais de coreano, árabe, francés, chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés), e seguramente un dos máis prolíficos: déixanos máis de medio cento de obras dirixidas ao público infantil e xuvenil, ademais doutras tres novelas (para público adulto) e unha traxectoria de colaboración incansable con múltiples iniciativas sociais.
Nacido en Vilalba en 1947, foi Perito Industrial Mecánico antes de licenciarse en Ciencias da Educación. Traballou como profesor de EXB en diferentes centros escolares, ata chegar ao IES Os Rosais 2, de Vigo, onde impartiu Lingua e Literatura Galegas. Desde mediados dos anos setenta estivo ligado aos movementos de renovación pedagóxica. Foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa da Consellería de Educación, formando parte do equipo de Lingua que preparou os deseños curriculares para as etapas de Primaria e Secundaria.
"Queremos moito a Agustín, é parte fundamental de nós. Queremos moito a Agustín porque sempre está en posición de escoitar e querémolo moito pola súa capacidade desmesurada de esforzo e compromiso"
Cómpre destacar, ademais, o seu traballo coa editorial Xerais, desde o proxecto pedagóxico –ligado aos libros de texto e á asesoría didáctica– ata ao asesoramento literario e á dirección e coordinación da colección Merlín. Igualmente, débese salientar a súa actividade en Prolingua e os seus posicionamentos e traballo a prol da lingua galega. En 2012 elaborou o manifesto Voares de esperanza, co que se pechou a manifestación de Queremos Galego, que remataba así: “Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une”. Non podemos esquecer, finalmente, a súa afección polos cómics e a súa relación co mundo da banda deseñada. De feito, polo conxunto dos seus escritos sobre cómics concedéuselle en 1992 o Premio Ourense de BD.
Fernández Paz continuou engordando esa vizosa produción nos últimos tempos, editando en 2015 A neve interminable e O segredo da Illa Negra. E en 2014 a novela para adultos A Viaxe de Gagarin, sobre a que Alberto Ramos conversou con el nesta entrevista. Aínda que os seus libros apareceron en coleccións dirixidas á mocidade, adoitaba insistir en que escribía as súas historias coa intención de que tamén lles interesasen ás persoas adultas, embarcado nun traballo para conseguir un status digno para a literatura infantil e xuvenil.
Nas últimas décadas o autor foi xa recollendo todo canto premio e recoñecemento podía recibir, tanto no ámbito máis estritamente literario, coma no cultural e social: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Premio Merlín, Premio Lazarillo, Premio The White Ravens, Premio Ánxel Casal. Premio da Crítica, Premio da AELG, a presenza na Lista de Honra do IBBY... E tamén o Premio Ramón Piñeiro Facer País, o Premio Trasalba, ou o nomeamento como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo.
Aquela homenaxe en Vigo de 2012, na que se fixo fincapé en que -por unha vez- se rendía en vida unha merecida homenaxe ("Gústannos máis os prantos que os aloumiños", dicía Rosa Aneiros), rematou con Fernández Paz destacando que “vivimos tempos difíciles, nos que a listaxe de ataques medra cada día. Tempos duros si, pero aquí estamos coa seguridade de que non nos han dobrar. Como diría Manu Chao: Próxima estación esperanza”. Palabras que remataron cunha enorme ovación e unha fervenza interminable de aplausos.