Dez anos sen Agustín: o mestre, o activista, o "piar da literatura galega"

Agustín Fernández Paz © Francisco Vilabarros

O 12 de xullo de 2016, hai case dez anos, falecía en Vigo Agustín Fernández Paz, unha das mortes máis choradas na cultura galega. O Consello da Cultura Galega vén de publicar a entrada dedicada ao mestre e escritor no Álbum de Galicia, un texto de Manuel Bragado e Isabel Soto

O 12 de xullo do ano 2016 falecía en Vigo Agustín Fernández Paz aos 69 anos de idade por mor dun cancro que sufrira durante os sete anos anteriores. Foi unha das mortes máis choradas na cultura galega. Mestre durante décadas -na Coruña, Gernika, Mugardos, Vigo...-, traballou activamente nos movementos de renovación pedagóxica e militou na defensa da lingua. E escribiu. As súas preto de medio cento de obras dirixidas ao público infantil e xuvenil, ademais doutras tres novelas (para público adulto) convertérono nun dos autores máis prolíficos da literatura galega e posiblemente o máis traducido a outras linguas. Referente para varias xeracións de lectores e lectoras e de autores e autoras.

Co gallo do seu décimo cabodano, o Consello da Cultura Galega publicou o pasado venres 29 a entrada dedicada a Agustín Fernández Paz no Álbum de Galicia, un texto realizado por Manuel Bragado e Isabel Soto no que o definen como “escritor, mestre, activista, piar da literatura infantil e xuvenil galega”.

No texto, Bragado e Soto percorren a vida e a traxectoria de Fernández Paz dende o seu nacemento en Vilalba ("o seu centro do mundo, o escenario dunha infancia feliz"), nunha familia na que o seu pai carpinteiro e trompetista da Orquesta Mato, lle transmitiu "o vicio da lectura". Tamén a súa formación primeiro en Xixón (perito e torneiro industrial) e despois en Barcelona e A Coruña (xa dirixido cara ás Ciencias da Educación e o Ensino).

Agustín Fernández Paz, durante a homenaxe que se lle tributou en 2012 CC-BY A. R.

Nos seus anos de ensino "pon en práctica iniciativas innovadoras, chegando a recoñecer que rozou a utopía soñada

Despois de dous anos dando clase en Gernika é destinado a Mugardos, onde pasa 14 anos e vive un "tempo de entusiasmo educativo" pois "pon en práctica iniciativas innovadoras, chegando a recoñecer que rozou a utopía soñada". Tralo seu pasamento a comarca de Ferrolterra tributoulle unha homenaxe ao que fora o seu veciño durante tantos anos. A partir de 1992 e ata a súa xubilación dá clases en centros de Vigo, a cidade que tamén acabou sendo a súa ata o seu falecemento hai unha década.

Non comezou a publicar ata o ano 1989 (A cidade dos desexos). As primeiras obras e os éxitos obtidos animárono a continuar escribindo, integrado na chamada Xeración Lamote e convertido en referente para varias xeracións de lectores e lectoras e de autores e autoras

Agustín sempre escribira, pero non comezou a publicar ata o ano 1989 (A cidade dos desexos). As primeiras obras e os éxitos obtidos anímano a continuar escribindo, de maneira que se integra como creador e con brillantez nas filas da que chamamos Xeración Lamote, que compartiu con Paco Martín e Xabier P. DoCampo, que xa tiñan publicados libros importantes.

A partir de aí xa nunca abandonou a escrita, cunha produción moi intensa que lle valeu o recoñecemento xeral e unha morea de premios e distincións: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Premio Merlín, Premio Lazarillo, Premio The White Ravens, Premio Ánxel Casal. Premio da Crítica, Premio da AELG, a presenza na Lista de Honra do IBBY... 

Agustín Fernández Paz le o manifesto de Queremos Galego nunha manifestación o 17 de maio © Susete

Como destacan Manuel Bragado e Isabel Soto no texto, Agustín Fernández Paz foi "despedido nun multitudinario acto cívico no que o seu cadaleito foi cuberto coa bandeira galega"

Entrementres, traballou activamente en movementos de renovación pedagóxica. Foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa da Consellería de Educación. Tamén traballou coa editorial Xerais, desde o proxecto pedagóxico ata ao asesoramento literario e á dirección e coordinación da colección Merlín. 

E, igualmente, militou activamente na defensa da lingua, en entidades como Prolingua, creada en 2012. Nos seus últimos anos destacou pola súa oposición aos recortes de dereitos lingüísticos decididos polo primeiro executivo de Alberto Núñez Feijóo. En 2010, por exemplo, rexeitou por este motivo o Premio da Cultura Galega das Letras, entregado pola Xunta.

Galicia perdeu "non só un escritor excepcional e popular senón un referente ético de primeira magnitude", sinalou Xerais na súa despedida

Como destacan Manuel Bragado e Isabel Soto no texto, Agustín Fernández Paz foi "despedido nun multitudinario acto cívico no que o seu cadaleito foi cuberto coa bandeira galega". O seu corpo foi incinerado e os seus restos trasladados a Vilalba. Con Agustín Fernández Paz, Galicia perdeu "non só un escritor excepcional e popular senón un referente ético de primeira magnitude", sinalou Xerais na súa despedida.

O seu pasamento foi seguido por un ronsel de homenaxes que, en realidade, xa comezara nos anos previos como, por exemplo, o que recibiu en 2012 en Vigo, no que Xabier P. DoCampo lle dedicou estas palabras: “Contigo, Agustín, somos nación”, engadidas por estoutras de Manuel Bragado: "Queremos moito a Agustín porque sempre está en posición de escoitar e querémolo moito pola súa capacidade desmesurada de esforzo e compromiso”.

Agustín Fernández Paz CC-BY-SA Santos-Díez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.