
Texto publicado no número 247 de Grial
Para Pilar Sampedro M., Carmen Morán de C. e Esther M. Piñeiro, educadoras xenerorosas (1)
Jacinta Landa Vaz, que naceu en Badaxoz en 1894 e que morreu na cidade de México o 13 de xuño de 1993, coa súa última palabra “Galicia” no bico e no corazón, foi “para nós”, sobre todo, a dona de Xoán Vicente Viqueira. Como en tantos outros casos, sabiamos o seu nome con negativa visión de xénero, como ‘a dona de…’
Jacinta Landa Vaz, que naceu en Badaxoz en 1894 e que morreu na cidade de México o 13 de xuño de 1993, coa súa última palabra “Galicia” no bico e no corazón, foi “para nós”, sobre todo, a dona de Xoán Vicente Viqueira (ou Johán, na súa preferencia) e a nai de Luísa, de Jacinto e de Carmen, que foi tamén educadora. Como en tantos outros casos, sabiamos o seu nome con negativa visión de xénero, como ‘a dona de…’; neste caso, nada menos que da figura fulgurante de Johán V. Viqueira (1886-1924), a quen recordamos mediante varias iniciativas desenvolvidas durante o pasado ano 2024 e a quen “visitamos” no cimetière marin de Ouces (Bergondo), onde moran os seus restos, coa compaña dos da súa filla Luísa, a única dos tres fillos que nacera en Galicia (2).
Foi o musicólogo José Luís do Pico Orjais quen nos mostrou a figura de Jacinta Landa (Pico: 2017), figura que de seguida tamén foi reclamada por Aurora Marco na súa benemérita Irmandiñas (2021), sen esquecer que somos debedores do trazado que a finais do século XX nos trasladou o seu neto Manuel Rodríguez Viqueira a través das páxinas de A Nosa Terra e que rememorou en 2004 nas páxinas de Faro de Vigo. A través destas páxinas en 1982 trasladáranos Xesús Alonso Montero algún apuntamento sobre a filla Luísa, á que acompañou no outono de 1981 por varios lugares da súa terra da infancia. Recentemente podemos agradecer, ademais, algunha outra achega familiar e varias nótulas rexistradas en soportes dixitais, como o titulado Projeto Jacinta (3).
Con estes antecedentes, que consideramos en distinta medida (con algunhas correccións e con algúns elementos novos) achegámonos aquí á súa figura, incorporando na ocasión referencias á correspondencia coñecida (4), que se desenvolveu entre Jacinta Landa e relevantes membros do Grupo Galaxia, ocasión para que saian á escena os nomes de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Fermín Penzol e García-Sabell, coas súas respectivas donas Isabel López, Evelina Herbella, Blanca Jiménez e Teresa Tormo.
Unha educadora renovadora e republicana
Jacinta Landa Vaz nace en 1894 en Badaxoz como filla do avogado Rubén Landa Coronado e da portuguesa (evorense) Maria Jacinta Vaz Toscano. Foi enviada a Madrid en 1906, xunto co seu irmán Rubén que ía iniciar alí os estudos universitarios, a fin de realizar ela o ensino secundario na Institución Libre de Enseñanza (ILE)
Jacinta Landa Vaz nace en 1894 en Badaxoz como filla do avogado Rubén Landa Coronado e da portuguesa (evorense) Maria Jacinta Vaz Toscano, que casaron polo civil en Portugal. Un matrimonio con algún acomodo económico e de nítida orientación liberal e republicana, proxenitores doutro fillo, de nome Rubén, nado en 1890 e doutras dúas fillas, aínda que morreu nova, e Matilde. Compoñían un fogar aberto, cultivado nas letras e nas artes, amante da liberdade e de espírito krausista e institucionista. O pai, sobriño da notable escritora estremeña Carolina Coronado, era republicano, demócrata e librepensador, participante en actividades políticas progresistas baixo o liderado de Nicolás Salmerón (quen fora o primeiro presidente do Executivo da Ia República Española). Dirixiu órganos de prensa na cidade e faleceu en Badaxoz en 1923.
Jacinta foi enviada a Madrid en 1906, xunto co seu irmán Rubén que ía iniciar alí os estudos universitarios, a fin de realizar ela o ensino secundario na Institución Libre de Enseñanza (ILE) —onde residiu familiarmente neste ámbito—. Continuou a súa formación na Escola Normal ou de Maxisterio, que completou cunha formación no ensino de xordomudos e de cegos, xa avanzados os anos 10. Segundo información familiar, Jacinta compatibilizou unha parte do seu tempo de formación como asistente de laboratorio do matemático estremeño Pedro Carrasco no Observatorio Astronómico de Madrid no parque do Retiro, o que lle brindou autonomía e autoestima. Co seu título como mestra é posible que se incorporase daquela a algunhas actividades docentes da man da ILE, se ben é algo que ao día de hoxe descoñecemos.
Aqueles momentos vivíanse entre sectores ben posicionados da sociedade madrileña e nos cenáculos culturais renovadores como un tempo de apertura de horizontes e de europeización; e de afirmación feminina, do que eran botón de mostra o Instituto Internacional para mulleres que en Madrid puxera en marcha a educadora e misioneira protestante e reformista norteamericana Alice Gulick en 1903, como espazo de educación que logo dirixiu Susan Huntigton entre 1910 e 1918 (Oñero: 2025), que veu coincidir coa creación en 1915 da Residencia de Señoritas, desde a que baixo a dirección de María de Maeztu —en comuñón coa ILE— se favorecía a formación universitaria de fillas dunha burguesía culta e aperturista.
Jacinta Landa vai ser colaboradora do traballo intelectual de Xohán —mecanógrafa e poida que correctora dunha parte dos seus textos e das traducións filosóficas feitas por Viqueira—, ao tempo de ir acariñando mediante a fala cos veciños o cotián mundo sociocultural galego, permitíndolle isto comprender os devezos telúricos e sociais do seu compañeiro ata facer de Galicia un espazo referencial e propio
Jacinta Landa debeu ser participe daquel ambiente, e desde tal contexto puido entrar en relación con Xohán V. Viqueira, que viña exercendo a súa docencia de psicoloxía educativa desde o inicio de 1915 na ILE e no Museo Pedagóxico Nacional, baixo a protección do seu tío (grande educador e pedagogo) Manuel Bartolomé Cossío. Jacinta termina casando civilmente con el nos primeiros días de maio de 1917, cando este está a punto de aprobar as oposicións a cátedra como profesor de Filosofía de instituto de bacharelato (co rótulo de “Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito”). En consecuencia, Viqueira será destinado ao Instituto de Santiago de Compostela, logrando deseguida o traslado ao da Coruña, ao que se incorpora como catedrático o 13 de abril de 1918 e onde permanecerá ata a súa morte o 29 de agosto de 1924.
Jacinta e Johán trasládanse a vivir á Coruña (nun predio da Praza de Pontevedra), combinando esta residencia coa rural e acolledora quinta familiar dos Cortón ou de San Vitorio en San Fiz de Vixoi (Bergondo), espazo propicio para as curas de saúde de Viqueira, ao estar afectado por unha poliomelite que lle provocaba coxeira e profundas dores; un espazo propicio para o diálogo, o desfrute da natureza e a impregnación ambiental, o cultivo estético e a reflexión filosófica esixente e cultivada.
Jacinta Landa, que será sostén da natureza ferida do seu compañeiro e nai da filla Luísa desde marzo de 1918, vai ser igualmente colaboradora do traballo intelectual de Xohán —mecanógrafa e poida que correctora dunha parte dos seus textos e das traducións filosóficas feitas por Viqueira—, ao tempo de ir acariñando mediante a fala cos veciños o cotián mundo sociocultural galego —distinto e distante do madrileño, do estremeño ou do portugués que coñecía pola súa familia materna—, permitíndolle isto comprender os devezos telúricos e sociais do seu compañeiro — que era membro das Irmandades da Fala— ata facer de Galicia un espazo referencial e propio.
No tempo do verán a quinta de San Fiz, xa desde finais do século XIX, acollía con ledicia os visitantes (adultos e nenos), algúns deles acomodados alí. Por unha parte, había que contar cos tres fillos do indiano José Pascual López Cortón, Luísa, Carmen e José, coa nai deles e os tres con momentos de formación na ILE; deseguido, indicamos que Carmen casa en 1893 con Manuel Bartolomé Cossío, que tamén acode á casa patrucial, coas súas fillas Natalia e Julia; aquí están contra os anos finais do século XIX Luísa cos seus fillos Johán e María Luísa, que nacen en 1886 e 1888, respectivamente; Bartolomé Cossío trae canda si con algunha frecuencia a alma mater da ILE e amigo Francisco Giner de los Ríos (ata que este morre en 1915) e durante as súas estadías en Vixoi pasan a realizarlles visitas de cortesía e amizade distintas persoas.
En 1928 tivo Jacinta a oportunidade de reincorporarse ao mundo docente. Un grupo de familias ligadas á ILE e aos seus criterios formativos mostraron interese por pór en marcha en Madrid un centro educativo privado infantil no que o alumnado puidese alcanzar desde os seus dez anos de idade o dominio conversacional de dúas linguas estranxeiras
Esta presenza renovábase nos felices anos 10 e 20. En ocasións seguían vindo Cossío e a súa dona coas súas fillas Julia e Natalia, que casa en 1917 con Alberto Jiménez Fraud, daquela director da Residencia de Estudiantes de Madrid. Acode tamén a San Vitorio a irmá de Jacinta, Matilde, o profesor e irmán delas Ruben Landa Vaz (5), que casará coa irmá de Johán, María Luísa, o médico Juan López Suárez (Xan dos Forcados), ligado ao Institucionismo e el mesmo impulsor da Misión Biolóxica de Galicia, casado con Mariana Castillejo Duarte, e o propio José Castillejo, secretario permanente da Junta de Ampliación de Estudos (JAE), casado desde 1922 coa inglesa Irene Claremont, quen por azares da vida xa estivera na quinta de San Vitorio nos veráns de 1912: “en la cúspide de esa pirámide familiar —escribiu Irene (Castillejo, 1995)—, la figura de don Francisco Giner de los Ríos; el ‘abuelo’ le decían todos; no estaba casado”.
Desde 1917 haberían ser ledos para Jacinta estes días na quinta de San Vitorio: paseos mariñáns, algarabía de miúdos, algo de música de piano e de violín e falas sobre España, Portugal e Galicia. Nos tempos de lecer Jacinta podía sorprender a todos con, cancións, historias e recitados, uns estremeños e portugueses e outros novos aprendidos agora. Ao respecto, tivo ocasión de dicir a súa neta Jacinta Palerm, aplicándoo á vida en México: “Parecíame fascinante que recitase un poema tal e como lle ensinara a recitar a súa tía avoa Carolina Coronado” (Do Pico, 2017: 12).
A fin de procurar algunha mellora de saúde contra xuño de 1920 Johán, Jacinta e a filla Luísa viaxan a París en 1920, unha estadía que permitiría acudir a museos, teatros e concertos; como unha lúa de mel atrasada, recordou ela logo. Viñeron despois o fillo Jacinto, nado en Badaxoz, na casa da nai en 1921, e a filla Carmen, igualmente en Badaxoz en 1923. Entre tanto seguía a produción de textos escritos por parte de Johán V. Viqueira ata a fin dos seus días.
Despois do seu pasamento, Jacinta trasladouse a vivir a Madrid cos tres fillos. Xunto ao coidado deles capacitouse como matrona, entrando a colaborar na clínica madrileña do médico pontevedrés e especialista, con vencellos familiares institucionistas, Manuel Varela Radío. Axiña entrou en contacto con outras mulleres tamén defensoras dos dereitos sociais, podendo participar en 1926 na fundación do Lyceum Club Feminino, presidido pola destacada María de Maeztu, á beira de destacados nomes femininos, implicados nas loitas pola igualdade e polo logro do sufraxio universal feminino e preocupadas polo desenvolvemento educativo, cultural e profesional das mulleres. O Lyceum Club, responsable de campañas sociais reivindicativas e impulsor dunha “casa do neno” ou escola infantil gratuíta, nacía ligado ao Instituto Internacional Feminino e á Residencia de Señoritas, e reunía mulleres con destacado protagonismo público e político.
Jacinta colaborou, ademais, como educadora social nos veráns de 1933 e de 1934 nas colonias infantís que a ILE organizaba en Miraflores de la Sierra (Madrid) e en San Vicente de la Barquera (Santander)
En 1928 tivo Jacinta a oportunidade de reincorporarse ao mundo docente. Un grupo de familias ligadas á ILE e aos seus criterios formativos mostraron interese por pór en marcha en Madrid un centro educativo privado infantil no que o alumnado puidese alcanzar desde os seus dez anos de idade o dominio conversacional de dúas linguas estranxeiras, incorporando para isto profesorado nativo, xunto ao español. Era José Castillejo, exsecretario da JAE e quen puxera en marcha o Instituto-Escuela en 1918, quen promovía este novo proxecto; dábaselle nel un importante protagonismo regulador á Comisión de familias e o profesorado seríao por contratación revisable. Así abría as portas con nenos de catro e cinco anos a primeira escola bilingüe de Madrid, como Escola Internacional ou Escola Plurilingüe.
Jacinta Landa foi a directora da Escola entre os anos de 1929 a 1932, momento no que ante a que se entendeu como unha sobreactuación da Comisión de Familias, un grupo de profesores, encabezado por ela mesma, decidiu romper con este proxecto e recrear de modo independente o que seguiron denominando desde 1933 Escuela Plurilingüe, en réxime de cooperativa, que estivo presidida por Casimiro Mahou Olmeda, con quen logo casará no exilio mexicano. Pola súa parte, José Castillejo mantivo o proxecto orixinal, co nome de Escuela Internacional e os dous centros mantivéronse ata o inicio da Guerra Civil, momento este no que as dúas escolas tiñan unha matricula de arredor de 200 alumnos e alumnas en cada caso (Castillejo, 1995: 88-89).
Jacinta colaborou, ademais, como educadora social nos veráns de 1933 e de 1934 nas colonias infantís que a ILE organizaba en Miraflores de la Sierra (Madrid) e en San Vicente de la Barquera (Santander), facéndoo co apoio da súa filla Luísa, do profesor galego Jose Otero Espasandín, profesor na Escola Plurilingüe e da dona deste, Alicia Ortíz, entre outras persoas.
Cando sucedeu o golpe de Estado de 1936 estaba en Galicia, no pazo familiar de Vixoi, en Bergondo, cun grupo de nenos e nenas de familias madrileñas amigas, a modo de reducida colonia, véndose obrigada a permanecer varios meses nunha silente acollida ata que, coa intervención dunha asociación inglesa cuáquera e por impulso de Pablo de Azcárate, embaixador do goberno da II República en Londres, e previa autorización e acordo gobernamental coa Cruz Vermella Internacional (6), un barco inglés puido achegarse a porto na Coruña para embarcar a Jacinta, os seus fillos e os nenos acompañantes. Desde Francia puideron dirixirse a Barcelona e deseguida volver a Madrid, onde Jacinta se incorpora á realización de tarefas de axuda ás persoas que sufrían as consecuencias da guerra: Jacinta e o profesorado da Escola Plurilingüe cederon o edificio da escola para instalar nel, coa axuda dun comité, un albergue no barrio de Chamartín, onde podían atender desde el a fillos e fillas de familias depauperadas; permaneceron en Madrid ata os primeiros días de febreiro de 1939, cando coa súa filla Carmen pasou a Francia e incorporouse á Comisión de Axuda aos nenos españois refuxiados, ata que o 21 de xullo embarcou desde Bologne-sur-Mer a Inglaterra.
Cando sucedeu o golpe de Estado de 1936 estaba no pazo familiar de Vixoi, en Bergondo, cun grupo de nenos e nenas de familias madrileñas amigas, véndose obrigada a permanecer varios meses nunha silente acollida ata que un barco inglés puido achegarse a porto na Coruña para embarcar a Jacinta, os seus fillos e os nenos acompañantes
Entre tanto, a filla Luísa fora responsable dunha colonia infantil en Villalgordo de Júcar (Albacete) na primavera de 1937, desde onde pasou a Barcelona, onde se incorporou á Federación de Traballadores do Ensino UGT , que tiña como un dos líderes ao mestre galego Luís Soto Fernández (con quen posteriormente coincidirá en México na elaboración da magnífica publicación Vieiros), e nas Xuventudes Socialistas Unificadas, formando parte do Consello Nacional da Infancia Evacuada do Ministerio de Instrucción Pública ata agosto de 1938. Logo, cruzou tamén ela a fronteira pola Junquera camiño de Francia, onde pasou a coordinar un grupo de “nenos da guerra” que viaxaron á URSS; exerceu de monitora alí ata xullo de 1939. Pola súa parte, Jacinto incorporárase, aínda adolescente, ao exército republicano.
Comeza o exilio
Reunidos os tres fillos coa nai, embarcaron, como tantos outros, no porto inglés de Southampton que os levou a Nova York, desde onde se desprazaron a México D.F., entrando por Nueva Laredo. Alí xa chegara exiliado Casimiro Mahou, membro da familia cervexeira española, con quen termina casando Jacinta. Incorporouse por un breve tempo ao primeiro dos centros escolares creados aquí polos exiliados españois, o Instituto Hispano-Méxicano Ruíz de Alarcón, dirixido, non sen complicacións, por parte do profesor galego Pedro Martul; Jacinta encargaríase de dirixir a súa sección de ensino primario.
Logo, coa dor pola triste morte da súa irmá Matilde, militante antifascista, na cadea de Maiorca o 26 de setembro de 1942, centraríase no acompañamento das vidas das fillas e do fillo. Co seu marido recrearía unha quinta con rico e diverso xardín, atendendo ao crecemento da familia e ao nacemento de varios netos e netiñas, sen esquecer de onde procedía. Carmen chegará a ser mestra en Psicoloxía pola Universidade Nacional Autónoma de México e a doutorarse en Antropoloxía Social pola Universidade Iberoamericana, sendo docente e investigadora universitaria, vindo a morrer en 2010. Jacinto, que chegou a doutorarse en Enxeñaría, tamén na UNAM, onde exerceu a súa docencia, fíxoo en 2015. Luísa, pola súa parte, exerceu como docente no Centro Republicano Español, con preocupación sempre pola cultura e a lingua de Galicia, que aprendera co seu pai e coa avoa. Con Luís Soto animou o Padroado de Cultura Galega e a publicación Vieiros e en 1955 representou en Viena a Galicia e á España republicana no congreso “Nais pola Paz”. Finou en 2014.
A sonoridade da súa voz gravada
Cruzou a fronteira pola Junquera camiño de Francia, onde pasou a coordinar un grupo de “nenos da guerra” que viaxaron á URSS. Reunidos os tres fillos coa nai, embarcaron, como tantos outros, no porto inglés de Southampton que os levou a Nova York, desde onde se desprazaron a México D.F.
En 1946 no seu paso por Lisboa co seu home Casimiro Mahou gravara un disco rememorando vellas cancións da infancia (De Orjais, 2023: 221) e, de novo, en 1954 Jacinta Landa decidiu (á fala na semana en días pasados con Pico Orjais apareceu unha referencia bibliográfica del que debo sinalar cun detalle informativo novo) compoñer un legado sonoro para fillos e netos: decidiu gravar en cintas magnéticas nun estudo de gravación mexicano un repertorio musical cantando a capella e falando, no que evocaba melodías populares aprendidas na súa infancia de Estremadura, Portugal e Galicia e outras procedentes das colonias escolares. Chegaron a conservarse catro fitas de noventa minutos e outras catro de sesenta minutos. “O tesouro da súa memoria, que non lle puideron confiscar” como referiu Do Pico (2017: 47).
O profesor rianxeiro Pico Orjais, atento á información de que Johán Vicente Viqueira compuxera varias melodías galegas, entrou en contacto coa familia en México por saber da posible conservación de pegadas destas composicións. A neta de Jacinta, Jacinta Palerm, profesora universitaria de antropoloxía, informouno de que non sabía nada sobre a música do seu avó, pero que tiñan gravacións da súa avoa, que lle enviou, comprendendo el que tiña nas mans un valiosísimo documento, poñéndose a examinalo ata terminar configurando un libro-CD titulado O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz Galiza, Portugal e Extremadura (2017), froito da colaboración de José Luís do Pico Orjais, con Domingos Morais de Lisboa e coa estremeña Pilar Barrios. O libro contén ademais un estudo biográfico que conta coa participación de Jacinta Palerm. Salientamos que na parte do repertorio dedicado a Galicia, hai tres cancións de berce compostas por Johán V. Viqueira (letra e música), dúas sobre poemas de Rosalía de Castro e unha vintena de cantos tradicionais galegos, constituíndo en conxunto un patrimonio valiosísimo para a historia da música galega.
Galicia no corazón, antes e despois do Día das Letras Galegas (1974)
Galicia entrara no corazón de Jacinta Landa. Sentiu así a necesidade de volver á Terra, probablemente tamén a Badaxoz. Parece que o fixo por vez primeira en 1962 (segundo relatou o neto Xan Palerm), na compaña de Jacinto, e segundo os seus netos debeu volver en 1965 e en 1967, sendo a última viaxe a de 1973, un ano antes de dedicar o Día das Letras Galegas a Xoán Vicente en 1974
Galicia entrara no corazón de Jacinta Landa. Sentiu así a necesidade de volver á Terra, probablemente tamén a Badaxoz. Parece que o fixo por vez primeira en 1962 (segundo relatou o neto Xan Palerm), na compaña de Jacinto, e segundo os seus netos debeu volver en 1965 e en 1967, sendo a última viaxe a de 1973, un ano antes de dedicar o Día das Letras Galegas a Xoán Vicente en 1974. Porén, eran viaxes “a outra Galicia”: unha sociedade calada e contraposta co seu pasado de luces republicanas, democráticas e laicas, agora aferrolladas polas dominantes formas autoritarias e clericais, que conseguiran adormecer os impulsos renovadores de outrora. Neste clima, a presenza de Jacinta foi discreta e poida que triste, aproveitando para recoller papeis e documentos que quedaran na quinta de San Vitorio.
En mellores termos deberon ocorrer a visita feita e os enlaces realizados en 1973. Entre eles, polo que sabemos, foron fundamentais os ligados coas xentes de Galaxia, con Francisco Fernández del Riego, e a súa dona Evelina, e con Ramón Piñeiro e a súa dona Isabel López, en primeiro lugar; se ben descoñecemos o concreto da circunstancia; isto é, como e cando comezaron estes enlaces. Jacinta Landa dirixe desde México D.F. unha nota breve a Del Riego o 6 de setembro de 1973. E outra a Piñeiro o 6 de novembro, máis extensa, na que o informa de que ademais de estar en Galicia con eles, xunto con Casimiro e Jacinto, foran a Portugal, a Estremadura, a Sevilla, a Granada, a Londres e a Dublín, onde andou cos familiares da súa amiga Janet Perry, que escribira un texto sobre Rosalía de Castro, e na carta dille estas letras de ouro:
Entre Uds. (en Galicia) me he encontrado tan a gusto, tan protegida, tan mimada!! Han logrado Uds. formar un grupo de amistad, de ideales, de trabajo en común, como yo no había vuelto a sentir desde mis años de la Institución Libre de Enseñanza.
A expresión denota que Jacinta fora agarimosamente acollida por varios membros de Galaxia coas súas donas; quizais incluso con algunha breve excursión? O encontro en Galicia debeu vir precedido por un inicio de correspondencia de Ramón Piñeiro. Que vestixios desta correspondencia se conservan en México? A non dubidalo, Ramón Piñeiro non deixou de corresponder de inmediato, dando a coñecer algunha novidade cultural acontecida, xuntándoa ás informacións recibidas por Jacinta cando acabara de estar en Galicia. Así as cousas, o 17 de xaneiro de 1974 rexistramos outra carta de Jacinta na que, en contestación sinala: “Ya no es una esperanza más o menos optimista el que el gallego sea una lengua viva en todos sus aspectos; ahora es una lengua escrita; ¡si Juan Vicente hubiese alcanzado a ver esta realidad…!! Era un sueño!!".
O Día das Letras de 1974 en honra de Xoán Vicente Viqueira concitou numerosos actos de celebración por Galicia adiante, ao que axudaron as asociacions culturais agora esparexidas pola xeografía galega
A conversación continuou, de modo que o 1 de abril Jacinta xa se comunica con proximidade: “Querido amigo Ramón: cuanto me emocionó su carta del 26 de febrero, dándome la noticia de que la Academia Gallega, por unanimidad, había acordado dedicar este año el día de las Letras Gallegas a Xohán Vicente!! Nunca le agradeceré bastante” (7). Entre novas menores comunícalle con ledicia que estaba prevista a chegada a México
D.F. de Domingo García-Sabell e manda abrazos para a súa dona Isabel. A Del Riego comunícalle o 14 de Maio: “Ya estuvo aquí García-Sabell ordenando material para enviarlo en barco cuanto antes a la Fundación Penzol (libros, revistas y manuscritos)”. E un día antes enviara carta a Ramón Piñeiro na que lle dicía:
El día 17 mi pensamiento estará por todos los rincones de Galicia, al lado de los amigos, viendo el paisaje, oyendo el mar!!...Ventajas de estar lejos, que nos permite estar en muchos sitios al mismo tiempo!!, e suxírelle: Cuando me escriba, si le es igual, hágalo en gallego.
O Día das Letras de 1974 en honra de Xoán Vicente Viqueira concitou numerosos actos de celebración por Galicia adiante, ao que axudaron as asociacions culturais agora esparexidas pola xeografía galega. RP debeu informala, enviando numerosos recortes de prensa dos varios xornais de Galicia, e Jacinta, chea de emoción ante este cúmulo de noticias, confésalle en carta do día 30:
Pueden Uds. figurarse mi alegría al ver ahora con que fuerza, con que amor y con que entusiasmo ha surgido su recuerdo! Ahora puedo morirme más contenta […]. Me ha dado mucho gusto comprobar el entusiasmo de los jóvenes en el Día das Letras Galegas vendiendo libros por todas partes.
Despedíase ese día 30 coa seguinte fórmula: “un fuerte abrazo con todo mi cariño. Jacinta”. En poucos días, o 11 de xuño, escribíalle a Ramón Piñeiro: “Hoy he recibido una encantadora carta de Blanquita Penzol; el cariño que me demuestran!”; carta que ía acompañada dunha foto do cemiterio e da igrexa de Ouces na que se percibía un alcipreste singular, o que a move ao seguinte comentario: “Cuanto ha crecido el ciprés que planté chiquito!” (8) e continuaba:
Aquel pedacito de campo en el cementerio de Ouces nunca ha pretendido ser un hermoso jardín, pero está lleno de recuerdos: la vinca-pervinca de Rousseau, que aunque se pise o se corte siempre da sus florecillas azules, algunas cebollas de flores del jardín de San Fiz que florecen todos los años y algunas plantas de alecrín, que tanto le gustaba a Juan Vicente y que proceden, unos de esquejes que llevé de la tumba de don Francisco Giner, y otros de plantas arrancadas en la sierra de Guadarrama por donde tanto paseamos juntos, conchas y piedrecitas de muchos sitios, recogidas por los niños (hijos, nietos y biznietos) en las playas y por muchos sitios, ya mezcladas con la tierra. El ciprés es un símbolo de la vida de Juan Vicente: cuando lo planté pequeño era precioso y fue creciendo en hermosura, pero cuando sobrepasó la altura del muro y se vio desde fuera, empezaron sus sufrimientos y el tronco tiene las cicatrices del hacha del fanatismo e incomprensión. Pero, a pesar de todo creció con una fuerza increíble.
A moi poucos días de distancia, o 19 de xuño, escribe a Del Riego para celebrar a edición da antoloxía de textos de Viqueira, co título A Galicia de mañá, agradecéndolle o limiar, e o 24 de xullo infórmao tamén da recepción en México de varios libros de Galaxia, das reedicións varias de Viqueira e de varios números de Grial. Dille, tamén, que acababa de enviar o fondo documental de Viqueira para a Fundación en Vigo; é Del Riego quen lle dará conta da recepción en carta de 26 de novembro. Aínda o 13 de agosto renovaba comunicación con Ramón Piñeiro para dicirlle que acababa de recibir unha casete magnetofónica coa súa disertación sobre Viqueira; unha idea magnífica, expresou, podelo recibir así.
En setembro haberá máis cartas para Ramón Piñeiro e para Isabel: o día 12 comunícalles que recibira máis recortes de prensa sobre Viqueira e o Día das Letras Galegas e agradecíao. Dálles conta tamén de que viña de falecer alí a súa cuñada María Luísa, a irmá de Johán e dona do seu irmán Rubén. O día 26 maniféstalle a súa ledicia ante a edición, que viña de recibir, de Ensaios e poesías, a reedición con limiar de García-Sabell do volume que en 1930 prologara Ramón Tenreiro, daquela con título en castelán e, estando sobre aviso, dicíalle a Piñeiro: “Cuando salga la revista Vagalume dígame, por favor, como puedo suscribirme a ella”.
Jacinta Landa, corazón galego en México, deixaría de latir en 1993, despois de trasladar esta enerxía aos seus fillos
Logo de varios meses escríbelle a Ramón Piñeiro o 23 de xaneiro de 1975: “Cada carta que recibo de Uds. es siempre un gran placer. Adjunto una carta de Castelao para contribuir de alguna forma al homenaje que le preparan. La he conservado siempre como recuerdo del amigo y del hombre de una calidad humana excepcional”. En marzo diríxese a Del Riego para agradecer a recepción da fermosa edición do Almanaque de Galicia, libro conmemorativo dos 25 anos de creación de Galaxia, entre outras publicacións, e tamén o fai en abril.
Logo, a comunicación postal redúcese; Jacinta xa vai por máis aló dos oitenta anos. O 16 de marzo de 1977 exprésalle en carta a Piñeiro e a Isabel:
Cada noche, antes de dormirme, mis recuerdos andan por Galicia y ahí están Uds. Si cuando muera no he perdido el conocimiento mi última palabra será Galicia. Tengo esperanzas de que pronto vengan días de gran felicidad para ella.
En carta nova de 1 de decembro, agradecendo as cartas e recortes de prensa recibidos, manifesta a súa ledicia por estar inaugurado o Museo do Pobo Galego en Santiago, e ao seguir atenta ás cousas que ían pasando na Terra exprésalles o 15 de marzo de 1979 ante os achaques da saúde: “Cúidense. Yo también me cuido mucho para ver si alcanzo a saber que mi querida Galicia tiene su autonomía”, e así, en novembro de 1980, segue dicindo: “Ya a mis oitenta e seis años escribo poco porque tengo la vista muy cansada, pero recuerdo a mi familia gallega con el cariño de siempre”, e na expresión parecía incorporar aos amigos de Galaxia, de tal modo que en carta de 11 de abril de 1981 dóese do falecemento de “mi querido amigo Fermín Penzol; pienso mucho en Blanca” (a súa dona). Na mesma carta expresa o seu xúbilo: “La noticia de que ya habrá cátedras de lengua gallega es la última alegría de mi vida en recuerdo de Juan Vicente”. Aínda o 1 de agosto de 1982 chega a derradeira carta das conservadas na Fundación Penzol dirixida a Ramón Piñeiro e a Isabel: “Me entero con gusto que Santiago es la sede del Parlamento. Deseo para mi Galicia todo lo mejor”.
Jacinta Landa, corazón galego en México, deixaría de latir en 1993, despois de trasladar esta enerxía aos seus fillos
Notas
1. Canda elas, as netas e netos de Jacinta, Alicia López, Miguel Carnota, Suso Torres e Marta Pumaros.
2. Morta en México en novembro de 2014, os seus restos están cabo dos do seu pai no cemiterio de Ouces desde a primavera de 2015. Véxase Patricia Arias Chachero: https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4198 e Carme Vidal: https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/cinzas-luisa-viqueira-volven-do-exilio/20150417164713036635.html 17-IV-2015
3. https://sites.google.com/view/projetojacinta/p%C3%A1gina-principal
4. Correspondencia gardada nos fondos da Fundación Penzol e do Arquivo Fernández del Riego, na Casa Galega da Cultura en Vigo. Referencias CA- 270/014 (18 cartas de Jacinta Landa a Ramón Piñeiro, datadas entre 1973 e 1982) e FR-CA-015/026 (Correspondencia de Jacinta Landa con F. Fernández del Riego datada entre 1973-1979). Correspondencia da que fomos sabedores a través do nº 31 do documento Novas Penzol (outubro de 2024): https://hoxe.vigo.org/pdf/PENZOL/NovasPenzol31Centenario-XohanViqueira.pdf
5. Tamén exiliado en México onde morreu en 1978. Rubén Landa foi un destacadísimo educador e profesor republicano con accións e obras destacadas en varias direccións, tanto en España como posteriormente en México.
6. Segundo ten informado o seu neto Manuel Rodríguez Viqueira ao profesor Elixio Villaverde García, en entrevista realizada en México.
7. As decisións e acordos alcanzábanse daquela, cando a RAG comezaba a tomar maior constancia de si mesma, aínda precariamente baixo a lousa do franquismo.
8. O alcipreste que Jacinta plantou e que se erguía en 1974, como se pode ver nunha das fotos que Torres Regueiro incorporou no seu libro (1987), non existe actualmente, debido a unha reestruturación do cemiterio, sendo mágoa que non se conservase ou se plantase un fillo a partir do anterior.
Bibliografía
Castillejo, Jacinta (1995). Respaldada por el viento. Madrid: Castalia.
Marco, Aurora (2021). Irmandiñas. Santiago de Compostela: Laiovento.
Oñero, Cristina (2025). En el jardín de las americanas. Madrid: Taurus.
Pico Orjais, J. L. (2023). “Jacinta Landa Vaz: a jardineira leal, en Vicente Ricas, Ana (Dir). A música represaliada. Unha foliada de memoria. Pontevedra: Deputación, 2023, 212-222.
Pico Orjais, J. L. do et alii (2017). El legado sonoro de Jacinta Landa Vaz. Galicia, Portugal, Extremadura. Santiago de Compostela: Acentral Folqué.
Rangel Mayoral, Modesto Miguel (2006). Rubén Landa Vaz. Un pedagogo extremeño de la Institución Libre de Enseñanza. Mérida: Editora Regional de Extremadura.
Torres Regueiro, Xesús (1987). Xoán Vicente Viqueira e o nacionalismo galego. Sada: Ediciós do Castro.