Texto publicado no número 242 de Grial
Hai trinta e cinco anos que, nunha comida na Taberna A Poda, en Santiago de Compostela, David Otero, María Victoria Moreno, Fabricio Caivano, Victoria Rodríguez e Francisco Mantecón decidiron que era boa idea artellar unha entidade sen ánimo de lucro que dedicase os seus esforzos a dar visibilidade e fomentar a cultura e a lingua galega a través da literatura infantil e xuvenil
Hai trinta e cinco anos que, nunha comida na Taberna A Poda, en Santiago de Compostela, David Otero, María Victoria Moreno, Fabricio Caivano, Victoria Rodríguez e Francisco Mantecón (cómpre deixar constancia neste artigo de que el creou, de xeito desinteresado, o logo de GÁLIX), decidiron que era boa idea artellar unha entidade sen ánimo de lucro que dedicase os seus esforzos a dar visibilidade e fomentar a cultura e a lingua galega a través da literatura infantil e xuvenil.
Para ese labor pensaron que debían implicar a escritores/as, tradutores/as, ilustradores/as, investigadores/as, críticos/as, bibliotecarios/as, docentes, editoriais, librarías… É dicir, persoas e entidades relacionadas co mundo do libro. Os teléfonos fixos movéronse e María Xesús Fernández, Paco Martín, Xesús Franco, Miguel Vázquez Freire, Pilar Sampil, Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz (que pronunciaría a primeira conferencia sobre Literatura Infantil e Xuvenil organizada por GÁLIX o 15 de xuño 1989), entre outras persoas, responderon á chamada.
A primeira directiva estaba formada por: presidente: David Otero, vicepresidentes: María Victoria Moreno e Xosé Lastra Muruais, secretaria: Pilar Sampil, tesoureiro: Xulio Cobas Brenlla, vogais: Xesús Franco, Manolo Uhía, Miguel Vázquez Freire, Carme Hermida Gulias e María Xesús Fernández
A asociación foi presentada o día 6 de abril no Instituto da Lingua Galega nunha rolda de prensa e posterior coloquio a cargo de Paco Martín. A primeira directiva estaba formada por: presidente: David Otero, vicepresidentes: María Victoria Moreno e Xosé Lastra Muruais, secretaria: Pilar Sampil, tesoureiro: Xulio Cobas Brenlla, vogais: Xesús Franco, Manolo Uhía, Miguel Vázquez Freire, Carme Hermida Gulias e María Xesús Fernández. (Para un traballo posterior, relacionado coa memoria do noso país, queda o labor de trazar cada unha das directivas que tivo GÁLIX durante a súa existencia).
Hoxe, a necesidade dunha entidade como GÁLIX pode parecer algo obvio dada importancia que adquiriu a literatura dirixida a este sector de público e o seu valor estratéxico, tanto económico como no relacionado coa formación do lectorado e fomento da lingua. Importancia que analizaremos.
Sempre se nomea a publicación de A galiña azul, de Carlos Casares, publicada en 1968 por Editorial Galaxia na colección Tartaruga, como unha das primeiras obras dirixidas ao público miúdo, xunto con Os soños na gaiola de Manuel María, nese mesmo ano
En canto ao contexto previo ao nacemento de GÁLIX, nos anos sesenta e setenta a oferta de libros deste ámbito era escasa. Sempre se nomea a publicación de A galiña azul, de Carlos Casares, gañadora do I Premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho en 1968, e publicada nese ano por Editorial Galaxia na colección Tartaruga, como unha das primeiras obras dirixidas ao público miúdo, xunto con Os soños na gaiola de Manuel María, nese mesmo ano.
Respecto a Carlos Casares, escribe Pilar Sampedro, no número 75 da Eduga. Revista Galega do Ensino, e co que concordo: “El era consciente das necesidades da nosa literatura para a infancia e a xuventude e actuou en consecuencia, tanto no seu rol de autor coma de editor”.
En 1971 publícanse Cartas a lelo, O cabaliño de buxo e Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, ilustrados por Seoane, e en 1975, publica, con Anisia Miranda, Cantarolas e contos para xente miúda. Mar adiante de María Victoria Moreno, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Casares, con ilustracións de Luís Seoane (Premio O Facho de teatro infantil), saen en 1973. Destaco tamén, no eido da tradución de Carlos Casares, de O principiño, publicada da man de Galaxia en 1972.
Nos anos 80 prodúcese a presenza da lingua galega en todos os niveis do ensino, cando menos como materia, que implica ter a primeira xeración de nenos e nenas galegas que cunha certa escolarización en galego, o que serviu para ampliar o campo de posibles lectores no noso idioma
En resumo, unha oferta cativa de libros dirixidos ao público máis novo. Pero, dende o punto de vista da demanda, cal era a situación naquel tempo? Hai un factor que se debe considerar pola súa importante influencia na demanda: o contexto sociolingüístico do momento, que foi analizado por Agustín Fernández Paz en A literatura infantil e xuvenil en Galicia (Edicións Xerais, 1999):
Existencia dunha poboación en idade adulta que entendía e falaba o galego pero non lían porque eran persoas que non foran alfabetizadas en galego. Canda ela, un público potencial sen posibilidade de aprender a usar a lingua na escola. E con todo o anterior, a presenza dun contexto diglósico no que existen prexuízos lingüísticos. Isto provoca que non exista demanda, ou sexa moi cativa. As tiradas serán curtas e de difícil distribución.
Danse varios factores nos anos seguintes que favorecen o desenvolvemento da nosa LIX: por unha banda, prodúcense cambios lexislativos positivos con respecto ao galego, pois en 1979 apróbase o Real Decreto 1981/1979, de 20 de xullo, polo que se regula a incorporación do galego ao sistema educativo en Galicia, e, en 1983 apróbase a Lei de normalización lingüística.
Non podemos esquecer que en 1986 Paco Martín obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Das cousas de Ramón Lamote, coa repercusión implícita que acadou para a literatura en galego
Con estas normas prodúcese a presenza da lingua galega en todos os niveis do ensino, cando menos como materia, que implica ter a primeira xeración de nenos e nenas galegas que cunha certa escolarización en galego, o que serviu para ampliar o campo de posibles lectores no noso idioma. En palabras do propio Agustín: “Existe unha estreita relación entre a normalización social da lingua e o desenvolvemento da literatura infantil”, ao que se suma a creación da Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI) en 1982, da Radio Televisión de Galicia en 1985 e de editoriais que xogarán un papel moi importante nos vindeiros anos, como Edicións Xerais de Galicia, fundada en 1979, que en 1983 lanzou a colección Xabarín, que puxo a disposición de rapaces coma min os clásicos da literatura universal en galego. Deste tempo tamén é o selo editorial Sotelo Blanco, e en 1988 xorden coleccións que perduran ata hoxe, como Árbore, de Editorial Galaxia, e Merlín, de Edicións Xerais.
Non podemos esquecer que en 1986 Paco Martín obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Das cousas de Ramón Lamote, coa repercusión implícita que acadou para a literatura en galego. Tampouco podemos esquecer a denominada por Manuel Bragado “xeración Lamote”, da que forma parte o propio Paco Martín, Xabier P. Docampo (Premio Nacional LIX en 1995), Fina Casalderrey (Premio Nacional LIX en 1996), Agustín Fernández Paz (Premio Nacional LIX en 2008) e Xavier Senín (Premio Nacional de tradución 2020), entre outros. Moito lles debemos, persoas comprometidas co idioma, a docencia, o país. “Escritores e militantes do idioma”, en palabras de Bragado.
Todo isto vai consolidando un tecido ao redor da LIX galega polo lado da oferta e da demanda. O mercado da LIX galega está nacendo, que se asenta con aquela xuntanza de amigos, en Santiago, de 1989, onde se decide crear a Asociación Galega del Libro Infantil e Xuvenil GÁLIX, que sería, e segue sendo, a sección galega da OEPLI.
Na década seguinte o crecemento da nosa LIX é continuo, e aparecen coleccións dirixidas ao público xuvenil, como Fóra de Xogo (Xerais, 1994) e Costa Oeste (Galaxia, 1998) e Galicia pasa a ter unha ampla oferta de títulos con numerosos creadores e creadoras, na escrita e na ilustración, con premios e recoñecementos múltiples
Na década seguinte o crecemento da nosa LIX é continuo, e aparecen coleccións dirixidas ao público xuvenil, como Fóra de Xogo (Xerais, 1994) e Costa Oeste (Galaxia, 1998) e Galicia pasa a ter unha ampla oferta de títulos con numerosos creadores e creadoras, na escrita e na ilustración, con premios e recoñecementos múltiples, sendo tamén importante o labor que realizan entidades como GÁLIX, dando a coñecer a creación galega e participando a través da OEPLI e o IBBY (International Board on Books for Young) nos Premios Lazarillo e nos Premios Nacionais, e organizando encontros e sumando a persoas de diferente procedencia dentro do mundo do libro.
O sector vai adquirindo unha importancia económica e a súa oferta increméntase coa chegada de editoriais como Edicións do Cumio (1988), Baía Edicións (1990), Kalandraka (1998), OQO (2005) e Patas de Peixe (2008), entre outras, ampliando a oferta de álbum ilustrado, que co tempo representará unha cota salientable dentro do mercado do libro. De feito, ós e ás ilustradoras débeselles unha parte importante do éxito e da difusión que está tendo a nosa literatura infantil.
Dando un salto cara ás dúas primeiras décadas do século XXI, foi un factor relevante a aparición de novas voces, sobre todo de mulleres, que contribuíron con traballos de calidade dende a banda deseñada, o álbum e libro ilustrado
Dando un salto cara ás dúas primeiras décadas do século XXI, foi un factor relevante a aparición de novas voces, sobre todo de mulleres, que contribuíron con traballos de calidade dende a banda deseñada, o álbum e libro ilustrado, e debemos reparar na análise realizada por Blanca-Ana Roig Rechou para o primeiro lustro en A literatura infantil e xuvenil galega no século XXI. Seis chaves para entendela mellor:
Maior visibilidade e consideración da nosa LIX que se traduce na aparición de estudos sobre a mesma. Ademais considérase que a LIX é un medio fundamental para a formación lectora e escrita e sobre todo para a educación xa que axuda ao mediador a ofrecer un conxunto de actitudes e valores.
Non podo estar máis de acordo, e mesmo podo confesar, que é unha das razóns polas que, quen tece este artigo, comezou a escribir literatura infantil e xuvenil.
Xunto a isto, Blanca-Ana Roig fala tamén sobre os cambios tecnolóxicos que abarataron os custos de edición e difusión, e a existencia dun lectorado potencial grazas ás medidas, xa comentadas, que implantaron a lingua galega e a súa literatura no ensino. Dende o punto de vista da oferta de produtos literarios dirixidos á cativada, parece que todo vai ben, pois contamos cunha nómina de creadores e creadoras con recoñecemento dentro e fóra de Galicia, tanto no eido da infantil e xuvenil como no do público adulto.
Segundo os datos da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) nos seus Comercio interior del libro en España dende 2000 ata 2022, e comparando os resultados cos datos da Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, nos seus Informes de Literatura sobre a produción LIX galega de 1995 a 2019, podemos trazar unha liña de tendencia positiva no referente ao peso da LIX na produción editorial galega, cun progresivo crecemento, en termos porcentuais, dende 1995 a 2022.
Antes da crise de 2008-2009, a porcentaxe de títulos infantís e xuvenís en lingua galega era dun 30 por cento. De 2009 a 2011 baixa a porcentaxe de títulos LIX publicados respecto do total (23,2 por cento) para a partir de 2013 regresar ao 30 e medrar ata o 35,1 en 2022
Antes da crise de 2008-2009, a porcentaxe de títulos infantís e xuvenís en lingua galega era dun 30 por cento. Sendo, xunto aos libros de texto non universitario (ao redor tamén do 30 por cento), a materia máis importante. A literatura dirixida ao público adulto non chegaba ao 20 por cento no período 2000-2007.
De 2009 a 2011 baixa a porcentaxe de títulos LIX publicados respecto do total (23,2 por cento) para a partir de 2013 regresar ao 30 e medrar ata o 35,1 en 2022. Neste período prodúcese tamén un aumento da porcentaxe de títulos publicados de literatura para adultos (chega ao 40 por cento), sen que teña un impacto positivo na porcentaxe de facturación, que nos dous últimos anos é do 15,2 por cento para a literatura de adultos. Habería que analizar no futuro as vendas e a tiraxe media de cada título que se publica.
Como mostra da relevancia da LIX dende o punto de vista económico, dende 2013 a 2022 obsérvase un crecemento tanto da porcentaxe de títulos como da de facturación, situándose este último ao redor do 35 por cento. Xa non falamos só de que é importante como fábrica de lectores en galego, senón como elemento estratéxico para as empresas do sector dende o punto de vista económico. Este crecemento débese en parte á baixada, en termos absolutos, do número de títulos publicados na nosa lingua. Para que sirva de exemplo, pasamos dos 2.113 títulos en 2010, a 781 en 2022 (datos da FGEE). Os títulos publicados de LIX non son alleos a esta contracción do mercado, cunha redución a partir de 2014 (495 títulos), acadando cotas máis baixas dende 2018 (291 títulos) ata os 274 títulos en 2022.
Aínda que é certo que a porcentaxe de participación da produción LIX aumenta, falamos dunha porcentaxe maior nun total máis pequeno, debido ao proceso de contracción do mercado do libro galego
Con isto quero chamar a atención en que, aínda que é certo que a porcentaxe de participación da produción LIX aumenta, falamos dunha porcentaxe maior nun total máis pequeno, debido ao proceso de contracción do mercado do libro galego. Como apuntamento, a facturación do sector do libro en Galicia (datos da FGEE) era duns 22 millóns de euros hai quince anos, e hoxe, duns 16,6 millóns de euros.
Dúas cuestións explican a progresión da LIX dentro deste escenario: coas medidas que adoptou o sector público que afectan ao libro de texto en xeral, e en galego en particular, prodúcese un descenso do peso do texto non universitario e universitario nos títulos en galego, o que provoca un aumento tanto na porcentaxe da literatura para adultos como na dirixida á cativada. Por outra banda, segundo isto, malia que se reduza o número de títulos para o público infantil e xuvenil, é unha redución en menor proporción da que sofren outras materias. Está claro que o impacto da produción de LIX na conta de resultados das empresas do sector editorial é máis que significativo. O malo é que non sexa debido a un incremento dos títulos publicados e das súas tiraxes.
A que é debida esta “fortaleza” da LIX?
Creo que o crecemento se debe ao contexto favorable que se viviu en Galicia e no ámbito español, esbozado no comezo deste artigo e analizado por Fernández Paz e Blanca-Ana Roig, e o seu grupo de traballo. Podería dicir que vogabamos co vento a favor, en termos xerais.
A poboación de orixe galega vive dende hai anos, e dun xeito acelerado nas últimas décadas, unha progresiva perda do número de galegofalantes, o que reduce o número de potenciais lectores en galego que, aínda que poden achegarse ao libro galego a través das lecturas prescritas nos centros educativos, logo non continúan con esa tendencia de lectura na idade adulta
Pero non todo é luz. Pouso aquí algúns factores que, sen querer ser alarmista, poden pór o foco en determinadas circunstancias que ter en conta para tomar decisión futuras que poidan ser chaves no mantemento desta tendencia positiva na LIX galega. A partir da crise de 2009 aumentan os fluxos migratorios en todo o mundo. Galicia pasa a ser receptora de migrantes, nunha porcentaxe importante provenientes de países de fala castelá. Cambia, pois, a composición da poboación galega. Un dos retos presentes é integrar esas persoas na nosa cultura logrando que se acheguen á nosa lingua nunha realidade en que non parece resultar preciso facelo, xa que todo o contorno está castelanizado.
Neste contexto a poboación de orixe galega vive dende hai anos, e dun xeito acelerado nas últimas décadas, unha progresiva perda do número de galegofalantes. Numerosos estudos (A Mesa, Universidade de Vigo, Real Academia Galega...) apuntan cara a esta circunstancia, que eu podo constatar na práctica. O Mapa sociolingüístico escolar de Ames da RAG (2021) debe levarnos a reflexionar sobre unha situación que afecta á demanda do sector, xa que reduce o número de potenciais lectores en galego que, aínda que poden achegarse ao libro galego a través das lecturas prescritas nos centros educativos, logo non continúan con esa tendencia de lectura na idade adulta.
E isto non se debe á falta de calidade no contido LIX, senón ao feito de que a lingua galega é, para unha parte significativa da poboación, algo alleo, persistindo a situación de diglosia que “algúns” pensaban superada, e os prexuízos lingüísticos
E isto non se debe á falta de calidade no contido LIX, senón ao feito de que a lingua galega é, para unha parte significativa da poboación, algo alleo, persistindo a situación de diglosia que “algúns” pensaban superada, e os prexuízos lingüísticos. Neste punto deberiamos reflexionar, e analizar, cales son as consecuencias para a nosa lingua provocadas polo chamado Decreto do Plurilingüismo (2010).
O exposto ata agora ten o seu reflexo nos seguintes datos, publicados pola Asociación Galega de Editores (AGE): O mercado do libro galego (os libros que espontaneamente se mercan nunha libraría en Galicia) é de só o 8 por cento. Por establecer unha comparativa, no País Vasco a porcentaxe é do 17 por cento, en continuo crecemento, mentres que en Cataluña supera o 32 por cento. Creo que non me equivoco se afirmo que a contracción do mercado do libro en galego podería explicarse, en parte, pola presenza dunha demanda cada vez máis cativa, relacionada coa realidade sociolingüística do país.
O mercado do libro galego (os libros que espontaneamente se mercan nunha libraría en Galicia) é de só o 8 por cento. Por establecer unha comparativa, no País Vasco a porcentaxe é do 17 por cento, en continuo crecemento, mentres que en Cataluña supera o 32 por cento
Segundo datos da AGE, só un 3,1 por cento do lectorado en Galicia prefire ler en galego, fronte a un 96,2 por cento que ten o castelán como a súa lingua de preferencia. Este é un dato dramático que tería que levarnos a unha fonda reflexión de quen, dende unha posición, ou outra, formamos parte deste sector.
Con independencia de que o colexio sexa un elemento desgaleguizador, como aparece reflectido no traballo da RAG antes mencionado, vivimos unha realidade máis grave para a supervivencia do galego: moitos nenos e nenas entran no sistema educativo sen ter contacto con el. A lingua da súa terra xa non forma parte das súas vidas. Rompeuse o elo de transmisión interxeracional e posiblemente os seus avós xa non teñan o galego como a lingua nai. En dez anos, horizonte temporal moi cativo en termos históricos, os que realizamos contacontos percibimos un descenso dramático do número de nenos e nenas galegofalantes. Non poden perder no colexio o que xa non forma parte deles, e nalgúns centros educativos percíbese que o galego xa é terceira lingua, despois do castelán e o inglés.
Hai unha porcentaxe de alumnado que só ten contacto co idioma nas clases da materia de galego, e len só os libros de prescrición. Este é un factor máis que converte a LIX nun elemento de suma importancia, á vez que é a súa fortaleza e a súa debilidade. Que pasaría no sector se esta vía de demanda desaparecese?
Hai unha porcentaxe de alumnado que só ten contacto co idioma nas clases da materia de galego, e len só os libros de prescrición. Este é un factor máis que converte a LIX nun elemento de suma importancia, á vez que é a súa fortaleza e a súa debilidade. Que pasaría no sector se esta vía de demanda desaparecese?
A isto podemos sumarlle o pésimo posicionamento do libro galego nos puntos de venda, é dicir: nas librarías. Recordemos que, segundo os datos da FGEE, as librarías e as cadeas de librarías son a canle principal de venda de libros, cunha participación aproximada do 60 por cento. A presenza de títulos galegos nos escaparates das librarías, é marxinal. Existe pois un proceso de ocultación do libro galego, tanto de LIX como adulto. A demanda está caendo e podería dicirse que a oferta, aínda que existe, non está exposta cara ao público nos escaparates e nos andeis das librarías, salvo contadas excepcións.
Un factor máis, relacionado co anterior, é o proceso de migración de autores e autoras cara ao castelán. A edición en castelán semella marcar os ritmos, e agora os títulos adoitan saír á par, cando non antes en castelán que en galego
Un factor máis, relacionado co anterior, é o proceso de migración de autores e autoras cara ao castelán. A edición en castelán semella marcar os ritmos, e agora os títulos adoitan saír á par, cando non antes en castelán que en galego. Cada vez é máis habitual ver escritoras promovendo nas súas redes as súas obras en castelán, como tamén se percibe que, cada vez con máis frecuencia, as novas voces presenten obras escritas orixinalmente en castelán e logo traducidas para o galego para atopar un oco neste mercado, ou preséntanas directamente en castelán a editoriais galegas. Toda esta oferta en castelán compite coa do libro en galego. É triste ver un escaparate mostrando unha chea de exemplares en castelán e ningún en galego dun mesmo título. Como tamén é triste chegar a un colexio e atoparse cunha morea de vinte e cinco libros en castelán, cando a obra orixinal existe na nosa lingua.
Nas recomendacións en prensa que fan escritores e escritoras galegas cada vez é máis frecuente que na meirande parte dos casos o libro galego non estea presente. O que non se nomea, non existe. Todo isto debuxa un panorama negativo para a nosa lingua e, como consecuencia, para o sector do libro en galego, que vai máis alá das cifras interpretadas neste artigo. Sei que ler isto pode non ser agradable, pero a análise sería incompleta, e mesmo falsa, se non temos en conta todos estes aspectos.
Que facer? Resignarse?
Son necesarias medidas que favorezan a presenza do galego no sistema educativo. Un rexurdir dos creadores e creadoras militantes do idioma. Un plan de promoción exterior da nosa cultura, e medidas, en forma de axudas, que favorezan e incentiven a presenza do libro galego nos estantes das librarías. Tamén é necesario incrementar as actividades de animación da lectura en galego
Considero que son necesarias medidas que favorezan a presenza do galego no sistema educativo. Un rexurdir dos creadores e creadoras militantes do idioma. Un plan de promoción exterior da nosa cultura, e medidas, en forma de axudas, que favorezan e incentiven a presenza do libro galego nos estantes das librarías. Tamén é necesario incrementar as actividades de animación da lectura en galego a través dos organismos públicos. Actividades de dinamización lingüística do tipo “Ler conta moito”, da Xunta de Galicia.
Por establecer unha comparación entre a situación do éuscaro e a nosa: analizando os datos ano a ano da FGEE observamos que, respecto dos títulos publicados, estamos por detrás do éuscaro, existindo tamén diferenzas en canto á tiraxe media en favor do éuscaro.
E en todo isto é vital a presenza, traballo e colaboración de entidades como AGE, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Xunta de Galicia, Federación de Libreiros, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), SNL dos concellos e, por suposto, de GÁLIX, entre outras. Tomando medidas que incidan tanto dende o punto de vista da oferta como da demanda. Potenciando o NÓS nun mundo cada vez máis individualizado.
Hai moitos aspectos que quedan fóra deste artigo. Para cubrir esta necesidade, dende GÁLIX, e co apoio da Consellería de Cultura, Linguia e Xuventude, comezará a andar o Observatorio do Libro infantil e Xuvenil Galego, coa intención de obter datos que nos axuden a comprender mellor como funciona este mercado e sexa base para todos os actores na toma de decisións.
Remato cunha reflexión miña: “Se esta é a historia dunha derrota, que sexa a derrota máis longa que nunca se escribiu”
GÁLIX seguirá promovendo a nosa cultura dentro e fóra de Galicia. Buscando ter máis presenza nas feiras internacionais, sumando aos catálogos que xa existían un novo que recolla os títulos traducidos para o galego, colaborando coa OEPLI nos Premios Nacionais e o Premio Lazarillo e honrando a todas as persoas que, dende o seu campo de acción, sumaron esforzos a prol da nosa cultura, facendo co seu traballo que a nosa lingua viva mil primaveras máis.
Quero dar as grazas a David Otero: mergullarme nos inicios de GÁLIX dende a súa voz é unha lembranza que vai comigo. A Agustín, polo compromiso, traballo, exemplo e polos marabillosos momentos que vivín grazas á súa magnifica obra. Agradecemento especial a todas as investigadoras da LIX galega. Lémbrome agora de persoas coma Blanca-Ana Roig, Isabel Mociño, Carmen Ferreira Boo, Mar Fernández, Eulalia Agrelo, Isabel Soto, Marta Neira e Montse Pena. Sen os seus traballos sería imposible esta colaboración. Para min, e para moitas persoas, os seus escritos son referencias.
Remato cunha reflexión miña: “Se esta é a historia dunha derrota, que sexa a derrota máis longa que nunca se escribiu”. Debo agradecer tamén a Pilar Sampredo, Leonor Mazaira, Mercedes Pacheo e Pilar Sampil a súa xenerosidade.
Bibliografía
- Bragado, Manuel. “Onte 668: A experiencia dos nacionais da Xeración Lamote”, Brétemas (bretemas.gal).
- Federación de Gremios de Editores de España. https://www.federacioneditores.org/.
- Fernández Paz, Agustín (1999). A literatura infantil e xuvenil en galego. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- Páxina da Asociación galega de editores (AGE). https://www.editorasgalegas.gal/es/.
- Páxina do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Informes de literatura. https://www.cirp.gal/rec2/informes/informes.html.
- Roig Rechou, Blanca-Ana (2008). A Literatura Infantil e xuvenil galega no século XXI. Seis chaves para “entendela mellor”. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.
- — (coord.) (2015). Historia da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- Sampedro, Pilar (2018). “A festa das letras e a literatura infantil e xuvenil galega (LIXG)”, Revista Galega do Ensino. Eduga 75.