
Texto publicado no número 246 de Grial
Os economistas estamos escasamente preparados para predicir o futuro, pola complexidade da vida social, a imperfección dos nosos instrumentos e a propia reflexividade da materia da que tratamos: o coñecemento do que podería pasar conduce a pór en marcha políticas que modifican esa traxectoria. Isto ten unha parte boa: dentro de certos límites, o futuro económico de calquera país depende das decisións individuais e colectivas que adopten os seus habitantes, empresas e institucións.
Os economistas estamos escasamente preparados para predicir o futuro, pola complexidade da vida social, a imperfección dos nosos instrumentos e a propia reflexividade da materia da que tratamos. Isto ten unha parte boa: dentro de certos límites, o futuro económico de calquera país depende das decisións individuais e colectivas que adopten os seus habitantes, empresas e institucións
Claro que existen precedentes en sentido contrario. Keynes, un progresista liberal, atreveuse en 1928 a formular unha visión do que sucedería a longo prazo no sistema económico, nunha conferencia que logo transformou no artigo cuxo título adaptamos (1) para este traballo (Keynes, 2009): éxito material e posíbel infelicidade espiritual. Schumpeter (1968), un conservador, vía en cambio a fin do capitalismo como inelutábel, pese ao seu triunfo material, porque cría que o progreso socavaba as bases sociais do sistema. Neste sentido, estaba contaminado do marxismo que o rodeara na súa mocidade (foi ministro de Economía dun goberno de orientación socialista en Austria, xusto despois da Primeira Gran Guerra). A propia obra de Marx pode ser considerada unha ambiciosa proxección da caída do capitalismo —frustrada—. Evitemos a tentación de converternos en economistas predicadores (Stigler, 1986) ou profetas.
Ter unha base xeográfica (Galicia) e temporal (25 anos) axuda a delimitar as cuestións, pero non é suficiente. Debemos disciplinar a nosa tarefa. Como? Seguindo un método.
Primeiro, referindo o que ten sucedido en síntese á economía de Galicia nos últimos 25 anos. Segundo, proxectando que pasaría se esa traxectoria se prolongase nas próximas décadas. Terceiro, indicando os cambios máis probábeis. Comezando polos cambios endóxenos, os provocados polo propio desenvolvemento da economía e a sociedade de Galicia nos últimos tempos; a desagrarización, por exemplo, só pode ocorrer unha vez. E seguindo polos cambios esóxenos: as oportunidades e ameazas que albiscamos, desde a aceleración dos procesos de cambio tecnolóxico e do modelo enerxético ás modulacións da globalización; das tensións xeopolíticas ás transformacións previsíbeis na realidade española. Por último, en cuarto lugar, indicando onde é prioritario actuar para corrixir traxectorias e mellorar as posicións. O noso texto trata de integrar eses catro tipos de elementos. Asumindo, iso si, que debemos priorizar algúns puntos, aínda a custa de insatisfaccións e críticas.
Os cambios recentes: Galicia, unha historia de éxito (parcial)
No que levamos de século XXI Galicia está a converxer en produción por habitante coa media española. No ano 2000 o indicador situábase no 77,6 por cento desa media, cifra que en 2023 tiña ascendido ao 92,5 por cento, o valor máis alto da serie histórica. nestes últimos vinte e cinco anos a converxencia ten lugar basicamente debido á dinámica produtiva, ás forzas do mercado
No que levamos de século XXI Galicia está a converxer en produción por habitante coa media española. No ano 2000 o indicador situábase no 77,6 por cento desa media, cifra que no último exercicio con datos dispoñíbeis (2023) tiña ascendido ao 92,5 por cento, o valor máis alto da serie histórica. Na provincia de Ourense, a máis distante no inicio do período, pasamos dun 70 por cento a un 91 por cento da media española. A tendencia é clara e persistente, só con pequenos altibaixos, aínda que o ritmo da converxencia freouse claramente na última década, a partir da crise de 2008-2013.
A converxencia tamén ten lugar de utilizarmos a renda dispoñíbel bruta dos fogares e a renda dispoñíbel axustada (que inclúe os consumos en especie dos que prové a Administración pública, fundamentalmente educación e sanidade). Nestes indicadores, que miden a capacidade de gasto e o benestar material da poboación, Galicia alcanza actualmente o 96,5 por cento e o 97,2 por cento do estándar medio español, respectivamente.
A análise conxunta desas variábeis mostra dúas cousas. A primeira, que nestes últimos vinte e cinco anos a converxencia ten lugar basicamente debido á dinámica produtiva, ás forzas do mercado. A segunda, que persiste o papel equilibrador do sector público, tanto na redistribución interpersoal como interterritorial da renda, con efectos positivos para aqueles territorios que aínda están por baixo da media. No caso galego isto reflíctese en que os nosos fogares contan cunha renda dispoñíbel superior, máis próxima á media española, que a produción xerada (Fernández Leiceaga e Lago Peñas, 2024a).
O balance presenta máis sombras no contexto da Unión Europea. Na primeira década deste século, Galicia acelerou a converxencia coa media europea na produción por habitante: o PIBpc en paridade de poder de compra pasou do 76 por cento no ano 2000 ao 90 por cento en 2007-2008. Pero isto foi seguido dun acusado deterioro durante a crise de 2008-2013, consecuencia da especial intensidade coa que esta afectou á economía española. Sen que o crecemento económico do último decenio, coa breve interrupción da pandemia da Covid-19, permitise recuperar máis que unha parte dese retroceso. O resultado é que chegamos a 2023 cun PIBpc do 84 por cento da media da UE-27, 6 puntos por baixo do valor alcanzado quince anos antes, se ben claramente superior ao de comezos de século.
O principal sustento dese proceso foi o notábel incremento da produtividade do traballo en relación á media española. Ademais, Galicia pasou dun déficit global no comercio exterior de bens de servizos superior ao 10 por cento do PIB a comezos de século, a un saldo equilibrado e mesmo superavitario nos anos recentes
Como consecuencia deses cambios, Galicia aparece hoxe no contexto español como unha comunidade autónoma cun desenvolvemento económico medio-baixo, próximo á media tanto na produción como na renda por habitante. Ocupamos o posto 9 entre as 17 CC. AA., lonxe aínda das máis desenvolvidas, pero por encima das da metade sur da Península, Canarias, Asturias e desde 2023 de Cantabria. Tamén no contexto da UE-27 a posición actual de Galicia é a dunha rexión cun nivel de desenvolvemento medio-baixo, que xa non forma parte das “rexións menos desenvolvidas” (aquelas cun PIBpc inferior ao 75 por cento da media), a pesar do retroceso relativo dos últimos 15 anos.
A converxencia no produto e na renda por habitante con España tivo a súa base en certos fenómenos que cómpre destacar, e acompañouse doutras mudanzas relevantes na nosa realidade socioeconómica.
1- O principal sustento dese proceso foi o notábel incremento da produtividade do traballo en relación á media española. No ano 2000, para o conxunto da economía, Galicia estaba no 88,2 por cento da produción media por hora traballada de España; en 2023 sitúase no 96,4 por cento. A pauta sectorial amosa traxectorias diversas. Onde estabamos máis lonxe, no sector agrario, a aproximación é intensa; na industria xa igualamos a media española; nos servizos de mercado, en cambio, estamos aínda a unha certa distancia (non así nos públicos). A situación actual indica que aínda temos marxe para converxer sobre todo nas ramas dos servizos cunha menor produtividade relativa. Esa converxencia na produtividade veu da man de fenómenos como a cualificación en ascenso da forza de traballo (educación), a adaptación organizativa aos mercados (crecemento orgánico, especialización e tecnificación das empresas), a adopción de prácticas empresariais modernas e diferentes tipos de innovacións (Lago Peñas, 2024).
2- Eses fenómenos, e a conseguinte mellora da competitividade, tiveron o seu reflexo no comercio externo. Galicia pasou dun déficit global no comercio exterior de bens de servizos (computando tanto o realizado co resto de España como o internacional) superior ao 10 por cento do PIB a comezos de século, a un saldo equilibrado e mesmo superavitario nos anos recentes. Isto foi posíbel pola inserción crecente nos mercados internacionais, tanto coa UE como co resto do mundo, saldada cun continuo superávit comercial nos últimos 15 anos. Ao mesmo tempo, seguiu perdendo relevancia o comercio co resto de España, que pasou de supoñer dous terzos dos intercambios exteriores de Galicia a pouco máis do 40 por cento na actualidade.
O elemento máis negativo é a dinámica do emprego. A base humana da nosa economía, medida en horas traballadas, creceu a un ritmo moi inferior ao español. Facémonos máis prósperos, pero ao tempo pesamos cada vez menos demograficamente en España
3- En contraste con iso, o elemento máis negativo é a dinámica do emprego. A base humana da nosa economía, medida en horas traballadas, creceu a un ritmo moi inferior ao español. En 2023 trabállanse en Galicia un 9,4 por cento máis de horas que no ano 2000, mentres que en España a expansión foi moi superior (+19,5 por cento). Só aumentou o emprego nos servizos (+38,8 por cento), a un ritmo inferior ao do conxunto de España, mentres que tanto o sector agropesqueiro (-30,7 por cento) como a construción (-32,7 por cento) e a industria manufactureira (-26,2 por cento) amosan unha redución moi significativa, máis intensa que a española, excepto na industria. As melloras de produtividade teñen un compoñente innegábel de racionalización, e son a outra cara da moeda do axuste laboral.
Esa evolución das horas traballadas foi compatíbel cun crecemento máis intenso da poboación ocupada (que por tanto reduce, en media, a duración da xornada). Pasamos de 987.000 mil ocupados no primeiro trimestre de 2000 a 1.127 mil no primeiro trimestre de 2024, un aumento (14 por cento) de todos modos moi inferior ao rexistrado en España (40 por cento). Este incremento foi protagonizado polas mulleres, que se incorporan como asalariadas no sector terciario (servizos públicos e privados). E por unha inmigración pouco intensa, en relación con España, pero xa significativa. A pesar diso, nas dúas últimas décadas Galicia mantivo unha taxa de ocupación (porcentaxe da poboación en idade laboral que traballa) similar ou inferior á española e a moita distancia da media da UE. Nestas décadas só logramos compensar parcialmente a forte caída da poboación ocupada que rexistrara a economía galega no período 1975-2000.
4- A dinámica comparativamente desfavorábel do emprego constitúe en boa medida o factor explicativo último do que é unha constante desde mediados do século XX, e que continuou nas décadas recentes: o estancamento do número de habitantes e a perda de peso poboacional. Facémonos máis prósperos, pero ao tempo pesamos cada vez menos demograficamente en España (López Iglesias, 2016). En concreto, no período 2000-2023 o peso económico de Galicia mantívose estábel no 5,2 por cento do PIB español; se converxemos no PIBpc foi porque pasamos de contar co 6,7 por cento dos habitantes a inicios de século ao 5,6 por cento na actualidade. Nestes vinte e cinco anos, mentres España gañou preto de 8 millóns de habitantes (pasou de 40,6 a 48,4 millóns), a poboación galega, con pequenas oscilacións, permaneceu estancada en 2,7 millóns.
Esa dinámica demográfica derívase dun saldo vexetativo negativo que se foi agravando co tempo, compensado pola inmigración neta do estranxeiro (chegada de retornados e cada vez máis de inmigrantes en sentido estrito). O resultado final é un estancamento do número de habitantes e un crecente avellentamento. Ao mesmo tempo, as migracións internas contribuíron a que proseguise a concentración da poboación nas áreas urbanas e a regresión demográfica das zonas rurais; iso si, con importantes diferenzas dentro dun rural cada vez máis heteroxéneo.
Pensando no horizonte de 2050, será posíbel manter os ritmos de crecemento económico e de converxencia con España? Vimos que o crecemento potencial da economía española é un importante condicionante para Galicia, ao ser o principal mercado (aínda que foi perdendo peso) e unha fonte de transferencias
5- Un factor clave, tanto para a xeración de emprego como para a mellora da produtividade, é a magnitude e composición dos investimentos. A taxa de investimento na economía galega, a porcentaxe do PIB dedicada a Formación Bruta de Capital (FBC), mantívose en niveis elevados durante a fase de expansión económica 19952007, até chegar a superar o 30 por cento, un valor superior ao español e claramente por encima da media da UE. Aínda que máis da metade correspondía a investimentos inmobiliarios e noutras construcións. Pero esa taxa de investimento reduciuse á metade na crise de 2008-2013 e case non se recuperou nos anos posteriores de crecemento económico. Así, nos anos recentes a taxa limítase ao 15 por cento, 17 por cento, un nivel baixo, inferior á media española (21 por cento) e a maior distancia da UE (23 por cento).
O papel central nesa evolución corresponde ao investimento privado, que na última década mostra na nosa economía unha significativa debilidade e unha perda de posicións no contexto estatal e europeo. Pola súa parte, a taxa de investimento público (3 por cento-4 por cento do PIB nos anos recentes) continúa algo por encima da española, pero cuns niveis que supoñen a metade dos alcanzados en 2008-2009.
Como xa se indicou, o papel do sector público ten sido fundamental na converxencia (Fernández Leiceaga e López Iglesias, 2013). Por un lado, mediante o sostén de rendas grazas ao sistema de pensións (como vimos na comparativa entre PIB e renda dispoñíbel). Entre 1999 e 2023 o número de pensionistas aumentou por riba do 15 por cento e a pensión media, en euros constantes, un 50 por cento (incrementándose máis que en España). Dado o funcionamento do sistema de reparto (son os traballadores actuais os que financian as pensións correntes), o desequilibrio do sistema en Galicia é maior que en España. Por outro, grazas ao funcionamento do sector público autonómico (en moita maior medida que local) como provedor dos servizos básicos do sistema de benestar (sanidade, educación, servizos sociais, como vimos na comparativa entre renda dispoñíbel e renda dispoñíbel axustada). O modelo de financiamento actuou como equilibrador das diferenzas en capacidade tributaria, permitindo que as comunidades autónomas con menor nivel de renda tivesen capacidade de ofertar un nivel de prestacións similar ás máis prósperas.
Noutra dimensión, o sector público central fixo unha relevante contribución neste tempo (con altibaixos moi marcados polas conxunturas económicas e políticas) á dotación de infraestruturas, singularmente de transporte, pero tamén enerxéticas ou de comunicacións, que favoreceron a evolución da produtividade.
Prospectiva no horizonte 2050
A mellora da saúde por riba dos sesenta anos, a maior esperanza de vida e a intensificación dos incentivos para seguir en activo poden xogar un papel. En calquera caso, a proporción de inmigrantes no conxunto da poboación ocupada iría aumentando progresivamente. E benvidos sexan, porque permitirán superar déficits específicos de man de obra e sustentar o noso crecemento económico. Teremos un reto novidoso: a xestión da coexistencia dunha poboación avellentada e unha inmigración intensa.
Pensando no horizonte de 2050, será posíbel manter os ritmos de crecemento económico e de converxencia con España? Vimos que o crecemento potencial da economía española é un importante condicionante para Galicia, ao ser o principal mercado (aínda que foi perdendo peso) e unha fonte de transferencias. De acordo con algunhas estimacións, o crecemento potencial do PIB de España a longo prazo sería do 1,3 por cento real anual, pero, de ter en conta os efectos positivos dos fondos Next Generation e das reformas estruturais asociadas, esta cifra podería chegar até o 1,9 por cento (Cuadrado et al., 2022). Se España e Galicia crecesen ao mesmo ritmo, como sucedeu nas dúas últimas décadas, sería o comportamento demográfico o que determinase a evolución do seu produto por habitante.
Con todas as cautelas precisas sobre as proxeccións demográficas, o recente traballo do INE (2024) permite debuxar o escenario até 2039. A primeira vista, continuarán as tendencias das últimas décadas. Mentres España crecerá en algo máis de 5 millóns de habitantes, o tamaño demográfico de Galicia permanecerá estábel. Un saldo vexetativo negativo, de ao redor de 20.000 mil persoas anuais, contrapesado por unha inmigración exterior potente e por unha inmigración do resto de España de certo porte, que é a principal novidade desta fase. Quizais non debamos tomalo como unha proxección e si como unha aposta, dada a maior imprevisibilidade dos fluxos migratorios. En todo caso, para Galicia sería un escenario relativamente optimista se o comparamos con proxeccións previas.
Con esta evolución demográfica, se a economía galega logra manter un ritmo de crecemento similar ao español, na segunda metade da década de 2030 conseguiría a converxencia en produto por habitante coa media española (culminando a tendencia das últimas décadas). Chegariamos a ese horizonte representando o 5,2 por cento tanto do PIB como da poboación de España (un peso demográfico algo inferior ao actual 5,6 por cento).
Precisamos unha estrutura empresarial de compañías que gañen dimensión, porque moitas das actividades necesarias na nova economía teñen custos fixos elevados
Para iso sería preciso, en primeiro lugar, cando menos manter o mesmo número de persoas ocupadas e de horas traballadas. A taxa de dependencia demográfica (2) en Galicia acadaría o 74,8 por cento en 2039 (62,5 por cento para España), correspondendo o 57,8 por cento á dependencia senil (43,1 por cento para España). Dado que a poboación en idade de traballar (16-64 anos) vai perder peso no conxunto (e por tanto en termos absolutos), para manter a base de traballadores precisamos elevar a taxa de ocupación (3); aínda que, de acordo cos nosos cálculos, só até o 72 por cento (en 2039) desde o actual 66 por cento. Este nivel sería perfectamente factíbel simplemente absorbendo o desemprego existente hoxe, e non desentoaría cos que amosan algúns países desenvolvidos (situaríanos no entorno da media actual na UE-27). De forma adicional, contamos con marxe noutros dous aspectos: a profundización da incorporación da muller ao mundo laboral e unha maior actividade de ambos sexos por riba dos 55 anos, elevando a idade efectiva de xubilación. A mellora da saúde por riba dos sesenta anos, a maior esperanza de vida e a intensificación dos incentivos para seguir en activo poden xogar un papel neste sentido. En calquera caso, a proporción de inmigrantes (nacidos fóra de España e noutras comunidades) no conxunto da poboación ocupada iría aumentando progresivamente. E benvidos sexan, porque permitirán superar déficits específicos de man de obra e sustentar o noso crecemento económico. Teremos un reto novidoso: a xestión da coexistencia dunha poboación avellentada e unha inmigración intensa.
Esta evolución (o mantemento do volume global de emprego) supón modificar a caída constatada nos últimos cincuenta anos. Pero cómpre ter en conta que a case totalidade dese axuste laboral concentrouse no sector agrario, unha tendencia que dadas as cifras actuais de emprego neste sector non é previsíbel que continúe máis que marxinalmente.
Se Galicia fose quen de manter o volume de emprego, a converxencia coa media española no PIB por habitante obrigaría ademais a un notábel esforzo de mellora da produtividade. Quizais fose posíbel incrementar lixeiramente o número de persoas ocupadas, dependendo da capacidade de expandir os bens e servizos vendidos no exterior; pero non até o punto de poder prescindir dun aumento significativo da produtividade do traballo (4). Que esixencias supón isto?
Debemos favorecer a diversificación comercial e a colaboración con Portugal, que ofrece algúns elementos dos que carecemos e beneficia a nosa competitividade. En xeral, a nosa condición periférica matízase se integramos Galicia no contexto atlántico, e esta é unha vantaxe competitiva que hai que aproveitar: desde os cabos submarinos ás infraestruturas portuarias poden facilitar converternos en nexo de unión con América e a Europa atlántica
Non podemos agardar xa que a reestruturación sectorial achegue melloras substanciais da produtividade, como no pasado. O transvase de recursos desde o sector agrario aos servizos, de producirse, será moi limitado e con efectos escasos sobre a produtividade global. É posíbel aínda aproximarse á media española no sector agrario, nalgunhas ramas industriais e sobre todo nos servizos de mercado. Pero as ganancias relativas de produtividade con España teñen que proceder principalmente dunha especialización máis intensa en actividades de alto valor engadido por unidade de traballo ou dun maior peso de empresas con vantaxes competitivas nos seus sectores.
A especialización é demasiado fina, e o risco de equivocarse demasiado elevado, para centrar as estratexias e políticas públicas nun número reducido de opcións sectoriais. Trátase máis ben de impulsar políticas horizontais, dispoñíbeis para un conxunto amplo de actividades, que eleven o valor engadido actual ou potencial. Ofrecemos algunhas orientacións en cinco planos diferentes:
1- Impulsar as actividades nos servizos avanzados a empresas, unha das áreas onde o noso déficit comercial externo é máis elevado. A concentración destas actividades en Madrid (en Barcelona moito menos) explícase en boa medida polas vantaxes asociadas ao traballo a distancia, a redución dos custos dos desprazamentos e o proceso de concentración das sedes das empresas. Pero, neste contexto, Galicia debe xogar as súas bazas, estabelecendo unha estratexia específica para a captación de sedes centrais ou territoriais das compañías, así como de promoción dos servizos avanzados.
2- Favorecer o crecemento orgánico das empresas existentes e o mantemento das súas sedes en Galicia. Precisamos unha estrutura empresarial de compañías que gañen dimensión, porque moitas das actividades necesarias na nova economía teñen custos fixos elevados. E porque os indicadores sinalan que dimensión empresarial, innovación e produtividade están ligadas. Neste aspecto, reduzamos de entrada os nesgos regulatorios que dificultan o crecemento do tamaño empresarial.
Galicia conta aínda cun importante potencial no sector agroalimentario, se somos capaces de combinar a mobilización produtiva das superficies abandonadas e o desenvolvemento da industria transformadora das materias primas agrarias
3- Apoiar de forma máis decidida a difusión das novas tecnoloxías e a innovación de fronteira. Temos unha forza de traballo ben formada no básico, pero precisamos incorporar procesos de formación especializada (formación dual, tamén no plano universitario, e formación continua) e, sobre todo, a xeración de postos de traballo que ofrezan unha saída laboral ás persoas que forma o noso sistema educativo. Os apoios ás actividades de I+D+i empresarial teñen que ser reforzados, pero ligados á medición dos resultados.
4- Favorecer a diversificación comercial e a colaboración con Portugal, que ofrece algúns elementos dos que carecemos e beneficia a nosa competitividade. En xeral, a nosa condición periférica matízase se integramos Galicia no contexto atlántico, e esta é unha vantaxe competitiva que hai que aproveitar: desde os cabos submarinos ás infraestruturas portuarias poden facilitar converternos en nexo de unión con América e a Europa atlántica.
5- Desenvolver as vantaxes comparativas que poden derivarse do aproveitamento eficiente e sustentábel dos nosos recursos naturais, a través da súa ordenación, do impulso de actividades de maior valor engadido e do peche dos ciclos produtivos. A modo de exemplo, Galicia conta aínda cun importante potencial no sector agroalimentario, se somos capaces de combinar a mobilización produtiva das superficies abandonadas (Corbelle et al., 2022) e o desenvolvemento da industria transformadora das materias primas agrarias, priorizando os produtos de maior valor engadido e a aposta pola diferenciación e a calidade.
—Dispor de auga abundante así como de enerxía de fontes renovábeis a baixo custo pode converterse nun importante factor de competitividade, nun contexto no que moitas actividades de futuro son altamente demandantes de ambos insumos. O reto radica en que o aproveitamento destes recursos sirva de base para cadeas produtivas que contribúan de modo relevante á xeración de emprego e ao desenvolvemento da economía galega.
A IA pon en cuestión entre o 20 e o 30 por cento dos postos de traballo actuais en Galicia, aínda que esta proporción podería aumentar. Efectivamente, terá un impacto positivo sobre a produtividade xeral e a creación de emprego en novas áreas. Pero podemos quedarnos atrasados na aparición dun novo paradigma; volver ser, outra vez, periferia do sistema
En canto ao papel do sector público, ademais do apuntado, cabe engadir dúas notas:
1- Será imprescindíbel facer un uso eficiente dos gastos públicos en capital (Vaquero et al., 2024), tanto para alentar a consolidación dunha estrutura empresarial sólida e competitiva como para mellorar as infraestruturas. Os recursos do PRTR (os fondos Next Generation EU) son unha oportunidade que remata no ano 2027 (Fernández Leiceaga e Lago Peñas, 2024b). Alén desa data, dependeremos dos fondos estruturais e de investimento europeos, a execución dos do actual período 2021-2027 e o que suceda na UE a partir de 2028. E tamén da eventual creación en España dun Fondo de Compensación Interterritorial digno deste nome, que dea cumprimento ás previsións constitucionais.
2- Polo tanto, os apoios públicos aos investimentos empresariais deberían ter un enfoque máis selectivo, e ir substituíndo as subvencións por outros mecanismos: a mellora do acceso ao financiamento (instrumentos financeiros) e a participación pública directa para promover proxectos estratéxicos. Neste sentido, o subsistema de apoio ao emprendemento e de fomento do capital risco aínda é susceptíbel de melloras. Por outro lado, os investimentos públicos en infraestruturas deben reorientar as prioridades (centrando estas na dixitalización, auga e enerxía), e responder a un deseño realista da estrutura territorial futura da economía galega.
No que se refire ao rol do sector público na renda e benestar da poboación, podemos facer tamén algunhas consideracións prospectivas. Salvo que teña lugar unha explosión inmigratoria (que dependería da creación de postos de traballo), o grao de avellentamento vai aumentar considerabelmente e manterase a un nivel moi superior á media española. O que ten dúas consecuencias diverxentes. Por unha parte, o fluxo de recursos a través do sistema de seguridade social seguirá proporcionando renda dispoñíbel en Galicia, cos efectos sobre o consumo e o aforro. Cotizaremos a un nivel medio, se a produtividade por hora converxe coa española, pero a estrutura demográfica manterá un peso máis elevado das pensións. Por outra parte, a demanda de recursos sanitarios e de servizos sociais continuará en ascenso. A introdución de métodos que permitan aforros nestes ámbitos será fundamental —en realidade, no conxunto das actividades públicas—. Confiamos en que a aplicación de técnicas de intelixencia artificial permita reducir o custo unitario destes servizos.
Ao mesmo tempo, a paulatina converxencia en renda por habitante acabará por provocar que no sistema de financiamento autonómico os recursos que cheguen a Galicia procedan nunha proporción cada vez maior das bases impoñíbeis radicadas no territorio galego. Se hai algunha diferenza, esta terá que proceder da atención ás necesidades de gasto derivadas do avellentamento e da dispersión.
Incertezas e riscos externos
Cómpre apostar pola xeración de coñecemento. Inditex é hoxe o soporte principal da actividade económica na área urbana da Coruña e un activo fundamental en Galicia; a localización na mesma cidade da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) pode ser unha oportunidade para o conxunto do país
Calquera exercicio de prospectiva está sometido ao feito de que vivimos nun mundo de incertezas. Para acoutar a cuestión, imos limitarnos aos riscos económicos, aínda que poidan ter causas políticas e efectos tamén noutros ámbitos. Salientamos tres:
1- Os derivados dos procesos de cambio tecnolóxico, que podemos centrar na biotecnoloxía, na transición enerxética e na Intelixencia Artificial (IA). Cal é o risco? A IA, por exemplo, pon en cuestión entre o 20 e o 30 por cento dos postos de traballo actuais en Galicia (OCDE, 2024), aínda que esta proporción podería aumentar. Efectivamente, terá un impacto positivo sobre a produtividade xeral e a creación de emprego en novas áreas. Pero podemos quedarnos atrasados na aparición dun novo paradigma, que algúns denominan a economía do custo marxinal 0, cunha base enerxética desconcentrada e as redes como forma de organización preferente; volver ser, outra vez, periferia do sistema.
Por iso cómpre apostar pola xeración de coñecemento nos eidos indicados, pola súa aplicación xeneralizada, no ámbito privado e público, e por afianzar aqueles actores que ordenan o mundo global. Inditex é hoxe o soporte principal da actividade económica na área urbana da Coruña e un activo fundamental en Galicia, por exemplo; a localización na mesma cidade da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) pode ser unha oportunidade para o conxunto do país. A difusión da aplicación da IA será imprescindíbel para garantir a competitividade.
Para Galicia sería especialmente negativa unha España insolidaria no social e no territorial. Un escenario que conduciría tamén a unha forte acentuación das desigualdades sociais e territoriais dentro de Galicia
2- Os derivados dos cambios nos procesos de integración económica, onde son dous os riscos principais:
a) Unha mutación na integración europea, con novas fronteiras e un retroceso na integración comercial e financeira, así como na mobilidade das persoas. O que se acompañaría da renacionalización das políticas comunitarias e da renuncia a dotarse de novas políticas comúns, en ámbitos que son bens públicos innegábeis (defensa, política exterior e de seguranza, política ambiental).
b) A fragmentación do mundo en bloques ou áreas con reducidas relacións comerciais entre elas. O que reduciría o nivel de vida e benestar a curto prazo e dificultaría o progreso a medio e longo prazo. O tránsito da globalización neoliberal, ideolóxica, a una regulación da globalización que preserve intereses básicos da poboación e eleve o límite de seguranza non debería levarnos cara á creación de bloques pechados.
3- A crise en Europa do modelo de benestar e dun modelo territorial que, con todas as imperfeccións, busca un certo equilibrio entre o respecto á autonomía e a diversidade e a promoción da igualdade e da cohesión. Para Galicia sería especialmente negativa unha España insolidaria no social e no territorial. Un escenario que conduciría tamén a unha forte acentuación das desigualdades sociais e territoriais dentro de Galicia.
Notas
(1) “As posibilidades económicas dos nosos netos” ten a súa orixe nunha serie de charlas do autor en 1928, que logo transformou para a conferencia que protagonizou en Madrid os días 11 e 18 de outubro de 1930, publicada despois en The Nation and Atheneum. O optimismo económico de Keynes poucos meses antes da Gran Depresión de 1929 mantense despois. O autor tamén é coñecido pola frase “a longo prazo, todos mortos”.
(2) Poboación <16 anos e > = 65 anos)/ poboación de 16-64 anos.
(3) Calculada como o número de ocupados sobre a poboación en idade de traballar.
(4) Os dous procesos (incremento potencial do emprego ligado á mellora do saldo exterior e aumento da produtividade) están, ademais, relacionados. A primeira condición sería un aumento substancial do investimento privado nos sectores de maior crecemento. A segunda, a captación de traballadores no exterior. Centrándonos no primeiro, iso implica poñer o acento en mercados de bens e servizos en expansión, ben do punto de vista xeográfico ou ben de especialización fina en segmentos de produción non maduros. Nos servizos o turismo pode xogar un papel, pero habería que apostar sobre todo polos servizos a empresas.
Bibliografía
- Corbelle-Rico, E., Sánchez-Fernández, P., López-Iglesias, E., Lago-Peñas, S.; Da Rocha, J. M. (2022). “Putting land to work: An evaluation of the economic effects of recultivating abandoned farmland”, Land Use Policy 112, 105808.
- Cuadrado, P., Izquierdo, M., Montero, J. M., Moral-Benito, E., Quintana, J. (2022). El crecimiento potencial de la economía española tras la pandemia. Banco de España. Documentos ocasionales, nº 2208.
- Fernández Leiceaga, X. (2020). O país do porvir. Vigo: Editorial Galaxia.
- Fernández Leiceaga, X., Lago Peñas, S. (2024a). “Autogobierno y modernización de Galicia durante las cuatro últimas décadas”, Cahiers de civilisation espagnole contemporaine, 4-2024. Fernández Leiceaga, X., Lago Peñas, S. (2024b). “El Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia: Una perspectiva regional”, Working Papers Ivie nº 2024-4.
- Fernández Leiceaga, X., López Iglesias, E. (2013). “As transformacións socioeconómicas de Galicia. Balance de cinco décadas”, Grial 200, pp. 40-49.
- INE (2024). Proyecciones de población a largo plazo 2024-2074. Keynes, J. M. (2009). Ensayos de persuasión. Madrid: Editorial Síntesis.
- Lago Peñas, S. (2024). “La productividad de la economía gallega: una perspectiva de largo plazo”, Informe Ardán. Consorcio de la Zona Franca de Vigo, pp. 7-30.
- López Iglesias, E. (2016). “Do atraso ao progreso económico de Galiza? Un proceso histórico á espera dun relato”, en Dubert García, I. (ed.): Historia das historias de Galicia. Vigo: Edicións Xerais, pp. 329-356.
- OECD (2024). Job Creation and Local Economic Development 2024: The Geography of Generative AI. París: OECD Publishing. Schumpeter, J. A. (1968). Capitalismo, socialismo, democracia. Madrid: Editorial Aguilar.
- Stigler, G.J. (1986). El economista como predicador y otros ensayos. Barcelona: Ediciones Orbis.
- Vaquero García, A., Lago Peñas, S., Cadaval Sampedro, M., Sánchez Fernández, P. (2024). “La dinámica de inversión regional en España: un estudio comparativo de las Comunidades Autónomas”, Investigaciones Regionales Journal of Regional Research.