A represión da muller galega na Guerra Civil a través da mirada de Castelao

Ilustración de Castelao. Galicia mártir (1937). Fotografía cortesía de F. J. Baltar Tojo Dominio Público

 

Texto publicado no número 246 de Grial

 

Moitos artistas plásticos empregaron a súa arte como medio para denunciar a situación na que vivía a poboación durante o conflito e atopamos un bo número de galegos que así o fixeron, deixando os seus testemuños da guerra en forma de debuxos, como Arturo Souto ou Alfonso Daniel M. Rodríguez Castelao

A Guerra Civil española non foi soamente un enfrontamento militar entre dous bandos, senón que con ela entraron en conflito toda unha serie de valores o que vai provocar un estremecemento profundo da sociedade que se rebelou vítima non só da violencia física, senón tamén da psicolóxica. No caso galego en concreto, o 27 de xullo de 1936, tan só nove días despois do golpe de Estado, o territorio estaba en mans dos golpistas, polo que máis que de guerra civil, en Galicia debe falarse dunha longa e dura represión.

Consérvanse innumerables fontes que nos aproximan a esta guerra: documentos, fotografías, vídeos, testemuños orais… pero, ademais, contamos con outro tipo de fontes, particulares en canto á súa forma, que son as expresións plásticas realizadas polos artistas que viviron o conflito en primeira persoa e que conxugan beleza e fatalidade. 

Moitos artistas plásticos empregaron a súa arte como medio para denunciar a situación na que vivía a poboación durante o conflito e atopamos un bo número de galegos que así o fixeron, deixando os seus testemuños da guerra en forma de debuxos, como Arturo Souto, que formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas e que realiza o álbum Dibuxos da guerra entre finais de 1936 e principios de 1937, publicado polo Ministerio de Propaganda, e cuxos protagonistas son os milicianos e os guerrilleiros, ou Luís Seoane co seu álbum Trece estampas de la traición, publicado en 1937. 

Ilustración de Castelao. Galicia mártir (1937). Fotografía cortesía de F. J. Baltar Tojo ©

 O primeiro en ver a luz foi Galicia Mártir editado polo Ministerio de Propaganda en febreiro de 1937. Cinco meses despois, na mesma cidade a Sección de Propaganda e Prensa do Comité Nacional da CNT edita Atila en Galicia

Tamén é o caso de Alfonso Daniel M. Rodríguez Castelao, que ao igual que moitos dos seus compañeiros intelectuais rendera a súa arte á defensa do pobo e a súa cultura había longo tempo, por iso, neste traballo quixemos centrarnos na súa obra, concretamente nos seus Álbumes de guerra, aínda que non foi este xenial artista o único en poñer a súa arte ao servizo da República para mostrar ao mundo os horrores que se estaban a vivir no país.

Cando comeza a Guerra Civil, Castelao, deputado da Fronte Popular, atópase en Madrid formando parte da comisión encargada de levar ao Congreso o Estatuto de Autonomía de Galicia. Co estalido do conflito vese obrigado a abandonar a capital e comeza un periplo de dous anos que o leva a percorrer diferentes enclaves comezando por Barcelona para dirixirse despois a Valencia onde publica dous dos tres Álbumes de Guerra. O primeiro en ver a luz foi Galicia Mártir editado polo Ministerio de Propaganda en febreiro de 1937, composto de dez ilustracións todas elas acompañadas por un pé ou frase en galego e que foron traducidos ao castelán, ao francés e ao inglés. 

Cinco meses despois, na mesma cidade a Sección de Propaganda e Prensa do Comité Nacional da CNT edita Atila en Galicia, unha serie formada por outra decena de debuxos cos seus correspondentes pés, que serán traducidos nesta ocasión ao sueco ademais de ás tres linguas xa citadas. O terceiro dos álbums, Milicianos, publícase en agosto de 1938 na cidade de Nova York, a onde Castelao se trasladou pouco antes co obxectivo de recadar fondos para a República. Esta publicación finánciaa a Fronte Popular Antifascista Galega e componse de once ilustracións. Así, os Álbumes de Guerra están formados por un total de trinta e un debuxos nos que Castelao emprega o seu lapis como arma de combate e denuncia, tentando mostrar ao mundo a barbarie da guerra.

Encarceradas, violadas, sinaladas e soas: a represión da muller galega

Estímase que en Galicia entre 1936 e 1939 morreron vítimas da represión aproximadamente unhas catro mil setecentas persoas e, delas, o dous por cento eran mulleres. As mulleres, polo xeral, padeceron outro tipo de represión, unha violencia sexuada en tanto que estaba dirixida especificamente a elas polo seu xénero e que é moi difícil de cuantificar

Estímase que en Galicia entre 1936 e 1939 morreron vítimas da represión aproximadamente unhas catro mil setecentas persoas e, delas, o dous por cento eran mulleres. Cuantitativamente a Guerra Civil e a posguerra afectaron en menor medida ás mulleres que aos homes se falamos de represión con resultado de morte, pero quedarnos só con este tipo de represión sería moi reducionista e pouco fiel á realidade. A mulleres, polo xeral, padeceron outro tipo de represión, unha violencia sexuada en tanto que estaba dirixida especificamente a elas polo seu xénero e que é moi difícil de cuantificar xa que moitas das que a padeceron permaneceron en silencio ou a súa memoria non se conservou. A través da ollada de Castelao podemos asomarnos á represión sufrida pola muller galega utilizando os diferentes episodios recollidos polo artista rianxeiro.

A primeira imaxe á que queremos facer referencia pertence ao álbum Galicia mártir e vai acompañada pola frase “Van matarnos, pero venceremos”, catro palabras que encerran na súa brevidade un enorme significado: a asunción dun fin próximo e inevitable, pero coa esperanza de que non sexa en balde. Nela represéntase un grupo de cinco homes, tres deles situados fronte a unha xanela enreixada e os outros dous ao fondo da escena. Alén da reixa adivíñase un rostro feminino. 

Castelao capta o momento en que esta muller, posiblemente familia dalgún dos presos, acode ao cárcere e é que precisamente elas foron as que serviron como ligazón entre os encarcerados e o exterior, auxiliándoos con comida ou mantas coas que tentaban paliar a dureza dos presidios, así como facilitándolles información sobre as súas familias, o discorrer da guerra ou acerca da marcha da rebelión e dos seus compañeiros. Para as familiares dos reos (nais, fillas, parellas, amigas…) manter o contacto con eles podía chegar a ser moi complicado, véndose obrigadas con frecuencia a buscalos por diferentes penais dada a escasa ou nula información que sobre eles lles daban as autoridades ou ben seguíndoos polos diferentes centros aos que os trasladaban (Domínguez Almansa et al. 2008: 26). H. Quijano, pseudónimo baixo o que se publica na Arxentina e París unha arrepiante obra sobre o terror desatado en Galicia os primeiros anos da guerra, recolle o relato do sucedido ás mulleres do cárcere da Coruña, que ante o medo de que os seus familiares fosen asasinados pola noite organizáronse para montar gardas fronte ao cárcere:

As mulleres da Coruña toleadas de desesperación decidiron opoñerse a que aqueles crimes continuasen. Tremendo pola vida dos seus pais, fillos ou irmáns que cada noite podían ser asasinados, resolveron á desesperada non separarse nin de día nin de noite das portas da prisión e, efectivamente, dispostas a que as matasen alí antes que afastarse, constituíron unha garda patética ao redor do cárcere. Os sentinelas rexeitábanas a culatazos e os gardas levábanllas de alí a rastro, pero elas resistían heroicamente naquel lugar e por cada unha que levaban detida ou que caía esmorecida, dez máis viñan substituíla. Aquela vela tráxica das mulleres ao redor do cárcere durante a madrugada para impedir que os falanxistas seguisen cometendo os seus asasinatos, foi un dos episodios máis horrendos do terror (Quijano, 1938: 144).

Ilustración de Castelao. Galicia mártir (1937). Fotografía cortesía de F. J. Baltar Tojo ©

A través da ollada de Castelao podemos asomarnos á represión sufrida pola muller galega utilizando os diferentes episodios recollidos polo artista rianxeiro

Aínda que na escena que nos ocupa a muller está fóra do penal, “libre”, moitas foron as súas moradoras de igual maneira que os homes, estimándose que en Galicia unhas trescentas vinte mulleres foron condenadas a penas de prisión durante os anos da guerra, aínda que seguramente o número de presas foi moito maior xa que moitas non foron debidamente rexistradas ou formaban parte de rexistros que se perderon, polo que o estudo das fontes escritas debe complementarse con testemuños orais como entrevistas ás presas ou aos seus familiares. 

No seu interior, tanto para os homes como para as mulleres, as condicións de vida eran durísimas e presentan puntos comúns como o amontoamento debido ao enorme volume de presos e presas, a insalubridade, a carestía de alimentos e a violencia que os gardas empregaban contra os reclusos, non debendo esquecer que moitas mulleres entraban cos seus fillos, sufrindo estes as mesmas condicións que as adultas. Un exemplo destas terribles condicións ofrécenolo o testemuño de Isabel Ríos, presa no cárcere de Santiago, que describe do seguinte xeito a súa cela:

[...] Ten dúas portas separadas, un corto corredor cuns ferrollos arrepiantes; alá arriba, preto do teito hai unha pequena ventá con sete reixas [...]. As paredes e teitos destilan auga, que supoño dos retretes de arriba; hai un buraco, disimulado cun pequeno muro de pedra e unha billa encima, este é o retrete. Afortunadamente grazas a esa billa podo bañarme, por suposto con auga fría, cousa á que xa estaba afeita e poñendo especial coidado, pois escorregar podía dar comigo na cloaca.

As penas de rebelión ou auxilio aos rebeldes castigábanse, nun principio, coa morte; con todo, unha enorme maioría delas, no caso feminino, conmutáronse por outras que ían desde os seis anos ata a prisión perpetua (trinta anos)

En Galicia non había ningunha prisión central de mulleres, polo que eran trasladadas a outros lugares, principalmente a Saturrarán (Guipúscoa) ou ás Oblatas, en Santander, o que as illaba aínda máis da súa familia e do exterior, deixándoas totalmente desamparadas. Con todo, non todas as presas eran trasladadas fóra de territorio galego xa que aquelas que tiñan penas inferiores ao ano podían cumprilas en prisións provinciais galegas ou nas tres que se habilitaron para mulleres nas localidades de Bande, Tui e Betanzos (Martins Rodríguez, 2011: 89-108).

Unha parte considerable delas acabaron privadas de liberdade ao ser acusadas de colaboracionistas, principalmente por incitar á rebelión ou por auxiliar dalgunha forma aos rebeldes, así como por proferir insultos, inxurias ou proclamas contra as forzas armadas ou o réxime. De feito, J. Prada Rodríguez e B. Nieto Outomuro distinguen ata vinte e dous delitos polos que foron xulgadas duascentas corenta e cinco mulleres na provincia da Coruña, dando como resultado que oito deses tipos delituosos están directamente relacionados coa incitación á rebelión, outros tres coa axuda a fuxidos ou desertores e os restantes abarcan desde a reunión clandestina ou a ocultación de armas ata as investigacións de conduta. 

As penas de rebelión ou auxilio aos rebeldes castigábanse, nun principio, coa morte; con todo, unha enorme maioría delas, no caso feminino, conmutáronse por outras que ían desde os seis anos ata a prisión perpetua (trinta anos). Resulta moi curioso que a pena de morte, no caso feminino, fose conmutada por penas de cárcere, pero a resposta hai que entendela dentro do concepto que se tiña sobre a muller nese momento e é que se consideraba que elas tiñan menos protagonismo na acción política porque estaban mediatizadas polos homes da súa contorna (parellas, pais…) (Prada Rodríguez e Nieto Outomuro, 2013: 94; Juana López e Prada Rodríguez, 2011: 150)

Ilustración de Castelao. Galicia mártir (1937). Fotografía cortesía de F. J. Baltar Tojo Dominio Público

Alén dos castigos oficiais como o encarceramento, as mulleres o que máis sufriron foi a represión extraoficial, é dicir, aquela exercida sen autorización explícita dos mandos do réxime ou fóra dos procedementos oficiais

A pesar do que levamos dito ata o momento, alén dos castigos oficiais como o encarceramento, as mulleres o que máis sufriron foi a represión extraoficial, é dicir, aquela exercida sen autorización explícita dos mandos do réxime ou fóra dos procedementos oficiais, sendo precisamente destas terribles accións das que nos imos a ocupar a continuación. Unha das primeiras mostras desta represión témola de novo no álbum Galicia mártir, acompañada polo pé “Cobardes! Asasinos!” na que aparece representada unha muller coa roupa desgarrada e rapada, de pé xunto a unha porta aberta na que se pode ler a inscrición “Arriba España” e da que sobresaen as pernas dun corpo masculino inerte. Esta muller anónima revélanos unha das formas de represión feminina máis común: a rapa de mulleres. Esta práctica tómana os sublevados do fascismo italiano, a través da Falanxe, aínda que se trata dun castigo tipicamente feminino, pois o pelo ao longo da Historia considerouse un símbolo de feminidade, un elemento físico enormemente sexuado. 

Co seu corte buscábase a humillación pública da vítima, marcala e desposuíla temporalmente da súa identidade e situala fóra da comunidade e dos parámetros do que se esperaba que fose unha muller tanto en aparencia como en comportamento. Por outra banda, era unha representación da eliminación ou limpeza do xene rojo ou marxista, igual que outros castigos públicos que moitas veces ían asociados ás rapas como as purgas de rícino que provocaban terribles cólicos ás que o inxerían, sendo obrigadas a pasearse pola vila mentres os sufrían. O obxectivo detrás destas accións é evidente: cos castigos a unhas poucas pretendíase advertir e escarmentar ao resto.

Os executores desta atrocidade eran xeralmente homes da Falanxe ou da Garda Cívica, aínda que tamén podían facelo personalidades destacadas da localidade ou ben homes republicanos como forma de castigo para ambos. Podíase levar a cabo na propia casa da vítima, na sedes locais da Falanxe ou da Garda Cívica, como no caso de Pontevedra onde moitas mulleres foron levadas ao cuartel dos cívicos situado na rúa Benito Corbal, ou nas dependencias municipais; ás veces facíase tras o interrogatorio sobre o paradoiro dalgún ser querido, tamén os domingos ou días de feira, facéndoo coincidir con eses momento sinalados para exhibilas, ou ben podían ser forzadas a pasearse pola vila, a limpar lugares públicos ou os cuarteis.

Por outra banda, a muller que representa o debuxo de Castelao non só está rapada, senón que leva na fronte as siglas UHP (Unión/Uníos Hermanos Proletarios), unha consigna obreira de 1934 que despois se xeneraliza e convértese nunha proclama do bando republicano. Estas tres letras pintábanse frecuentemente na fronte destas mulleres, aínda que tamén podían gravalas a coitelo (Joly, 2008: 96-104; Domínguez Almansa et al. 2008: 19-20).

Rápase ás que participan activamente en política, sindicatos, manifestacións e que foron as primeiras estigmatizadas, especialmente nos tres ou catro primeiros meses da contenda. Doutra banda, están as familiares de homes fuxidos ou paseados

No caso da guerra española distínguense dous grupos de mulleres vítimas desta práctica: por unha banda, rápase ás que participan activamente en política, sindicatos, manifestacións e que foron as primeiras estigmatizadas, especialmente nos tres ou catro primeiros meses da contenda, moitas delas son mulleres que xa estaban sinaladas polo seu activismo en outubro de 1934; doutra banda, están as familiares de homes fuxidos ou paseados, as nais, esposas, noivas ou irmás de rojos. Estas podían vivir en liberdade, pero eran constantemente vixiadas, sendo frecuente que as detivesen para forzar aos seus familiares a entregarse.

Así, vemos como o aparello represivo franquista non só contemplaba a eliminación física das persoas, senón que as estratexias albergaban un complexo mecanismo de castigo psicolóxico que ía desde os encarceramentos e as rapas, como acabamos de comentar, ata as incautacións de bens, a prohibición de gardar loito polos familiares asasinados ou todo tipo de vexacións cotiás. Con todo, estas accións non tiñan a mesma consideración que outro dos castigos máis comúns: as violacións, pois mentres que as primeiras facíanse de forma pública e manifesta, as segundas tratábanse de ocultar tanto pola vítima como polo executor e simbolizaban o control absoluto sobre o vencido. Dous dos debuxos de Castelao reflicten estas agresións sexuais salvaxes: “Todo pol-a Patria, a relixión e a familia!” e “Denantes morta que aldraxada”.

Na primeira delas obsérvase a unha muller tendida no chan, coa camisa rachada deixando os seus peitos ao descuberto. Preto da súa figura aparece un home cun disparo no peito atado a unha árbore, probablemente o seu marido ou familiar. Ao fondo cinco figuras armadas afástanse da escena sen mirar atrás, sen volver a vista á fatalidade que desencadearon. Este é un claro exemplo de represión: violar a muller diante do seu marido, vivo ou morto, como símbolo da materialización da anulación e a humillación do perdedor, pois non só se violaba a “muller roja” senón tamén á “muller do rojo” (Juana López e Prada Rodríguez, 2011: 161). No segundo debuxo, “Denantes morta que aldraxada”, unha muller lánzase ao baleiro antes de ser capturada polo grupo de homes do fondo, unha decisión terrible, pero coa que evadía todas as aldraxes que ían cometer contra ela, tendo probablemente un final común: a morte. Desta forma, o suicidio converteuse nunha saída para moitas persoas, homes e mulleres, que decidiron poñer fin ás súas vidas antes de caer presos dos seus captadores, tal e como podemos apreciar noutros dos debuxos desta serie, Atila en Galicia; en como “Algunha vez chegan tarde” a imaxe representa un home que se disparou na tempa xusto antes de que chegasen a buscalo á súa casa.

Ilustración de Castelao. Galicia mártir (1937). Fotografía cortesía de F. J. Baltar Tojo ©

Outro dos aspectos que podemos coñecer sobre o papel feminino na Guerra Civil a través da obra de Castelao móstrase no terceiro e último dos seus álbums, Milicianos. Neste caso o que se representa nunha das once imaxes é moi diferente ao que levamos comentado, xa que a muller non se presenta como unha vítima, senón como unha guerrilleira

Outro dos aspectos que podemos coñecer sobre o papel feminino na Guerra Civil a través da obra de Castelao móstrase no terceiro e último dos seus álbums, Milicianos. Neste caso o que se representa nunha das once imaxes é moi diferente ao que levamos comentado, xa que a muller non se presenta como unha vítima, senón como unha guerrilleira. Referímonos ao debuxo que leva o pé “Arenga”, no que se pode ver unha muller seguida por unha multitude en actitude de loita, o que constitúe un exemplo meridiano da participación activa das mulleres na loita armada. Normalmente integrábanse nos mesmos grupos que os seus compañeiros homes, aínda que tamén existiron batallóns formados en exclusiva por elas en lugares como Madrid ou Cataluña. 

No caso da Milicia Popular Galega, en cuxa configuración intervén o propio Castelao, e que chegará a participar na defensa de Madrid, hai constancia da participación de varias mulleres; con todo, a partir do outono de 1936 a presenza das mulleres na fronte foi decaendo, unha cuestión que podemos pór en relación co decreto de militarización das milicias, que aínda que non prohibía explicitamente a participación feminina na fronte, provoca a súa reorientación cara á retagarda e a tarefas auxiliares como o traballo en garderías, centros de asistencia para fillos de combatentes, confección de roupa e uniformes, así como ocupando postos desempeñados tradicionalmente por homes como a fabricación de material bélico ou como condutoras de servizos públicos. 

Unha manobra que reduciu de forma drástica a participación armada das mulleres no combate, como dicimos, pero que non as fixo desaparecer xa que hai constancia da presenza de mulleres entre as filas do Exército Popular da República. Coincidindo con ese punto de inflexión, refórzase a campaña de desprestixio das combatentes, tachándoas de ser prostitutas, de ir á fronte co obxectivo de atopar marido, de distraer os soldados coa súa presenza ou de ser as responsables da propagación de enfermidades de transmisión sexual, aínda que, evidentemente, os motivos da súa entrada en combate eran outros ben distintos como a loita política ou a defensa dos dereitos que adquiriran coa chegada da República (Berger Mulattieri, 2022: 155-160).

 

Conclusións

Pouco máis podemos engadir ao exposto sobre estas liñas. A represión sufrida polas mulleres galegas no contexto da Guerra Civil foi brutal e moi similar nos métodos e nas formas á exercida sobre o resto da poboación feminina española. Trátase de reprimir as desviacións do que se consideraba natural para o xénero feminino, pois a exhibición pública destes castigos tiña un impacto psicolóxico moi importante na poboación. Tras esta política do terror non só se atopan motivos relacionados directamente co político, senón tamén outros factores como o aumento da circulación e acceso ás armas entre a poboación ou os cambios demográficos que propiciaron que houbese máis mulleres soas. Estas mulleres que representa Castelao, ao igual que tantas outras, foron vítimas dunha dobre marxinación no discurso tradicional e hexemónico sobre o conflito: primeiro, por razón de sexo; e, segundo, pola gravidade da tipoloxía de violencia sufrida

 

Bibliografía citada

  • Berger Mulattieri, Gonzalo (2002). “La mujer combatiente en la Guerra de España: milicianas y mujeres soldado”, en Alcores: Revista de Historia Contemporánea 26, pp. 143-170.
  • Domínguez Almansa, Domingo et al. (2008). “La mujer en el vórtice del terror: golpe de estado, represión y género (Galicia 1936-1939)”, en Proxecto de Investigación Interuniversitario Nomes e Voces, Universidade de Santiago, http://www.nomesevoces.net/web/media/documento/texto_conferencia_perpignan.pdf [última consulta 20 de maio de 2023]. 
  • Informe investigación: vítimas Galicia (1936-1939). Proxecto de Investigación Interuniversitario Nomes e Voces, Universidade de Compostela. En: https://www.nomesevoces.net/gl/recursos/informes/1/informe-de-resultados-vitimas-galicia-1936-1939 [última consulta: febreiro de 2025].
  • Joly, Maud (2008). “Las violencias sexuadas de la Guerra Civil española: paradigma para una lectura cultural del conflicto”, en Historia Social 61, pp. 89-107.
  • Juana López, Jesús de. e Prada Rodríguez, Julio (2011). As mulleres en Galicia no século XX. Vigo: Ir Indo Edicións.
  • Martins Rodríguez, M.ª Victoria (2011). “Cárceles y mujeres en Galicia durante el franquismo”, en Studia Historica. Historia Contemporánea 29, pp. 87-117.
  • Prada Rodríguez, Julio e Nieto Outomuro, Beatriz (2013), “Franquismo, género y represión en la provincia de A Coruña”, en Prada Rodríguez, Julio (ed.), Franquismo y represión de género en Galicia. Madrid: Catarata.
  • Quijano, Hernán (1938). Galicia mártir. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas. Buenos Aires: Edición Neos. 
  • Souto Blanco, M.ª Jesús (2012). “Polo que fixeron e polo que eran. A represión directa e a represión transitiva contra as mulleres na Guerra Civil”, en García-Fernández, Miguel; Cernadas Martínez, Silvia e Ballesteros Fernández, Aurora (eds.). As mulleres na historia de Galicia. Santiago de Compostela: Andavira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.