Cando o feminismo fala, adoita falar ben

CC-BY Edmond Dantès / Pexels

 

Texto publicado no número 244 de Grial

 

Para poder falar ben é preciso, en primeira instancia, poder falar, algo que as mulleres tiveron prohibido durante séculos, cando menos, desde que hai testemuños escritos. No ensaio As benfaladas reflexiónase sobre esta circunstancia e propóñense alternativas para acelerar o proceso de normalización equitativa e civilizador que supón respectar e propiciar o acceso da voz e do pensamento feminino á sociedade

Para poder falar ben é preciso, en primeira instancia, poder falar, algo que as mulleres tiveron prohibido durante séculos, cando menos, desde que hai testemuños escritos. No decurso do ensaio As benfaladas, (Editorial Galaxia, 2024) reflexiónase sobre esta circunstancia e propóñense alternativas para acelerar o proceso de normalización equitativa e civilizador que supón respectar e propiciar o acceso da voz e do pensamento feminino á sociedade, entendido como necesidade perentoria para combater a violencia simbólica que padece.

No prólogo, a politóloga feminista Priscila Retamozo, apunta que:

O que nos propón esta obra é reivindicar o pensamento e o legado das nosas referentes, defender e divulgar o conseguido e subliñar que isto non é unha guerra de sexos senón unha causa democrática. E, sobre todo, temos que benfalar, porque cando o feminismo fala, adoita falar ben. […] Os desafíos que temos por diante son de enorme calado. Por rescatar algún dos que se recollen en As benfaladas: o aborto, a prostitución, ou a violencia machista.

Dicía Simone de Beauvoir que non debiamos esquecer que só é precisa unha crise política, económica ou relixiosa para que os nosos dereitos sexan cuestionados. E abofé que temos que permanecer vixiantes. Como mostra: a decisión da Corte Suprema estadounidense de permitir a anulación do dereito ao aborto ou o peche do Ministerio da Muller en Arxentina.

Para frear a revolución feminista está en marcha unha contrarrevolución patriarcal. Daquela, é preciso ter presente que non abonda cunha reacción puntual, senón reforzar e continuar co traballo e coa loita profunda e incontestable das nosas devanceiras, desde, cando menos os tres últimos séculos de historia.

Capa de 'As benfaladas' © Editorial Galaxia

Para frear a revolución feminista está en marcha unha contrarrevolución patriarcal. Daquela, é preciso ter presente que non abonda cunha reacción puntual, senón reforzar e continuar co traballo e coa loita profunda e incontestable das nosas devanceiras, desde, cando menos os tres últimos séculos de historia

Nas relixións cristiás atribúese o pecado orixinal á curiosidade e afán de coñecemento de quen simboliza o sexo feminino no imaxinario colectivo. No mito da creación recae a culpa da expulsión do Paraíso en Eva polo seu afán de probar o froito da árbore da ciencia. Tiña ambición de saber, e iso non entraba nos plans de Adán. A curiosidade tivo maior castigo, mesmo, que as afeccións de Lilith, algo promiscua e desterrada no Mar Negro para deleitarse entre íncubos e súcubos… o que, por certo, non debía parecer tan grave como o pecado “orixinal” de Eva, pois non supuxo un castigo semellante. Todo o sufrimento que recaeu sobre a humanidade a partir daquela foi culpa da muller e compañeira do home primixenio. No reino patriarcal dos fillos de Adán vetóusenos o acceso ao coñecemento, e só se admite unha posición para observar, entender e explicar a ortodoxia de quen e como deben ser as cousas: a perspectiva androcéntrica.

É preciso analizar a relación entre comunicación, violencia e misoxinia. Somos seres sociais porque podemos comunicarnos en termos de enorme complexidade, empregando palabras, mais tamén outros recursos como a xestualidade e as accións simbólicas. A lingua é o sistema principal que usamos para esta transmisión de mensaxes, xeralmente a través da fala. A linguaxe é a capacidade de expresármonos coa elección das palabras, signos, sinais e xestualidade.

Primeiro é o sentimento ou a idea, logo, a palabra é o vehículo para expresala e compartila e, ao propio tempo, varía o significado que se atribúe a esta en función de hábitos sociais máis alá da propia etimoloxía. Daquela, precisamos estar en alerta para denunciar e combater o maltrato verbal e a violencia que poden conter cando se utilizan como manifestación extrema da comunicación sexista, machista e misóxina, que atopamos normalizada e mesmo autorizada e feita canon nos dicionarios oficiais.

Son os comentarios degradantes, os insultos larvados, as observacións humillantes por “graciosas” sobre o aspecto, a inferioridade ou a incompetencia (...)  Son as manifestacións dun maltrato emocional encamiñado a despoxar a vítima de calquera vestixio de autoestima. O seu efecto é acumulativo e prepara o camiño para admitir as vexacións e o maltrato físico

Lingua e linguaxe son a base da comunicación. É o xeito en que narramos a realidade, mais tamén é o medio para transformala. Na maneira de expresarnos cos xestos e con actitudes identifícanse moitos nesgos doados de cambiar sen necesidade de ditames académicos. Remítense ao xeito de expresarnos ou de ser expresadas. Ao trato que se nos dá e ao que nós damos. Ao ton en que nos falan e falamos. Ao lugar que ocupamos no espazo público. A como se espera que nos manifestemos unhas e outros. Por que xestos se nos xulga, se nos aproba ou se nos condena. Como se nos designa. Con que expresións se nos define.

Son os comentarios degradantes, os insultos larvados, as observacións humillantes por “graciosas” sobre o aspecto, a inferioridade ou a incompetencia, nomeadamente cando van acompañados de berros, acusacións, burlas, maldicires ou xestos insultantes… Son as manifestacións dun maltrato emocional encamiñado a despoxar a vítima de calquera vestixio de autoestima. O seu efecto é acumulativo e prepara o camiño para admitir as vexacións e o maltrato físico, porque a comunicación connotada de sexismo vai moito máis alá da escolla das palabras: está no tratamento denigrante cara ao feminino e do relativo ás mulleres mediante a atribución de significados diferentes a palabras preexistentes. É unha complicidade sobreentendida que reflicte a imaxe interiorizada dun sexo considerado secundario respecto doutro dominante. Non é subconsciente, pero si inconsciente. Adoita estar asumida sen discusión, usada reiteradamente ata substituír o sentido inicial da palabra utilizada.

Polo tanto, o argumento da inflexibilidade da lingua non é admisible. As necesidades da linguaxe cambian os usos e producen transformacións. Esa é a historia das linguas e, se non chegasen as ser así, seguiriamos falando latín. Polo tanto, trátase de aceptar que hai cambios posibles, que a linguaxe se pode transformar e que ten sentido e conveniencia facelo. Estamos en plena experimentación. A normativa non é un dogma, é unha convención. Daquela, flexible e mutable. A norma académica adáptase ás necesidades sociais cando convén. Só cando non lle convén ao dominante resulta ríxida e intocable.

© Grial

Así o explica Teresa Moure cando afirma que a exclusión das mulleres non é moi diferente da exclusión doutras razas, doutras culturas, doutras visións do mundo. A ollada desde o xénero, como desde a lingua, está culpabilizada porque produce inestabilidade a un statu quo baseado nunha convención aceptada e imbuída desde os primeiros pasos da aprendizaxe social e educativa

Unha vez acadado o coñecemento desta realidade, o sufrimento segue presente porque comprobamos os continuos retrocesos e as reaccións patriarcais que tentan que o camiño non se consolide. Vémolo nas nosas vidas e nas das nosas compañeiras de viaxe. Sabémolo só con falar coas nosas maiores. Percibímolo observando os atrancos das nosas fillas para iren máis rápido, para non ter que facer e desfacer cada noite o mantelo de Penélope que vimos tecendo no decurso do tempo.

Para as galegas é doado comprendermos a semellanza que existe entre esta situación e a división en lingua A (castelán-dominante), e lingua B (galego-secundaria), idéntica á clasificación que se dá entre xénero e sexo. É a mesma manifestación de dominación de algo ou alguén que se erixe en máis forte na medida en que ten algo ou alguén a quen dominar, dobregar, silenciar, domesticar… O que acontece cos pobos que temos unha lingua anterior ou paralela a outra dominante, ata conseguirmos a súa normalización e recoñecemento como linguas oficiais, é moi semellante ao que está a ocorrer para normalizar e convir no valor e a necesidade de poñérmonos todas as persoas no mesmo plano. Perseguimos o mesmo fin e, daquela, atopamos semellantes resistencias.

Así o explica a lingüista Teresa Moure cando afirma que a exclusión das mulleres non é moi diferente da exclusión doutras razas, doutras culturas, doutras visións do mundo. A ollada desde o xénero, como desde a lingua, está culpabilizada porque produce inestabilidade a un statu quo baseado nunha convención aceptada e imbuída desde os primeiros pasos da aprendizaxe social e educativa. Aceptada sen reflexionar porque así foi sempre e porque vén consolidada polo poder. Mais, estamos en tempo de muda onde, como opina Moure, os estudos de xénero axudarán a evitar todos os tipos de exclusión, ligando o sexismo a outras supremacías por razón de clase social, de etnia e cultura, de capacidade física ou psíquica, de orientación sexual, evitando a secundarización, a parcialidade ou a defensa de intereses de grupo, por moito que os intereses de grupo da metade da humanidade tampouco parezan insignificantes.

Violencia simbólica é o tratamento que se nos dá ás mulleres en todos os ámbitos sociais e comunicativos cando se nos fai desaparecer mediante exclusión específica, ou xenérica, porque se nos agocha

Violencia simbólica é o tratamento que se nos dá ás mulleres en todos os ámbitos sociais e comunicativos cando se nos fai desaparecer mediante exclusión específica, ou xenérica, porque se nos agocha.

Podemos usar mellor os recursos que temos? En boa medida si, revalorizando os significados positivos das palabras e rexeitando usos mal intencionados e despectivos. A comunicación sexista é moito máis ca palabras. Hai que combater, tamén, e moi seriamente, os malos tratos verbais como a peor expresión da comunicación sexista (mellor sería dicir comunicación misóxina), os comentarios degradantes, insultos, observacións humillantes sobre o aspecto, a inferioridade ou a incompetencia das mulleres, e moito máis se veñen acompañados de berros, acusacións, burla, maldicións ou xestos insultantes, todos expresión de malos tratos emocionais encamiñados a desposuír a vítima de calquera vestixio de autoestima. O seu efecto é acumulativo.

“A resignación non é máis ca o hábito de sufrir”, dixo Concepción Arenal. E precisamente a resignación é o primeiro co que unha muller maltratada ten que romper. Hai moito sufrimento producido por unha violencia que non se pode fotografar ou ser recollida nun parte do servizo de urxencias. Porque violencia son as tácticas de presión, faltas de respecto, abuso de autoridade e confianza, tiranía emocional, control económico, comportamentos destrutivos da personalidade, illamento, acoso, intimidación, destrución de posesións, ata chegar a violencia sexual e física en sentido estrito.

A reflexión sobre a relación que as mulleres vimos mantendo co pensamento, a súa elaboración, expresión e difusión a través da palabra oral e escrita no discurso público, vén motivada pola constatación de que no decurso da historia estivemos sometidas á autoridade e á censura patriarcais. A nosa participación nos ámbitos sociais ou persoais estivo prohibida e penalizada. Como causa e consecuencia directa e primordial, estivemos excluídas da esfera pública e da posibilidade de coñecer e procurar as ferramentas e as habilidades discursivas imprescindibles para a comunicación e intervención social. Na historia do pensamento e da súa expresión a través da palabra oral e escrita, apenas apareceron ata hai ben pouco —en termos históricos—, exemplos de mulleres.

Francisca Herrera Garrido, primeira muller académica da RAG en marzo de 1945, aínda que morreu sen ler o seu discurso de ingreso Dominio Público RAG

As mulleres fomos excluídas das fontes do coñecemento e acabou asumíndose a bondade dunha falacia repetida ata o punto de transformarse en verdade comunmente aceptada: o dogma da inferioridade feminina, ratificado por todas as relixións monoteístas

A construción dun discurso público propio precisou da conquista do dereito á educación e a normalización do acceso á expresión oral, literaria, artística, como pasos previos á máis recente participación no ámbito da moral (laica ou relixiosa), do coñecemento, a cultura, a economía, o mundo laboral ou a política. Ou o que é o mesmo: da influencia, do prestixio e do poder. Só nos dous últimos douscentos anos produciuse un cambio que muda radicalmente as sociedades e consolídase cando as mulleres comezamos a participar na construción dun discurso incluínte de e desde o xénero e nos incorporamos —a empurróns— ao escenario público.

A escritora e crítica literaria feminista Rosalind Miles lémbranos que a historia do mundo foi escrita polos homes pensando noutros homes e só fala do que dixeron os homes. As mulleres fomos excluídas das fontes do coñecemento e acabou asumíndose a bondade dunha falacia repetida ata o punto de transformarse en verdade comunmente aceptada: o dogma da inferioridade feminina, ratificado por todas as relixións monoteístas. Un exemplo explícito témolo en Tertuliano (século III d. C), quen, referíndose á pasaxe da Xénese 3, 16, afirma a inferioridade das mulleres no capítulo introdutorio do seu De cultu feminarum, xa que no seu rostro “se agacha unha das súas armas máis potentes e traizoeiras: a lingua”.

Un dos intelectuais máis relevantes na Europa do seu tempo, o filósofo francés, Jean Bodin, argumentaba en 1580 (De la démonomanie des sorciers) os motivos polos que as mulleres se transformasen doadamente en bruxas:

Platón situou as mulleres entre o home e a besta salvaxe. Mais, un decátase de que as partes viscerais da muller son máis grandes que as do home, que por iso é menos cobizoso. Doutra banda, a cabeza dos homes é máis grande, e por iso teñen máis cerebro e sensatez que as mulleres.

Unha situación reveladora da misoxinia imperante no mundo literario de Galicia remítenos ao 4 de marzo de 1945, cando a Real Academia Galega elixiu a escritora Francisca Herrera Garrido académica numeraria para ocupar a vacante de Lisardo Barreiro. Era a primeira vez que tal distinción recaía nunha muller, pero ata catro anos despois non se escribiu o discurso de resposta —en castelán— por Antonio Couceiro

A conclusión da observación deste fenómeno resúmea perfectamente Anne-Marie Käppeli cando di que a aprendizaxe das mulleres da escrita pública demostra ser esencial na loita contra o esquecemento e a fugacidade. Historicamente, os argumentos principais deste proceso foron a demanda do dereito ao sufraxio feminino e a regulamentación da prostitución. Isto supuxo o xermolo de moitas asociacións e periódicos que mobilizaron mulleres nos EUA, Inglaterra, Francia e Alemaña, con ampla incidencia noutros moitos países. Excluídas do sufraxio, as mulleres utilizaron as asociacións para darse unha identidade e, en nome das súas organizacións, valerse das posibilidades de expresión democrática: prensa, peticións, conferencias, reunións, manifestacións, banquetes, exposicións e congresos nacionais e internacionais, para os que se intensifican os intercambios e se crean redes de feminismo. Na prensa e nas asociacións fálase de emancipación, de liberación e de igualdade de dereitos: valores democráticos que entraban en contradición coa representación das mulleres como menores de idade e coa escravitude sexual.

En Galicia dáse a notable circunstancia de que as orixes da nosa literatura parten de figuras femininas: na poesía no século XIX con Rosalía de Castro, e con Francisca Herrera Garrido na novela no século XX. No número 2 da Festa da Palabra Silenciada, dedicado ao centenario de Rosalía, a directora desta publicación senlleira para a divulgación e análise con perspectiva feminista, María Xosé Queizán, considera que o pensamento da muller Rosalía era dunha extrema radicalidade. Moitas das súas alegacións non foron superadas totalmente polo feminismo de hoxe. Mesmo sen as análises que hoxe manexamos, sabía que o matrimonio era a institución que reducía as mulleres ao nomealo como pesada carga peor que os cilicios e as peores penitencias.

A investigadora María José Lacalzada lembra que o feminismo, no seu período formativo en España no século XIX, non perseguía —aínda— o sufraxismo, senón a liberdade de pensar e a instrución feminina para empregos medios e o acceso a unha educación laica.

Unha situación reveladora da misoxinia imperante no mundo literario de Galicia remítenos ao 4 de marzo de 1945, cando a Real Academia Galega elixiu a escritora Francisca Herrera Garrido académica numeraria para ocupar a vacante de Lisardo Barreiro. Era a primeira vez que tal distinción recaía nunha muller, pero ata catro anos despois non se escribiu o discurso de resposta —en castelán— por Antonio Couceiro. Un ano máis tarde, cinco despois de ser elixida académica, sen ser chamada para ocupar a súa cadeira, sen pronunciar o seu discurso de aceptación e sen dar escoitado o de recibimento, Francisca Herrera, finou aos 81 anos.

A pedagoga Andrea López Chao representou a Cuba no Congreso de Mulleres celebrado na Habana en abril de 1923, onde defendeu os dereitos das mulleres Dominio Público Eco de Galicia

Estas ideas estiveron no pensamento e na acción da docente mindoniense Andrea López Chao, activista a prol dos dereitos das mulleres na Cuba de principios do século XX, a quen se debe situar entre as mulleres da colectividade galega en Cuba na vangarda das sociedades comprometidas co progreso e coa igualdade, a fraternidade, a solidariedade e o compromiso

Hai máis dun século que a outra intelectual de orixe galega, Emilia Pardo Bazán, lle negaron en tres ocasións ser académica da Real Academia Española e foi obxecto de todo tipo de chanzas machistas. A escritora publicou máis de trinta contos relacionados coa violencia exercida polos homes sobre as mulleres, non suficientemente coñecidos onde, a finais do século XIX, xa falaba de mullericidios, de acoso sexual, de prostitución, da discriminación no marco educativo, do papel reprodutor delas, da linguaxe, do dereito ao voto…

Outra galega precursora, Concepción Arenal atopábase entre a minoría que sostivo daquela o mesmo discurso en España en evidente sintonía con círculos masónicos e reformistas europeos. Estas ideas estiveron no pensamento e na acción da docente mindoniense Andrea López Chao, activista a prol dos dereitos das mulleres na Cuba de principios do século XX, a quen se debe situar entre as mulleres da colectividade galega en Cuba na vangarda das sociedades comprometidas co progreso e coa igualdade, a fraternidade, a solidariedade e o compromiso. De certo, o seu papel nos tres congresos feministas na illa debeu ser relevante, como se deduce do feito de que a Sociedade Hijas de Galicia, con ela de vicepresidenta segunda, fose parte das trinta e unha asociacións que integraron, en 1923 o grupo que organizou o primeiro congreso, onde fixo un famoso discurso como voceira da Sociedade. Tamén é salientable que os tres congresos se inaugurasen no Centro Galego, onde debeu ter algo que ver a súa influencia como directora do Plantel de Enseñanza. Hai que considerar que o Centro Galego, de seu, non tiña vínculos co movemento feminista, e mesmo existía a disputa interna con Hijas de Galicia polo feito de non poderen elixirse mulleres para os máis altos cargos directivos.

Outra docente galega contemporánea de López Chao, a coruñesa María Barbeito, tamén seguidora de Concepción Arenal, foi unha constante defensora da emancipación e a educación das mulleres sen discriminación. Así o promoveu nas escolas da Guarda, como conferenciante en diversos foros, entre eles o da Agrupación Republicana Feminina da Coruña en 1934, como membro do Instituto de Estudios Gallegos ou cando pronunciou, en 1916 o discurso e inauguración do monumento a Emilia Pardo Bazán. Velaí están case todas as xeracións e procedencias, abordando retos parecidos con respostas heteroxéneas, pero coa súa presenza e o seu traballo dan normalidade a algo que, non hai tanto, era improbablemente normal. Están. Son. Fan. E son máis duramente criticadas, unhas pola idade, outras polo seu estilo, aquelas porque seguen modelos demasiado masculinos… Queda moito por facer, pero, neste terreo, é importante estar —mesmo sen militar— no feminismo, porque avanzamos grazas aos cambios que esta ideoloxía inoculou na política. Benvidas sexan, tamén, cando se equivocan, porque o normal é que calquera que sexa a definición que teñamos, poidamos acertar, ou o contrario. O anormal foi non ter a oportunidade de facelo ata hai pouco máis de dous séculos en toda a historia da humanidade. E xa sabemos que custa sangue, suor e bágoas, porque na loita contra o patriarcado, as vítimas están nesta beira.

Concepción Arenal Dominio Público

Logo de non poucas vindicacións, moita violencia real e simbólica, dura represión e bastante menosprezo ás nosas capacidades, estamos transitando polo século XXI cumprindo o soño das nosas nais predecesoras: dunha banda, o acceso ao coñecemento que dá opción á formación de criterio e á liberdade para intervir no desenvolvemento dos acontecementos; e, doutra, gozando do noso corpo e da nosa fisioloxía

Logo de non poucas vindicacións, moita violencia real e simbólica, dura represión e bastante menosprezo ás nosas capacidades, estamos transitando polo século XXI cumprindo o soño das nosas nais predecesoras: dunha banda, o acceso ao coñecemento que dá opción á formación de criterio e á liberdade para intervir no desenvolvemento dos acontecementos; e, doutra, gozando do noso corpo e da nosa fisioloxía, que deixou de ser unha limitación para converterse nunha gran satisfacción en todos os sentidos. Agora xa estamos en condicións de intervir na creación dunha linguaxe incluínte e non exclusiva da mentalidade patriarcal. Xa podemos discutir tanto o pensamento cartesiano como o cristián. Somos filósofas, científicas, sabias, divulgadoras e interpretamos as realidades con múltiples instrumentos: os que crearon os homes —aínda vixentes como herdeiros do pensamento da Ilustración—, e os que nos fomos transmitindo, dunhas a outras, xeración tras xeración, coa sabedoría intuída, co coñecemento empírico, cos pés na terra e a mirada no ceo.

Os avances semellan consolidarse en estados democráticos e agudizarse á contra noutros moitos países en todo o mundo. Mais tamén en sociedades de acreditadas lexislacións igualitarias estanse dando pasos á contra. Cada paso adiante semella producir outro, ou varios, cara atrás. Por iso precisamos non baixar a garda desde o feminismo: esa nosa loita por un trato igual e xusto, polas mesmas oportunidades, pola nondiscriminación, pero tamén polo respecto á nosa diferenza e a vindicación dun papel propio, non tan masculino desde o feminino como ás veces parece acontecer.

No decurso dos seis primeiros capítulos de As benfaladas faise un repaso histórico a esta cuestión e rescátase o valor de mulleres galegas pioneiras en actividades en que se cuestionaba a “exhibición” na praza pública. Os seguintes capítulos abranguen de xeito máis directo o vínculo entre a expulsión das mulleres do espazo público e a violencia misóxina, onde se analizan as barreiras e se propoñen accións para superalas.

Emilia Pardo Bazán Dominio Público

Os avances semellan consolidarse en estados democráticos e agudizarse á contra noutros moitos países en todo o mundo. Mais tamén en sociedades de acreditadas lexislacións igualitarias estanse dando pasos á contra. Cada paso adiante semella producir outro, ou varios, cara atrás. Por iso precisamos non baixar a garda desde o feminismo

Vaia como remate deste anticipo outra concluínte reflexión da prologuista, Priscila Retamozo:

Como muller nada nos noventa, fago un chamamento para unha alianza interxeracional. Cómpre construír unha ponte entre xeracións, escoitármonos e atoparmos espazos de intercambio de experiencias.

Detecto nalgúns discursos nos medios de comunicación certa insistencia en falar de “feminismoantigo”, “novofeminismo”, “feminismoactual”… Hai que comezar a ser taxativas neste aspecto. Non existe, nin podemos permitirnos, unha fenda xeracional. Existen diferencias de criterio e pode que ata tensións internas, todos ingredientes lóxicos de correntes de pensamento que teñen como suxeito político á metade da humanidade. Porén, a construción dun relato de rivalidade ou ignorancia entre xeracións é, sinxelamente, unha falsidade e un perigo. Como di unha das nosas máis famosas consignas: “Polas que foron, somos. Polas que somos, serán”. Non podemos esquecer o poder da palabra que, como boa experta en comunicación, María Xosé Porteiro lembra cando repara no papel fundamental da linguaxe porque non admitiremos renunciar a ser vistas, nomeadas e representadas nel.

Cando eu estudaba a carreira de Ciencias Políticas fixera un pequeno traballo sobre migración e políticas de emprego. Os inmigrantes traballaban, principalmente, no sector da construción —dicíase, aquí e acolá, tanto en medios de comunicación como en plans estratéxicos, informes oficiais e estudos sectoriais—. Na documentación falábase das políticas públicas máis eficaces para abordar desde accidentes laborais ata o impacto das remesas nos países de orixe. Tardei en decatarme de que cando falaban de inmigrantes, en suposto masculino xenérico, non estaban incluíndo as mulleres, porque elas non estaban empregadas na construción senón nos servizos domésticos e de coidado, nin destinaban a mesma porcentaxe do seu soldo a remesas, e tiñan desafíos de seu como unha maior incidencia do acoso sexual laboral ou o risco de explotación sexual. Todas estas problemáticas permanecían desaparecidas, agachadas, por mor dunha linguaxe sexista non incluínte.

O xeito en que nos comunicamos pode modificar como vemos a realidade e, no mesmo senso, os cambios na realidade deben ter reflexo na linguaxe para consolidarse. Non lembro para que materia era ese traballo, mais xamais esquecín esa lección.

María Barbeito Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.